Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manifesto de Soutomaior

Retrato de María Vinyals, a “Marquesa Vermella” y al fondo el castillo de Soutomaior Arquivo FdV

O pasado luns 8 de novembro, as paredes do Castelo de Soutomaior foron testemuñas dun evento histórico. Co gallo do Día Mundial das Escritoras, a Deputación de Pontevedra coordinou un acto ao que fomos convidadas varias mulleres arredor da figura de María Vinyals, ao xeito das xuntanzas que a “Marquesa Vermella” organizaba na súa época nese mesmo emprazamento máxico.

  • As creadoras galegas asinan un manifesto ‘histórico’ contra a brecha de xénero na cultura

    Recoñecidas actrices galegas prestaron a súa voz a escritoras dos séculos XIX e XX nun acto celebrado no castelo de Soutomaior

Isabel Blanco comisariou unha velada onde fomos recibidas pola propia Vinyals, representada por Mariana Carballal. A partir dese momento, iniciouse un diálogo entre autoras dos séculos XIX e XX, coma Rosalía de Castro, Xela Arias ou Filomena Dato, personalizadas grazas ás ilustracións da artista María Lapido, e autoras actuais: Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Rexina Vega, Arantza Portabales e mais eu. Tamén tivemos a fortuna de compartir espazo coa Editora Edurne Baines, coa libreira Mercedes Corbillón e con Fátima Anllo, presidenta da asociación “Clásicas e Modernas”. E, como fío condutor, a voz da soprano Esperanza Mara.

  • El sueño cumplido de María Vinyals

    El castillo de Soutomaior acoge una exposición con material inédito sobre la vida de la intelectual con su marido Enrique Lluria en esta fortaleza medieval entre 1910 y 1917

Formar parte dunha convocatoria coma esta, que emula as xuntanzas que propiciaba María Vinyals con feministas da época, foi moi especial. Un serán de conto onde asinamos o “Manifesto de Soutomaior” seguindo o ronsel de Seneca Falls, cando no ano 1848 tivo lugar a primeira convención sobre os dereitos da muller nos Estados Unidos, liderada por Lucretia Mott e Elizabeth Cady Stanton. Esa declaración constaba de doce decisións. Do mesmo xeito, o “Manifesto de Soutomaior” recolle doce decisións que serán a nosa forza motriz na loita pola igualdade. Unha Declaración de Mulleres Autoras e Editoras Galegas, que denuncia a situación que vivimos as mulleres no sistema literario, e onde esiximos que se cumpra o artigo 26 da Lei de Igualdade. Hai moitas autoras galegas que brillan a través das súas obras, que gañan público lector libro a libro, que pelexan por facerse un oco no sistema literario. Tamén editoras galegas que sosteñen o peso das editoriais independentes, con menor volume de negocio, loitando por facer visibles as obras que publican. Unhas e outras escoitan (escoitamos), constantemente, esa palabra que semella dirixida e deseñada só para nós: a conciliación. O camiño que temos aínda que percorrer para conseguir a igualdade é longo. De agora en diante, este manifesto será o noso faro.

Ademais das mulleres participantes na velada, mencionadas no inicio deste artigo, asinan este documento Carmela Silva, Mª Victoria Alonso, Lucía Muradas, Paula Cabaleiro e Ana Amoedo. Faremos voar de man en man as nosas demandas, procuraremos mulleres que se sumen a esta iniciativa, teceremos unha rede de sororidade.

Nun momento da velada, Carmela Silva comentou que, unha vez que coñeces a figura da feminista María Vinyals, quedas tan fascinada que necesitas coñecer todo o seu universo. Da “Marquesa Vermella” sábense moitas cousas grazas ao traballo de expertas coma Isabel Blanco ou Silvia Cernadas, estudosas da súa vida e obra. Coñecemos mesmo o nome da carismática pantasma inventada por Vinyals, que estou convencida de que aínda hoxe deambula entre os muros do Castelo de Soutomaior: “O Alemanote”. Dou fe de que o pasado 8 de marzo, sentimos a presenza e a forza de ambos os dous.

Compartir el artículo

stats