anuario pontevedra

Ponte Caldelas prepárase para despedir o ano

A vila do Verdugo prepara unha gran festa para a Noitevella » A Praza de España alberga unha gran árbore de Nadal con 14 metros de altura

Unha gran árbore de 14 metros preside a Praza de España.

Unha gran árbore de 14 metros preside a Praza de España. / Cedida

Moncho González

Dende o pasado 1 de decembro, Ponte Caldelas vive sumerxida no espíritu do Nadal. A iluminación e os adornos típicos destas datas buscan manter a ilusión dos veciños e veciñas da localidade e animar as compras dos agasallos típicos desta época do ano. Neste 2022, como novidade, instalouse na Praza de España unha árbore de 14 metros de alto transitable no seu interior, un dos grandes atractivos da vila. Ao igual que acontecera o ano pasado, están iluminadas todas as rotondas do municipio nunha aposta por extender a decoración de Nadal polo rural do municipio. Deste xeito, as rotondas de A Reigosa, Cuñas, Pazos, Caritel e Forzáns contan con fermosas árbores que, ademais de encher de espíritu de Nadal estes lugares do rural, dan a benvida a todos os visitantes que se acheguen ata a vila do Verdugo.

Aforro enerxético

Ponte Caldelas aplica este ano unha medida de aforro enerxético reducindo elementos de decoración, leds e cun axuste tamén nas horas de encendido do alumeado. Mantense a tradicional árbore da Praza do Bispo e as luces nas camelias, as fermosas bolas colgantes da Alameda, mentres que a Praza de España acolle a mencionada árbores transitable e tamén tres pequenas árbores en cores blancas e maxenta. Por outra banda, na Praza de Placeres Castellanos Pan ilumináronse dúas palmeiras e tamén hai iluminación nas principais rúas da vila.

Festa Fin de Ano

A festa de Fin de Ano na Praza de España de Ponte Caldelas é xa un referente no Nadal da vila, e este ano será a orquestra Marbella a encargada de poñer a música á entrada de novo ano na carpa que, un ano máis, o Concello de Ponte Caldelas ubicará a carón da pérgola e que atraerá a centos de veciños que queren celebrar xuntos a chegada do 2023.

Trátase dun evento totalmente gratuíto iniciativa do Concello que é xa unha referencia para a veciñanza, que quere disfrutar dunha noite especial acompañada de amigos e veciños no seu propio concello. A festa comezará á 01.00 da madrugada e extenderase ata ben entrada a madrugada. Ao igual que nas anteriores edicións, está garantido o bo ambiente e a boa música. Ademáis, despois de dous anos marcados polas limitacións da pandemia da COVID-19, agárdase que a praza se encha de veciños e veciñas con gañas de pasar unha noite inesquecible.