NADAL OURENSE 2022

Ourense ilumina os reencontros das Festas

» 1.500 elementos de luz e cor xa visten a cidade, que estes días programa unha morea de 
actividades para pequenos e maiores

Un grupo de amigas fai un selfie coa árbore de Nadal de Ourense.

Un grupo de amigas fai un selfie coa árbore de Nadal de Ourense. / BRAIS LORENZO

Como o turrón, moitos ourensás volven a casa polo Nadal, unha época moi especial na cidade e tamén en toda a provincia, que luce xa nas nosas rúas e prazas con máis de 1.500 elementos de luz e cor e actividades para todas as idades e gustos. Todo a punto para os esperados reencontros. 

Á impresionante árbore de 38 metros de altura situada na Praza de Bispo Cesáreo, únense deste xeito outros reclamos fixos que nos acompañarán ao longo das festas como o bus musical, con actuacións itinerantes; o Mercado de Nadal do Parque de San Lázaro, cunha trintena de postos; ou a pista de xeo do centro comercial Ponte Vella, que tanto gusta a cativos e mozos, por pór só algúns exemplos.

Ourense ilumina o Nadal, título que da nome ao programa das festas para este ano, sumará tamén eventos e espectáculos culturais na Praza Maior e o Auditorio entre os que non faltarán os concertos, a maxia, os shows de patinaxe, o cine ou o humor, entre moitos outros. 

Destacan deste xeito divertidas propostas como Esfínter, programada para o martes no Auditorio Municipal con David Amor, Róber Bodegas y Javier Veiga. Tamén na mesma localización, veciños e visitantes da cidade poderán gozar da actuación do Ballet de Kiev. No que é un guiño de apoio á situación de Ucraína, representará O lago dos cisnes o vindeiro día 1. 

Ademais de todo isto, os máis cativos da cidade teñen unha cita coas personalidades chave destas datas; e, para mostra, un botón, porque Papá Noel xa ten instalado o seu centro loxístico na capital da provincia e durmirá na cidade durante ata catro días. 

A maiores, á rapazada tamén poderá coñecer ao ilustre habitante do Polo Norte en vivo e en directo este mesmo venres no Auditorio, nun espectáculo con reserva previa.

Pasada xa a Noiteboa, chega Fin de Ano, data na que non faltará a festa. Ourense é cidade de verbenas e, nesta ocasión, contará coa orquestra América a partir da unha da madrugada na carpa instalada na Praza Maior. Tamén haberá unha versión para adolescentes e e sen alcohol en Santa Eufemia.

Chegada a tarde do 5 de xaneiro, pola súa banda, a ilusión e a maxia porán o gran broche de ouro ás festas na cidade coa Cabalgata de Reis. 

Aínda que, se de ilusión se trata, non podemos esquecer mencionar a gran cita de cada Nadal para os cativos da provincia: do 26 e decembro ata o 4 de xaneiro, Pazolandia regresa ao Paco Paz, con atraccións, obradoiros, manualidades, inchables e moito máis para garantir a diversión durante as vacacións do período escolar. 

Todo a punto por tanto en Ourense para gozar do Nadal na nosa cidade e compartir novas vivencias e recordos cos nosos familiares e amigos; se cadra, o momento máis esperado do ano.