Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ENTREVISTAS

Elena Gallego: "Cada 'Dragal' evidencia a miña progresión"

Presenta mañá a cuarta parte dunha novela que está a resultar un fenómeno literarios na narrativa galega

Elena Gallego Abad presentará mañá, venres, na Feira do Libro de Vigo Dragal IV. A estirpe do dragón (Edicións Xerais), cuarta entrega dunha saga que está a resultar un dos fenómenos literarios máis salientábeis da narrativa galega destes comezos de século. A escritora afincada en Marín fálanos tamén nesta entrevista doutros proxectos

- Dragal

-Cando comecei a escribir A Estirpe do Dragón, o meu reto era ampliar o universo dragaliano con novas aventuras, personaxes e datos históricos que sorprendesen os lectores da saga para, ao tempo, dar resposta ás esixencias que supón o seu traslado ao universo audiovisual. No cartafol de Dragal teño elementos máxicos abondo para pechar unha segunda triloxía e dar forma e contidos a unha terceira. Se as alquimias literarias funcionan e os lectores responden, estou disposta a chegar ás nove novelas. Mais o tempo dirá. Agora o reto é darlle forma á quinta.

-Non teme que só a identifiquen como a creadora de Dragal

-Esa era unha das cuestións que me levaron a escribir Sete Caveiras (Xerais). Coido que o éxito desa novela negra, con tres edicións en apenas dez meses, rachou con esa posible "maldición". É evidente que o nome de Elena Gallego Abad vai ligado ao de Dragal, un fito literario do que me sinto moi orgullosa. Mais neste intre a miña preocupación principal é que a vindeira entrega da saga supere as anteriores, moi por riba da posible valoración dos lectores a outros proxectos literarios que aínda non viron a luz.

-Aínda que tamén escribiu Vde. esa outra novela fóra da saga, Sete Caveiras, a xeira de Sete Caveiras, Dragal

-Coido que cada nova entrega de Dragal evidencia a miña progresión como autora, porque o reto que me impoño antes de escribir outra novela é que esta sexa mellor ca anterior. A historia de Dragal naceu dunha aposta familiar. Logo, dese primeiro libro xurdiu unha triloxía que, capítulo a capítulo, foi medrando a nivel literario. Tres anos despois de pechala, chega ás librarías Dragal IV. Cando asumín a posibilidade de escribir este novo libro, de iniciar unha nova xeira, sabía ao que me expoñía. Hai lectores que están a devorar as catro novelas dunha sentada, cando a min me levou seis anos escribilas. Superada esta proba de lume, cun universo en expansión e dragóns ceibos no mundo real, a saga aínda pode medrar. Dragal non sabe de cancelas, o seu xénero híbrido entre novela fantástica, histórica e de aventuras permíteme experimentar novas posibilidades. Agora teño unha estirpe de dragóns... E penso levala ao límite.

-O seu nivel de autoesixencia é o mesmo hoxe que cando Vde. comezou a a escribir o primeiro Dragal

-Cando comecei a escribir, non tiña nin idea do universo máxico que estaba a xurdir do teclado do meu ordenador. A esixencia inicial era grande, porque aquela historia tiña que conquistar o meu fillo, sorprender a un lector xa adoito a convivir con dragóns. De feito, Dragal é unha historia que non ten nada que ver con todo o publicado ata o momento. Superado este reto, cun compromiso de publicación por parte de Xerais, chegou outro máis grande: escribir unha triloxía con alicerces na historia e tradición galegas, que fose quen de conquistar máis lectores. Nunca pensei que podía chegar tan lonxe, mais xa van publicados milleiros de libros, non só en galego, senón tamén en catalán, castelán e inglés. E logo, o salto de Dragal ao universo audiovisual foi un novo chanzo a superar. Agora a triloxía convértese en serie literaria, mais só terá continuidade mentres poida ofrecer algo novo ao lector en cada libro, superando os anteriores.

-Entra dentro dos seus próximos proxectos escribir outra novela tipo Sete caveiras

-Neste intre estou centrada nas traducións e promoción de Dragal en España, na expansión da serie a nivel internacional e na documentación do próximo Dragal V. Son moitas frontes abertas, mais debo confesar que algunha nova historia bule no teclado. Pero non é novela negra. Moitos lectores de Sete Caveiras reclaman que escriba outra narración do xénero, mais polo de agora non atopei unha historia potente que xustifique o regreso de Marta Vilas. Aínda así, as portas sempre están abertas.

-Quixera que me falara das traducións ao castelán, inglés e catalán...

-Os galegos non somos conscientes de que nos expresamos en galego, mesmo cando falamos ou escribimos noutras linguas. E non só se trata de gramática, que tamén. Cando asumín converterme na tradutora de Dragal ao castelán, tiven que enfrontarme a dificultades coas que non contaba. Hai cousas, expresións, sentimentos, tradicións que non teñen tradución literal e son difíciles de explicar fóra. Por poñer un exemplo, "A Poza da Moura" non é "La charca de la Mora". A maior dificultade é manter a esencia máxica de Dragal, aínda que iso signifique modificar o texto de parágrafos completos, eliminar ou introducir frases que non aparecen na versión orixinal. Co meu tradutor ao inglés, Jonathan Dunne, teño interesantes intercambios de correos electrónicos, do estilo "Había que botarlle un pouco de cara ao asunto - que sentido ten esta frase?". En setembro verá a luz Dragal II en inglés, e tamén en castelán. Neste caso os lectores poderán descubrir algunhas modificacións con respecto á versión galega, resultado de longas conversas con Pablo, o editor de Anaya.

-Falemos agora dalgún dos outros proxectos que manexa. En primeiro lugar, quixera que contase algo do Campo de Traballo Internacional Dragal que se vai desenvolver no Pico Sacro do 1 ao 12 de agosto.

-O Campo de Traballo Dragal, que promoven a Dirección Xeral de Xuventude e o Concello de Boqueixón, é un proxecto internacional que ten, entre os seus obxectivos, crear un lugar de encontro da mocidade europea para crear sinerxías no entorno do Pico Sacro, inspiradas na obra literaria da que eu son autora. Este campo de traballo de dinamización xuvenil e lingüística, ten tamén contido audiovisual e de promoción turística. Contará coa participación dunha vintena de mozos de entre 18 e 30 anos, procedentes de países como Alemaña, Francia, Rusia ou Turquía. Tamén haberá participanteschegados de puntos de España tan dispares como Logroño, Sevilla, Almería, Valencia ou A Coruña, entre outros.

-Como vai o proxecto cinematográfico de Dragal

-A produción dunha película é un proceso longo e complexo. Ficción Producciones participa nos principais mercados audiovisuais do mundo, nos que Dragal está atopando unha fantástica aceptación. Neste intre o guión da primeira película, a cargo de Jesús Ferrero, está practicamente rematado. A idea da produtora é que o filme sexa dirixido por un director novo, pero xa consolidado. Barállanse algúns nomes interesantes.

-E o Cómic Interactivo?

-Despois de longos meses de traballo, coido que Ficción Producciones xa está a piques de presentar o cómic de Dragal, a cargo do debuxante David Rubín e con guión de Carlos Portela. Neste momento o primeiro videoxogo de Dragal, que estará dispoñible a través da plataforma Google Play, está en período de proba.

-Qué queda daquela Elena Gallego xornalista á que un día se lle ocorreu "inventar" un dragón?

-Como diría Marta Vilas, a protagonista da miña novela Sete Caveiras, o xornalismo é unha profesión que se leva nas veas, á que non descarto regresar algún día. Como persoa, quero pensar que sigo sendo a mesma. As rutinas da miña vida mudaron ao facelo o meu entorno de traballo, pero manteño viva a ilusión por escribir outra fantástica novela coa que conquistar novos lectores.

Compartir el artículo

stats