Hai boas novas para a nosa lingua. O Dicionario electrónico Estraviz acaba de estrear a súa terceira versión. Nunhas poucas semanas está previsto, ademais, que volva á rede, despois dun ano de ausencia, o de Ir Indo. Os dous traen novidades que suporán unha mudanza importante nos recursos dixitais de consulta do idioma galego.

O e-Estraviz engade 6.000 entradas con respecto da edición anterior, do 2009. Chega, así, ás 130.000. O seu obxectivo non é prestar servizo só aos galegos, senón servir de referente para toda a lusofonía. Desta maneira, está escrito conforme ao Acordo Ortográfico do portugués de 1990, mais as procuras de palabras poden realizarse na norma institucional galega, na da Associaçom Galega da Língua (Agal) ou en portugués padrón. Cando a grafía é diferente en Portugal e no Brasil, aparecen ambas entradas. Nos termos populares recóllense diferentes variantes, algunhas exclusivas do territorio de Galicia e outras, -a maioría-, coincidentes coas portuguesas.

Tampouco o dicionario da editorial Ir Indo -Digalego-, está concibido só para galegos. Por iso inclúe as equivalencias en portugués, inglés, francés, alemán e italiano. Na súa primeira versión en liña contaba xa con máis de 65.000 entradas. Unha das súas características, como no caso do e-Estraviz, é a vocación de actualización permanente. O Digalego chegou aos 90.000 vocablos, foi engadindo sinónimos e na nova edición terá tamén refráns e frases feitas. Volverá estar, tamén, en aberto, tras un período en que foi de pagamento. "A Xunta asumiu o proxecto. Nós non puidemos mantelo polo elevado custe. Así, estarán disponibles na rede tanto o noso dicionario como a nosa enciclopedia", explica o director de Ir Indo, Bieito Ledo.

O Digalego adaptárase, ademais, ás modificacións da normativa da lingua galega aprobadas pola Real Academia Galega (RAG) no 2003 antes de que o fixera a propia Academia. A edición do 2012 do dicionario electrónico da RAG subsanou, porén, esta carencia. Ademais de adecuarse aos cambios do 2003, pasou de 25.000 a 50.000 artigos lexicográficos. Tamén incrementou o número de acepcións e fraseoloxismos e reformulou o texto das definicións para facelas "máis precisas e naturais", segundo salienta Manuel González nun documento disponible na web da Academia. González é, xunto con Antón Santamarina, o director desta obra.

Mais o Dicionario Estraviz presenta non só unha cantidade maior de entradas, senón unha grande riqueza no ámbito da sinonimia ou da fraseoloxía. Está adaptado tamén para dispositivos móbiles. Ademais, foi sempre realizado e mantido sen axudas institucionais. Nesta última versión, fixérono posible as achegas da Agal, da Academia galega da língua portuguesa e da Fundaç?ãoMeendinho e o traballo voluntario dun equipo dirixido por Estraviz e por Carlos Durão, coa coordenación técnica de Vítor M. Lourenço. O Ir Indo podía utilizarse facilmente, pola súa banda, para a consulta de dúbidas nun texto, pinchando sobre a palabra a procurar.

Estes dicionarios son froito dun longo proceso de evolución, non exento de atrancos. Cando aínda se trataba dun proxecto de dicionario en papel, editoriais como AKAL, Galaxia, ou Sotelo Blanco rexeitaron a proposta do Estraviz pola súa opción normativa reintegracionista, segundo subliña el mesmo. Entón só lle permitían, -lembra-, que a entrada na norma da súa escolla figurase entre parénteses, ou nin iso. Máis adiante, o dicionario pasou para a editora Nós, que pechou as súas portas despois da publicación do primeiro dos cinco volumes que ía ter, nos 80. A Agal publicou a primeira versión en liña anos despois, no 2005. Ir Indo pelexou, pola súa parte, pola colaboración institucional en diversas e non sempre doadas etapas.

Outras posibilidades

Outra opción para consulta en liña de dúbidas lexicais son os Recursos Integrados da Lingua Galega, aos que se accede na web http://sli.uvigo.es/RILG/. Para a corrección lingüística na norma do Instituto da Lingua Galega (ILG) e da RAG é interesante o Ortogal, da Universidade de Vigo. Para cuestións ortográficas, o Volga, -accesible a través do site da RAG-, e para fonética o Dicionario de pronuncia da lingua galega do ILG, -da Universidade de Santiago-. Para tradución, o Opentrad, por exemplo, -desenvolvido, na súa parte técnica, pola empresas Imaxin/Software e Eleka Ingeniaritza Linguistikoa-. Na web do ILG hai información sobre proxectos máis específicos.

O dicionario de pronuncia do ILG propón un modelo "na variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala" e baséase na obra homónima de Xosé Luis Regueira. Tamén o dicionario da RAG contén información sobre a pronunciación, ademais de sobre as propiedades gramaticais, os sinónimos, os antónimos, o rexistro e outros datos. O Seminario de Lexicografía é o encargado de actualizalo. Os recursos electrónicos para a axuda na escrita do galego non deixan, desta maneira, de medrar. A web da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ofrece un pequeno directorio con enlaces, con algúns dicionarios bilingües