“Cantos de vós fixestes o Camiño de Santiago? Aínda que sexa unha etapa... Pois anímovos a facelo porque é unha experiencia única. No Camiño apréndense moitos valores: compañeirismo, solidariedade, coidado do medio ambiente... Eu fíxeno moitas veces”. Así se dirixiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a centos de escolares congregados onte na Estación Marítima de Vigo para recibir os premios da Primeira Edición do Proxecto “Escola en Camiño”. Cincocentos alumnos e alumnas de máis de vinte centros escolares participaron nesta primeira entrega de galardóns por traballos elaborados durante o curso sobre a Ruta Xacobea: dende ilustracións do Pórtico da Gloria, ata percorridos gastronómicos por cada un dos camiños que levan ata Compostela, podcast, infografías sobre paisaxes e distintos momentos do Camiño ou entrevistas realizadas polo propio alumnado a persoas que, con moito esforzo, foron quen de rematar na Catedral de Santiago a súa especial peregrinación.

O presidente da Xunta felicitou o alumnado polos traballos realizados e animou os non premiados a traballar para conseguir unha distinción o próximo ano. Tamén quixo agradecer a FARO DE VIGO e A OPINIÓN DA CORUÑA a posta en marcha desta iniciativa, así como a docentes e familias por contribuír á elaboración dos traballos dos pequenos/as. Moitos dos asistentes ao acto de onte aproveitaron para sacar unha foto co recentemente nomeado presidente do Goberno galego. El mesmo se definiu ante os escolares como un apaixonado do Camiño de Santiago, de feito son moitas as fotografías que garda facendo o Camiño en distintas etapas da súa vida. Tamén practica ‘running’ e bici, como ten contado nalgunha ocasión falando de hábitos saudables antes, como vicepresidente, e agora como presidente.

Alfonso Rueda, ao fondo, xunto a algúns dos estudantes premiados R. Grobas

O director de FARO DE VIGO, Rogelio Garrido, asegurou que este proxecto, “Escola en Camiño”, reúne unha serie de “ideas, valores e principios extraordinarios que cómpre mimar e preservar”. “Ten que ver coa educación, coa formación, pero tamén coa historia e coa idea de peregrinación, de movemento. A educación é a mellor semente sobre a que se pode construír unha sociedade aberta, tolerante, sensible, curiosa, intelixente, respectuosa coa diferenza, dialogante, aberta e moderna. A historia fai referencia ao noso pasado, raíces, identidade como pobo. E o concepto de movemento está conectado coa vida, co cambio, coa transformación e co afán de sermos mellores e facer mellores aos demais. O movemento é unha viaxe cara fóra, cara os demais, e tamén cara dentro, cara un mesmo”, proclamou Garrido, que expresou o seu desexo de que o próximo ano poidan ser moitos máis os centros, de todas as etapas educativas, participantes neste proxecto e se superen os mil escolares presentes nunha gala coma a celebrada onte en Vigo.

Foto de grupo realizada na entrega de premios R. Grobas

“Escola en Camiño” é un proxecto dos xornais FARO DE VIGO e A OPINIÓN DA CORUÑA en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e o Xacobeo dirixido aos centros educativos da comunidade galega para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño de Santiago, así como a súa universalidade. Docentes e alumnado dos distintos centros participantes recolleron onte un trofeo, símbolo de recompensa polo traballo feito. Participaron na entrega, ademais do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do director de FARO, Rogelio Garrido, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o subdirector xeral de Prensa Ibérica en Galicia, Juan Carlos Da Silva; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña; Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta en Vigo; o xerente de FARO, Pedro Costa; o xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez; a directora do CFR de Vigo, Consuelo Rivera, e a directora do IES Valadares, Eva López, nun acto presentado por Bruno Rodríguez, director de Tecnoloxía da Información de FARO.

“Ponte de conexión”

“Vós, os rapaces e as rapazas, sodes o futuro do Camiño e de Galicia”

Rueda afirmou na gala de premios que cada día chegan a Santiago 2.000 peregrinos desde distintos puntos de Galicia, de España e de Europa. “Dende Portugal, Alemaña, Francia, Inglaterra, Estados Unidos, México, Arxentina, Xapón...”, enumerou o presidente, que lembrou o papel clave do Camiño na construción de Europa. “Dende a Idade Media, por iso hai que coidalo. Vós sodes o futuro de Galicia e do Camiño. Espero que teñamos moitos anos para construír o Camiño e construír Galicia entre todos”, apuntou Rueda.

“Europa foise construíndo a través do Camiño de Santiago; hai que coidalo entre todos”

Garrido asegurou que o propio Camiño de Santiago é unha escola: “unha das mellores escolas que poidamos ter”. “Por iso é importante coñecelo, aprecialo, defendelo, proxectalo, compartilo, sentilo e desfrutalo. Estes son os obxectivos que nos marcamos en FARO cando lanzamos este proxecto”, comentou o director do diario decano da prensa española. Lembrou Rogelio Garrido que Galicia é dende a Idade Media “a meta da máis importante ruta de peregrinación de Europa”. Definiu este proxecto para escolares (dende Infantil a Secundaria) como unha “magnífica ferramenta” para coñecer de primeira man o patrimonio artístico, arquitectónico, historia e natureza, como reflicten os traballos presentados nesta primeira edición polo alumnado participante. “Máis que un camiño é unha ponte que nos conecta co mundo. Unha ponte de encontro con outros”, engadiu.