Da man de Sushi Books chega ata nós a tradución dun clásico, O libro da selva de Rudyard Kipling, quizais unhas das obras máis coñecidas no panorama da literatura universal e que os lectores do século XXI seguen apreciando polas ensinanzas que del se extraen e pola maxestuosidade da súa prosa.

As historias, baseadas en contos de animais da selva india que dalgunha forma plantexan leccións morais, prenden a atención do lector, porque deitan a súa ollada sobre unha natureza dura, agreste, mais amable coas súas criaturas e que, a miúdo, se ve alterada pola intervención do home que non entende nin de leis, nin de ciclos naturais, nin de autorregulación.

O primeiro conto é o que ten a Mowgli como protagonista, un neno pequeno que é acollido por unha familia de lobos e medra como un membro máis da manda, axudado por Baloo, un oso que lle aprende a lei da selva e por Baghera, unha pantera negra que vixía os seus pasos.

Os seguintes contos teñen protagonistas diferentes e mesmo non transcorren exactamente na selva india: Kotick, a foca branca; Rikki-Tikki-Tavi, a mangosta; Hathi, o elefante sabio ou un campamento de camelos, elefantes, cabalos, bois e mulas e todos amosan que o quebrantamento das leis da natureza non achega ningún beneficio, máis ben o contrario, alterar o ritmo biolóxico pode supoñer unha desgraza; só aqueles que son quen de respectar ao outro conseguirán sobrevivir.

O carácter antropomórfico dos relatos fai posible o coñecemento dos sentimentos dos animais e o porqué das súas actuacións. E así o Premio Nobel no ano 1907 aproveita determinados estereotipos que a tradición ten verquido sobre os animais para plasmar comportamentos interesados, malintencionados ou simplemente malvados, de modo que a atribución de características e cualidades humanas a animais serven para definir condutas que raian o indesexable e que se o home é capaz de espertar aínda se tornan, se cabe, máis desprezables.

Os animais temidos polo home serven para categorizar, conceptualizar ou lexicalizar situacións concretas que despois metaforica ou metonimicamente configuran situacións xerais e nesta escolla Rudyard Kipling é un experto.

KIPLING, Rudyard, O libro da selva, Ed. Sushi, Cangas, 2014, PVP. 16 €