Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

2naFronteira: "Todo poema pode ser musicado, pero hai que atoparlle o seu segredo"

Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, compoñentes de 2naFronteira.

- Como xurdiu a idea de gravar Son de Nós

-Carmen e Maurizio: A idea de facer un traballo con poemas da revista Nós xorde xa na estrea do noso anterior disco, Zapatiños para Díaz Castro, en Ourense. A Asociación ProCentenario Nós, presente no acto, mostrou o seu interese nas cancións que fixeramos dos poemas de Otero Pedrayo e suxeríunos musicar poemas de Nós. Ese mesmo verán puxémonos man á obra e descubrimos unha forte afinidade ideolóxica coa revista: cosmopolita, pero fortemente arraigada na terra e na tradición e cunha forte vocación de poñer a cultura galega no mundo. Un eclecticismo e variedade que non son para nada alleos ao estilo de 2na Fronteira.

-De cales poetas atopamos textos neste disco?

-C e M: Pois dende poemas do xa citado Otero Pedrayo ata outros de Eduardo Blanco Amor, Xosé Velo, Francisca Herrera, Bouza Brey e F. L. Bernárdez. Foron moitos os temas que, por falta de espazo, tiveron que quedar fóra deste disco, xa que co material recollido e o traballo levado a cabo podería chegar a publicarse un dobre CD. De todos os xeitos, o noso obxectivo é incluílos nun segundo álbum, baixo o nome de Nós, seguramente en 2020, ano especialmente simbólico porque nel se conmemorará o centenario da revista.

-Cantos números da revista Nós

-Carmen: Durante o verán do 2014 miramos páxina por páxina toda a revista, lendo toda a súa poesía e tamén algúns dos marabillosos textos en prosa que a compoñen. Escollemos poemas de toda a publicación, dende 1920 ata 1936. Por sorte, puidemos ter na casa varios meses os facsímiles da biblioteca do meu centro de traballo (o IES A Paralaia de Moaña). Tamén colaboraron connosco amigos que nos mandaron textos dalgúns poetas.

-Por que decidiron adiantar a este 2015 a publicación do disco e non agardaron ata o 2020?

-Carmen. A primeira idea era publicar un disco en honra de Ourense e os seus poetas. Xa tiñamos traballo feito con Otero, Blanco Amor e Xosé Velo, pero, como xa dixen, da Asociación ProCentenario Nós 2020 suxeríronnos esta idea de centrarnos na revista, porque xa coñecían este traballo noso. Eles tamén nos proporcionaron un elenco de poemas da revista que nos axudou a orientarnos ao principio.

-Como foi o proceso de selección dos poemas? Que criterios seguiron?

-Maurizio: En parte guiámonos pola musicalidade do verso e o seu ritmo, pero tamén polo contido e pola representatividade que os poemas podían ter do entusiasmo e esperanza que tiñan estes poetas da Época Nós.

-Chama a atención, entre os poetas seleccionados, a figura de Francisca Herrera, a única muller. Poden engadirnos algúns datos sobre esta personalidade poética galega, bastante descoñecida hoxendía?

-Carmen: Si, é verdade; non é moi coñecida, e dende logo non é fácil acceder á súa obra. A temática da muller está presente na revista; pero como autoras, a súa presenza redúcese a Francisca Herrera. Curiosamente foi amiga de Rosalía, aínda que non compartía con esta a súa visión máis avanzada e reivindicativa da muller. Algúns dos poemas son circunstanciais, en ocasión dalgún acto social, pero outros teñen unha fondura intensa e unha sinceridade case ferinte.

-Autores como Blanco Amor, Otero Pedrayo ou Xosé Velo non son, precisamente, coñecidos pola súa obra poética. Cren que o disco servirá para que a partir de agora sexa tida máis en conta polos estudosos da literatura galega?

-Carmen: Cando escollemos os textos, pensamos sobre todo en difundir os poetas entre a xente que nos escoite. Os estudosos seguro que xa coñecen ben estas poéticas sen o noso disco. Si nos gustaría que Xosé Velo ocupase o lugar que lle corresponde entre os poetas do seu tempo e que, ao mellor, algún doutorando se anime a facer os seus estudos sobre el.

--É posible poñerlle música a toda clase de poemas ou hai poemas "inmusicables"?

-Maurizio: Cada poema pode ser musicado porque cada poema ten un segredo. E a música pode ser moi indiscreta...

-Cal é a fórmula para atopar a música axeitada para un determinado poema?

-Carmen: Non hai unha fórmula única: algunhas cancións veñen "regaladas" no medio da noite, sen traballo ningún. Outras nacen dunha improvisación nun ensaio calquera e outras hai que traballalas, buscando as mellores solucións para o texto. Por algunhas, mesmo temos discutido!

-Unha música inadecuada pode "desgrazar" un poema?

-Carmen: E tanto! A música pode ser un peso no pescozo dun texto. Como músico, tes que ser honesto, respectuoso e humilde frente á creación dun escritor. E, ao mesmo tempo, ser algo ousados.

-Maurizio: Esta é, precisamente, a grandísima responsabilidade que asumes como músico cando traballas con poemas e non con letras túas. Musicar un poema non é engadirlle algo, senón perseguir algo novo con ese texto.

-En que senso afirman Vdes. que este é o seu disco máis maduro?

-Maurizio: Porque é o último, e sempre se intenta seguir medrando e mellorando, non deixar nunca de estudar e investigar os propios límites. O próximo será mellor! (risos)

-Xunto a 2na Fronteira, hai outras formacións que tamén se dedican a musicalizar poemas de autores galegos. Coidan que está a ter repercusión este labor ou vense obrigados a actuar só en circuítos, digamos minoritarios?

-Carmen: Agora quizais sexamos máis, pero xa hai moitos anos que certos grupos comezaron este tipo de traballo, e algunhas desas cancións foron verdadeiros himnos dunha xeneración nos setenta e oitenta. Ata certo punto, agora parece case unha moda. Esta abundancia pode axudar a que os programadores culturais abran os seus esquemas, que, ás veces, son conservadores de máis. Refírome a que ante todo, o que fas son cancións, non textos. E esas cancións poden gustar a un amplo público, mesmo a aquel que non le poesía. Propós un espectáculo entretido e emotivo, non fas un acto educativo. A proba está nos concertos: nenos, maiores, rapaces... escoitan a túa música sen prexuízos, sen pensar que van a un acto cultural minoritario. Un concerto é unha festa, unha comuñón entre o artista e o público, e se ademais leva dentro boa poesía, aínda mellor. E ao mesmo tempo intentas ofrecer sempre o máximo nivel que se espera o público máis esixente.

-Adoitan ser Vdes. moi activos. Están xa traballando noutra idea nova?

-Maurizio: Iso sempre. E esperamos que siga sendo así. Temos pendente rematar o traballo con Poeta en Nueva York de Lorca, e Carmen está traballando nunha idea sobre as mulleres na guerra, que seguramente vai dar moito que falar.

Compartir el artículo

stats