Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A despedida de 2020

Ana Obregón, dereita, e Cristina Pedroche a pasada Noitevella

Son pouco amiga dos propósitos de Aninovo. Quizais porque percibo a posibilidade de incumprilos coma un fracaso, e iso é algo que me dá bastante respecto. No que atinxe ás tradicións, hai algunhas que me entusiasman e outras polas que paso sobre as puntas dos pés. Como as 12 uvas da sorte, que poñen o lazo á Noitevella e marcan a chegada do novo ano. Hai moito que non as tomo, pero confeso que me gusta ver como as comen as persoas da miña familia. Como se entusiasman, como confían a sorte do ano que chama as portas nese xesto, como se trabucan ano a ano cos cuartos, como as que xa teñen certa idade fan unha interpretación libre e obvian o ritmo marcado polas badaladas. É divertido ser espectadora dese momento. Para min esa é a auténtica tradición: a de observar.

Imaxino que en todas as casas hai certo debate antes de tomar a decisión de optar por unha ou por outra canle para vivir o momento das badaladas. Para a despedida do 2020 semellaba haber dúas propostas favoritas. A pregunta que pairaba no aire era: Obregón ou Pedroche? Confeso que non me entusiasmaba ningunha das dúas opcións, nin sequera opinei ao respecto. Alguén puxo TVE1 e o resto asumiu que esa era a despedida de 2020. En todos os aspectos da vida adoito fuxir, supoño que por pura supervivencia, do morbo, do sentimentalismo e do exhibicionismo emocional. Mais confeso que tiven que tragar saliva cando Anne Igartiburu agarrou a man de Ana Obregón para axudala a continuar porque se lle quebraba a voz, se lle quebraban os ollos e tamén algo dentro do seu peito. Non sei se Ana Obregón quería ou non quería estar nese balcón. O que non dubida ninguén é que foi un momento difícil e que talvez, logo dun ano tan duro, non podía haber mellor embaixadora para despedir 2020 e confiar no inicio dun novo ciclo. Pensei na sororidade e na capacidade das mulleres de sosternos unhas as outras. Minutos despois, o “vestido” de Cristina Pedroche inundaba as redes sociais. Todos os anos censuro mentalmente ese espectáculo. Se algo aprendín co tempo é que hai cousas que é mellor non escribir en redes se queres evitar que te esfolen viva. Coñezo os argumentos de Pedroche e a estratexia que emprega para disfrazar o feito de espirse dun acto de liberdade. Obviamente non o é, por moitas razóns. Unha delas é que hai unha importante suma de diñeiro en xogo. Pero existen outras: os corpos (espidos) das mulleres como reclamo é unha argucia que me parece inaceptable nesta altura da Historia. O papel de Pedroche lémbrame, ano tras ano, ao tipo de televisión que se consumía hai trinta anos e, concretamente, a “Las chicas del Tutti Frutti”, as Mama Chicho que Berlusconi trouxo de Milán a España. Mais alá deste espectáculo que está perfectamente naturalizado pola sociedade e case considerado xa unha tradición de Noitevella, o contexto actual non semellaba o momento axeitado para espirse unha vez máis. Menos aínda, alegar que o vestido era un tributo ás máscaras, afirmación que me causou estupor. Pola contra, considero que si era un momento ideal para espir o corazón. Cristina tiña unha oportunidade de ouro para reinventarse e demostrarnos que debaixo dos brillantes, os abelorios e o show televisivo, hai capacidade de inventiva. Mais fracasou estrepitosamente. Pregúntome que vai facer o ano vindeiro e ata onde vai estirar a corda antes de romper. Ou quizais xa rompeu?

Compartir el artículo

stats