O Tesouro de Agolada, entre a controversia e a confusión

Sábese que data da época final da Idade de Bronce e componse de dúas pulseiras e unha xarreteira ou colar forxado en láminas de ouro con estrías horizontais

Tesouro de Agolada no Museo 
de Pontevedra. Á dereita, no 
catálogo de Rafael Balsa.  | // MUSEO DE PONTEVEDRA

Tesouro de Agolada no Museo de Pontevedra. Á dereita, no catálogo de Rafael Balsa. | // MUSEO DE PONTEVEDRA / Ángel Utrera Baza

Ángel Utrera Baza

O presente artigo pretende recoller a información existente e estudos publicados por diversos autores, nalgúns casos mesmo contraditoria, sobre a descuberta no ano 1920 do denominado como Tesouro de Agolada. Aínda que queda probado documentalmente que no ano 1907 xa figuraba no Catálogo-inventario monumental e artístico de Pontevedra, manuscrito de Rafael Balsa de la Vega.

Publicación de F. Cuevillas.

Publicación de F. Cuevillas. / Ángel Utrera Baza

O tesouro como tal data da época final do Bronce, componse de dúas pulseiras e unha xarreta, colar forxado en láminas de ouro con estrías horizontais. A localización certa da súa descuberta aínda hoxe continúa a ser motivo de controversia: para uns autores apareceu no Castro de Goiás (Lalín), en tanto que outros o sitúan en terras do municipio de Agolada ou no Carrio, entre Lalín e Vila de Cruces. Dende a aparición do tesouro, a controversia sobre a descuberta do mesmo acompaña o seu achado sen que, a pesar do tempo e diversos estudos realizados sobre o tema por diferentes arqueólogos, consigan desvelar e unificar criterios.

Índice do tesouro 
de Agolada do catálogo 
de Rafael Balsa.

Índice do tesouro de Agolada do catálogo de Rafael Balsa. / Ángel Utrera Baza

O primeiro investigador que fala e presenta un estudo rigoroso do tema é o profesor Florentino López Cuevillas, nun artigo editado en Barcelona polo Butlleti de L’Associació Catalana D’Antropologia, Etnologia i Prehistoria. Volume IV páxinas 110-114, do ano 1926, baixo o título Novos Eisemprais da Ourivesaria Prehistorica Galega. Nota en col do Tesouro da Golada. Neste traballo o autor refire que o tesouro formado por tres pezas; dúas pulseiras e un colar ou xarreteira de ouro: “Foron atopadas haberá seis ou oito anos, ó pé da aldeia da Golada, lugar desviado 20 kilometros ó norleste da vila de Lalín, pol-os piós do contratista de obras Sr. Cachafeiro, que andaba por enton a abrir unha estrada provincial entre os dous pobos devantitos (sic)”.

O Tesouro de Agolada, entre a controversia e a confusión

Índice do tesouro de Agolada do catálogo de Rafael Balsa. / .

Posteriormente, en 1942, o mesmo autor afonda na confusión sobre as orixes da descuberta do tesouro ao indicar que este aparece “nun tramo entre Lalín e Agolada nos arredores do Castro de Goiás (San Miguel de Goiás, Lalín)”. O propio Cuevillas, en notas acoutadas o seu artigo do ano 1942 deixaba indicación de que posiblemente sobre a historia do Tesouro de Agolada existira documentación e antecedentes dos que falaba Jesús Carro, no ano 1923, nunha conferencia impartida sobre ourivaría e prehistoria de Galicia, no Círculo de Artesanos de A Coruña, e outra posterior no teatro da Casa Social de Santiago de Compostela, desafortunadamente nos existen copias impresas do mesmo.

O Tesouro de Agolada, entre a controversia e a confusión

O Tesouro de Agolada, entre a controversia e a confusión / Ángel Utrera Baza

Mámoa de Castro do Xastre

Con posterioridade, en 1989, os investigadores Armando Vázquez Crespo e Daniel González Alén, no seu libro A Comarca do Deza, no apartado correspondente ao Concello de Agolada, dan conta da aparición do tesouro no interior dunha mámoa chamada Castro do Xastre, preto de Agolada: “Díxose que as xoias foran achadas no castro de Goiás, ou preto de Moimenta, pero parece comprobado que o descubrimento se fixo cando se abría a devandita estrada, pero non no seu curso, senón nunha mámoa do chamado Castro do Xastre, entre Agolada e Ferreiroa”.

Con independencia do anterior, tal e como relata a xornalista Milagros Bará no Diario de Pontevedra nun artigo de maio de 2021 titulado El Tesoro de Agolada que se salvó de la fundición, non está claro cos datos e a información manexada polo antropólogo ourensán Cuevillas e outros arqueólogos, como Antonio García Bellido, que se ocuparon do tema, sexa correcta, xa que esta data facilitada por García Bellido en El tesoro áureo hallado en Golada (Galicia) en 1920, referendada por Florentino López Cuevillas no seu traballo Orfebrería Prehistórica en el Museo de Pontevedra (1942), non parece ser correcta, dado que a foto do tesouro xa constaba con anterioridade, concretamente en 1907-1908, no inventario que realiza para o Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes Rafael Balsa de la Vega (1859-1913), natural da vila de Padrón, un dos socios fundadores da Asociación de la Prensa de Madrid, artista consagrado, pintor, escritor e crítico de arte que nos deixou obras como Artistas y críticos españoles (1887), Los bucólicos. La pintura de costumbres rurales en España (1892) ou, o que nos ocupa e interesa, Catálogo monumental de Pontevedra de 1908.

Neste catálogo que entrega ao ministerio en 1908 correspondente á provincia de Pontevedra en dous tomos, no volume de imaxes, aparece a fotografía do tesouro co número 6 e co seguinte pé de foto: “Objetos prehistóricos. Brazalete de oro celta gallego”. No volume 1 de texto, na páxina 2 indícase: Brazaletes celtibéricos. Fotografía núm. 6.

Nas terras do Carrio

Esta teoría ía ser revisada e dada por boa por Filgueira Valverde, que, conxuntamente con García Alén, recollen testemuñas en Agolada, de varios operarios daquela obra da estrada Lalín-Agolada, que confirmarían como o tesouro fora atopado no interior dunha mámoa no denominado Campo do Xastre de Ferreiroa (Comendador 2003). O que engade aínda máis confusión á localización exacta do achado, xa que en tanto Vázquez e González Alen sitúan a mencionada mámoa no lugar denominado Castro do Xastre, Filgueira Valverde denomínao Campo do Xastre.

Outros autores, entre eles na web de Patrimoniogalego. net, o autor Elixio Vieites, no ano 2017, sitúa a aparición do tesouro bastante máis afastado do que se pensaba ata aquel entón, concretamente, nas terras da serra do Carrio, entre os concellos de Lalín e Vila de Cruces, no lugar coñecido como Pena de Ouro, nunha das mámoas da Necrópole das Brañas de Abonxo: “Ocupan un rechán, o rechán máis baixo da Serra do Carrio polo lado leste. Como referencia toponímica máis importante é a de Pena do Ouro, que está moi cerca deste lugar, onde posiblemente fora atopado o tesouro de Agolada, depositado no museo de Pontevedra. Fotos e información de Antonio Presas”.

Datos recollidos no artigo publicado na súa web Historia de Galicia.gal, polo escritor e investigador Carlos Solla o 27 de novembro de 2021, O misterio do tesouro de Agolada, no que pon de manifesto precisamente estas contradicións que estamos a comentar.

Finalmente, para rematar o tema, non podemos esquecer o apuntamento que realiza o mestre e investigar de Lalín Xoán Carlos García Porral, nunha publicación do 11 de novembro de 2018 en FARO DE VIGO baixo o título E se o Tesouro de Agolada fora da Ponte (A Veiga-Lalín), no que defende a posibilidade de que o tesouro aparecera preto do castro da Ponte, parroquia da Veiga, anexo eclesiástico de San Miguel de Goiás. No mesmo artigo, García Porral fai o apuntamento das varias lendas/tradicións orais nas que se fala de que na Fonte do Ouro, que nace ao pé da Ponte, se atopou un tesouro.

Estrada Lalín-Vila de Cruces

Abondando neste apuntamento, engadiría aínda máis confusión ao tema o feito de que o contratista Francisco Cachafeiro, que temos por certo entrega o tesouro logo que telo na súa casa durante un tempo, percibe no ano 1907 da Deputación pola obra contratada 2.629 pesetas, en concepto de: “liquidación de las obras ejecutadas en el trozo 5º del camino provincial de Lalín a Puente San Justo (Diario de Pontevedra, 28 decembro de 1907)”.

Tal e como apunta Carlos Solla, trataríase da actual estrada PO-206, entre Lalín e Vila de Cruces, que pasa nin máis nin menos que polo Val do Carrio, na serra do mesmo nome, onde está localizada a necrópole megalítica de Outeiro Grande-Riádigos ou das Brañas de Abonxo ou da Pena de Ouro, onde a tradición oral sitúa a aparición dun tesouro, o de Agolada? Tese que avala o mestre e xeógrafo lalinense Antonio Presas.

Queda claro, coas diversas teorías apuntadas, a confusión e as dúbidas existentes sobre a localización real do achado do tesouro, que ata a actualidade é imposible defender con argumentos contundentes.

Tal e como relata Milagros Bará no mencionado artigo do 9 de maio do 1921, o Tesouro estivo a piques de ser fundido para facer lingotes de ouro, durante a contenda civil Española, co gallo de contribuír á financiación dos gastos militares nas filas nacionais. Salvándose, por sorte, debido a que se considerou o seu valor histórico como moi superior ao seu valor en ouro.

Estaba composto, como inicialmente describe Cuevillas en 1926, por “tres pezas; dúas pulseiras e un colar ou xarreteira”. No seu momento, as pezas de ouro foron expostas durante un tempo na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra para pasar en depósito algún tempo mais tarde á casa de Filgueira as pulseiras, en tanto que o colar quedaría custodiado na de Lino García García.

Descricións das pezas

A primeira das pezas é descrita do seguinte xeito polos investigadores que se foron ocupando do tema: “O colar é unha faixa de ouro de espesos flebe, de forma tendente a rectangular e curvada a xeito de poder ser pechada en circo por meio de dous reviramentos, un pra cada banda, praiticados nos cabos da folla, cuia lonxitude é de 387 milímetros, sendo o seu anchor máisimo, no centro, de 82 mm., e o mínimo de 45 nas duas escotaduras que presenta perto dos cabos. (Cuevillas 1926)”.

Para Beatriz Comendador, a peza que define como colar de tiras descríbese como a máis singular do conxunto, do seguinte xeito: “Trátase dunha lámina de ouro rectangular que se estreita cara ós extremos dobrados en pestana para permiti-lo enganche (404 mm.; a 76 mm. máximo e 41 mm. mínimo e 0,5 mm. máximo, o,25 mm. mínimo”.

No que respecta aos dous brazaletes ou pulseiras: “Dous aros macizos abertos de sección subcilíndrica e forma elíptica, rematados en botóns saíntes e planos, ámbolos dous obtidos por un proceso de fundición. Miden aproximadamente 1 cm. de altura, entre 8 e 9 de ancho e pesan 300 e 400 gramos respectivamente. (Comendador, 2003)”.

“As pulseiras que son de forma elíutica e de seizón tendendo ó poligonal, están abertas e rematan en dous botois saíntes e pranos. O diámetro da primeira é de 74 mm. e o seu peso de 400 gramos, e o da segunda de 70 mm. e o peso de 300 gramos. Son istas pulseiras completamente lisas e como as outras pezas parecen haber sido fundidas e puídas despois coidadosamente. (Cuevillas, 1926)”.

Outros traballos

Seguindo a liña argumental de ambos e outros autores podemos falar que a súa fábrica e antigüidade se correspondería cos doutros traballos atopados en diversas escavacións da primeira metade da idade do Bronce, nos que os traballos de ourivaría se caracterizan polos repuxados a modo de decoración. Tal e como apuntaba Cuevillas pola súa forma, a curvatura e tendencia a se estreitar nos extremos, estas pezas son moi semellantes a outras aparecidas na Península, Galicia e Portugal, e corresponden cos primeiros tempos dos metais, como os de Caldas, Melide, Baralha ou Folgosinho, entre outros.

Non obstante, tal e como apunta tamén Cuevillas: “Este tipo de xoias, máis ou menos modificado e liso ou con adornos riscados de distintos xeitos, atopouse feito en ouro ou en bronce en moitos lugares de Franza e da Inglaterra... en compañía de obxectos típicos da segunda metade da Idade do Bronce, circunstancia que viría a complicar a cronoloxía do Tesouro de Agolada se o colar ou xarreteira non fornecera n-iste respecto seguras determiñanzas”.

“Estas pezas do tesouro engádense a un grupo de bandas laminiformes de ouro, curvadas en forma cilíndrica, que presentan a particularidade de soluciona-la parte central cunha decoración a base de tiras unidas lonxitudinalmente(Comendador, 2003)”.

Na actualidade o Tesouro de Agolada custódiase e exponse ao público nas vitrinas do Museo de Pontevedra formando parte deste noso patrimonio e rico pasado do que lamentablemente aínda queda moito por descubrir.