Un dos eventos gastronómicos máis multitudinarios e agardados do Concello de Silleda está de volta. A Romaría da Tortilla, dentro do marco das festas na honra do Divino Salvador da parroquia de Laro, celebra este venres 5 de agosto a súa 32ª edición.

Ás 21.00 horas terá lugar o chupinazo e tirada de salvas que anunciará o comezo da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia. Dende a organización da Asociación Amigos da Tortilla, recordan a posibilidade de alugar mesa para o evento, se algún grupo non quere -ou non pode- montar pola súa conta. Precisamente hoxe, 3 de agosto, remata o prazo para poder facelo, a través dos teléfonos 661019824 ou 662543817. Durante a romaría non faltará servizo de pulpeiro e mesmo haberá tortillas e viño a disposición dos presentes.

O XXXII Romaría da Tortilla de Laro recupera o seu formato tradicional, despois de dous anos de parón motivados pola pandemia da COVID-19. Así, na noite do venres haberá animación con pasarrúas por toda a carballeira a cargo da charanga Leña Verde. Non faltará a posterior verbena, animada polo Grupo Fama. O propio venres tamén haberá sesión Dj con David Expósito. 

Na xornada de sábado continuarán os festexos na honra do Divino Salvador, con actividades para nenos e maiores a partir das 18.00 horas. No centro social haberá trucos de maxia con José o Mago de Laro, e pola noite, verbena co Trío Arena e a orquestra Galilea.

Para rematar os festexos, o domingo 7 de agosto haberá misa solemne ás 13.00 horas, e contará con procesión e sesión vermú a cargo do Grupo de Gaitas Os Trasnos.

A Asociación Amigos de Tortilla apela á responsabilidade dos asistentes á romaría para que todo transcurra con total normalidade, e agradece ao Concello de Silleda a súa colabaroración para facer posible un ano máis a celebración da festa gastronómica.