Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cunqueiro (1)

O escritor Álvaro Cunqueiro Magar

Hoxe non abro a fiestra. Vai frío. Pero sento á beira e remato un novo libro de Álvaro Cunqueiro: Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra, editado pola editorial Galaxia. Un volume onde se recollen traballos que o autor de Merlín e familia foi sementando por variadas publicacións ao longo dos anos e fai referencia a Pontevedra cidade e a outras vilas da provincia. Algo repetitivo, pero que non deixa de posuír a alma cunqueiriana que decote te atrapa. E isto lévame a escribir sobre o autor mindoniense.   

Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra, editado pola editorial Galaxia.

Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra, editado pola editorial Galaxia.

Porque nada sería igual na literatura galega, sen a palabra enfeitizada e enfeitizadora de Álvaro Cunqueiro.

Non vou descubrir nada novo de don Álvaro neste artigo, pero non podo deixar de seguir reivindicando unha obra eterna.

Gústame relembrar as súas verbas e que, con elas, ecoen no aire as emocións que producen os libros dun home dunha categoría literaria altísima e que, a nivel persoal, me axudou a ser escritor, me falou do oficio do escritor e conseguiu aniñar os seus escritos no máis fondo do corazón dos lectores, tantas veces desorientados, na nosa benquerida lingua.

Cando Álvaro Cunqueiro nace en Mondoñedo alá polos días de Nadal de 1911 poucos sabían -nin tiñan por que saber- que nacía un “facedor de soños”, un inventor de ilusións. Nacía un apaixonado da vida, un observador intelixente dos problemas que rodeaban os galegos, nunha contorna dura pero tamén máxica. E esa contorna chea de atrancos reais foi recreada e, mesmo, inventada por el cun agarimo literario e humano extraordinarios.

Lembremos a súa afirmación: “Porque coñezo ben o entorno máxico do galego e o habitante de Fisterra resolve a maioría dos problemas dentro dese entorno, puiden inventalo. Inventar é un método válido de coñecer”.

  • Inmortal Cunqueiro

    La emocional, y “nada académica”, biografía del genial escritor de Mondoñedo

Se tivese que expresar o que eu experimentei cando comecei a ler a Álvaro Cunqueiro, non me chegarían as palabras. Non o vou facer. Simplemente quero deixar no aire o efecto sensorial que me provocou: a luz. Sempre lin estes libros cunha sensación de luz real, dentro do ton máxico e imaxinario dos textos; palabras inzadas de encantamento, imaxes cheas de luz brillante, perenne, que me permitían perderme por unhas historias contadas dende a sabedoría do encantador de verbas literarias. Nunca sentín a escuridade do antigo, do descoñecido; vivín liña a liña a difícil, pero en Álvaro Cunqueiro natural, sensación da maxia como algo nidio que me transportaba ao centro da fabulación próxima e intensa.

Mais debo recoñecer que van ser os seus libros de semblanzas, os que me van facer ser consciente de quen era Álvaro Cunqueiro. Con eles, eu entrei na narrativa galega. Coido que nestes tres libros (Escola de menciñeiros, 1960 / Xente de aquí e acolá, 1971 / Os outros feirantes,  1979) tres libros de retratos breves, retratos apaixonantes de seres reais e imaxinarios, é onde se dan todos os trazos característicos da creatividade literaria de Cunqueiro. Fantasía e humor van da man, vencellados ao coñecemento da psicoloxía dos homes e mulleres galegos e de todos os mitos populares que os rodean.

Debido a isto, pódense entender mellor as palabras do escritor sobre invención e coñecemento. Como coñece a contorna, pode inventala.

Eu sentín a miúdo, que Álvaro Cunqueiro estaba moi preto do pobo. Sabía moi ben como era, por onde se movía, como respiraba, cales eran os seus temores e as súas inquedanzas. A partir deste punto, Cunqueiro decidiuse a falar dos seres humanos e fíxoo dun xeito comprensivo, non exento de sinceridade e, sen esquecerse da caricatura que che fai sorrir e comprendelos mellor.

Literatura culta, as súas grandes obras; literatura de personaxes populares do país estes tres libros de semblanzas que a min me fixeron sentir tenrura, amor á miña contorna, inxenuidade, sorrisos auténticos e o convencemento de que cando se unen mestría narrativa, coñecemento do próximo e amor pola palabra podes crear un universo propio que se proxecte nos universos particulares dos lectores para enriquecelos co espírito que proporciona a forma artística ben elaborada.

Canto cheguei a querer o xastre de Muñiz de Parada, a Somoza de Leiva ou o cazoleiro, Braulio Costas! Historias pequenas, oídas polo autor; tipos tirados do pobo pasados pola imaxinación dun enorme fabulador. Que marabilla!

Volvo, unha vez máis, a eles, mentres deixo para un segundo artigo algúns outros apuntamentos sobre a obra dun escritor xenial. Prometido.

 

Compartir el artículo

stats