8 de Marzo

Poio conmemora o 8M con 5 veciñas ‘exemplo de vida’

» Hoxe será a lectura do manifesto e xa o venres chegará a quenda do acto central, cunha homenaxe ao papel chave das mulleres que nos rodean

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, presentou o programa acompañada da psicóloga do CIM Lidia Fazanes.

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, presentou o programa acompañada da psicóloga do CIM Lidia Fazanes. / Faro

‘Visibles, empoderadas, iguais’. Este é o lema elixido pola concellería de Igualdade do Concello de Poio para conmemorar o Día Internacional da Muller este 2023, cun programa que se alongará durante todo o mes da man sesións de contacontos nos centros educativos e o habitual acto institucional ás portas do Consistorio, que se celebrará hoxe mesmo a partires das 13.00 horas

Pola súa banda, o acto central celebrarase xa o venres 10 de marzo, a partir das 20.00 horas, no Palacete de Besada. Será entón cando teña lugar a homenaxe pública a cinco mulleres, veciñas todas elas do municipio, “que son un exemplo de fortaleza, superación e de vida para todas e todos nós”, tal e como sinalou a tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio) durante a presentación do programa, na que tamén estivo presente a a psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Lidia Fazanes. 

Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro), Peregrina García Castro (San Xoán) e Rosa Rey Amoedo (San Salvador) serán deste xeito as grandes protagonistas dunha cita que se recupera logo das dúas últimas edicións do 8-M, condicionadas pola situación sanitaria.

Silvia Díaz: “queremos dar visibilidade ás mulleres do noso municipio, todo un exemplo de fortaleza, superación e vida”

“É necesario dar visibilidade e coñecer a historia das mulleres que nos rodean e que son os nosos modelos máis inmediatos, valorar a importancia da contribución á sociedade das nosas nais e as nosas avoas. O seu papel foi durante moitos anos relegado a un segundo plano, e delas temos moito que aprender”, sinalou a titular de Igualdade. 

Libro Mulleres en Poio

Sobre as súas vidas trata, precisamente, o libro “Mulleres en Poio 2023”, que será presentado no devandito acto do día 10. O libro está realizado por Polo Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla. A súa publicación finánciase a través dunha subvención de 6.000 euros concedida a Igualdade pola Deputación de Pontevedra. 

Contacontos

Ademais, as vidas de Julia, Dolores, Laura, Peregrina e Rosa serán tamén o eixe central dos contacontos que se levarán a cabo por parte dos propios integrantes de Polo Correo do Vento nos CEIPS do municipio. A primeira sesión terá lugar o día 21 no CEIP Viñas para, a continuación, desenvolverse en Lourido e Isidora Riestra (xoves 23) e Chancelas e Espedregada (venres 24).

Elas, as grandes protagonistas

A proposta das homenaxeadas foi realizada polas asociacións que forman parte do Consello Municipal da Muller. Son varios os factores que levaron a elixir a estas veciñas para seren recoñecidas neste 2023. 

  • No caso de Julia Vallejo, durante moitos anos compaxinou os seus estudos na escola coas tarefas no fogar. Tamén traballou en sectores como a conserva ou o bateeiro. 
  • Pola súa banda, Laura Currás é coñecida por rexentar o Hogar del Puerto, un dos establecementos hostaleiros máis emblemáticos de Combarro. 
  • Rosa Rey, de San Salvador, exerceu de mestra de primaria durante décadas, formando a varias xeracións de nenos e nenas. É coñecida tamén pola súa paixón polo teatro e colaborada habitual da Asociación Veciñal do Vao. 
  • Dolores Balboa, ao igual que Julia, tamén conta cunha longa experiencia traballando nas conserveiras. Ademais, chegou a ter oito ferrados, catro de viña e catro de horta, ao tempo que coidaba galiñas, porcos e unha vaca na súa Samieira natal. Todo isto sen renunciar á música, unha das súas grandes paixóns, sendo unha das pandeireteiras máis coñecidas da vila.
  • Por último, Peregrina García Castro segue a día de hoxe axudando aos seus veciños e veciñas no que sexa necesario, ao tempo que traballa na súa horta. Durante moitos anos encargouse de levar leite ás casas e a vender centeo e follato na Praza da Leña de Pontevedra.

A través desta iniciativa, o Consello da Muller quere “dar visibilidade ao papel das mulleres no noso municipio, como xeito de empoderalas e de promover cambios de valores na sociedade e no ámbito educativo”, concluíu Silvia Díaz.