O achado da mámoa de Folgoso

Os túmulos prehistóricos en Cerdedo son xa 56, once deles descubertos por Capitán Gosende

Cerrada da mámoa cara o norte.   | //CAPITÁN GOSENDE

Cerrada da mámoa cara o norte. | //CAPITÁN GOSENDE / calros solla

calros solla

O domingo 28 de abril, membros do colectivo Capitán Gosende batemos cunha mámoa mentres desempeñabamos labores de exploración nunha zona boscosa do lugar de Covas, na parroquia cerdedesa de Folgoso. Este achado desexamos dedicarllo á memoria de Luz Fandiño, recentemente falecida.

Vistas da mámoa cara o sur.   | // CAPITÁN GOSENDE

Vistas da mámoa cara o sur. | // CAPITÁN GOSENDE / calros solla

Conforme os nosos informantes, a leira na que se localizou o xacemento se denomina “A Cerrada” –microtopónimo transparente e evidenciábel–, polo que “Cerrada da Mámoa” foi o nome escolleito para catalogar o achado (coordenadas.- X: 553.666; Y: 4.710.441; 540 m de alt.). O túmulo neolítico (tumba duns 6.000 anos de antigüidade) érguese docemente no seo dun rebordelo, foresta poboada de cerquiños magros e lanzais, bidos, estripos e acivos.

Congostra entre vargos e valos de cachote./ C. Gosende

Congostra entre vargos e valos de cachote./ C. Gosende / calros solla

O sitio arqueolóxico sitúase a uns 160 m cara ao norte da N-541 e a uns 165 m cara ao sueste da estrada de cara ao Cachafeiro (Forcarei). Amais, a Cerrada da Mámoa atópase a uns 450 cara ao nordés da impoñente mámoa de Covas (cat. Patrim.: “As Mámoas”, GA36011051) (léase Faro de Vigo, 22-8-22), e a uns 870 m cara ao suroeste da “Mámoa das Chairas” (GA36011034), sita na estrema con Forcarei, formante da necrópole megalítica da Pena da Cruz (Acevedo, Millarada).O topónimo “Cerrada” ten doada xustificación, pois aquela agra –devinda en carballeira por mor do absentismo– está toda ela choída con vargos esfoliados do filón metamórfico que emerxe no lugar (gneis).

A coiraza da medorra acada os 23 m de diámetro. Presenta leve foca de espoliación duns 4 m de diámetro. Non é difícil imaxinar que baixo a coiraza, alfombrada de humus e tomada pola vexetación arbórea e herbácea, se agochan uns ortostatos de rocha metamórfica.

Contiguo ao xacigo, cara ao noroeste, obsérvase no terreo un amplo foio, vestixio, quizais, dunha antiga canteira ou barreira. En contraste coas caras sur e leste do moimento, esta cavidade amplifica polo oeste a altura do montículo. Nesta orientación, a coiraza da mámoa acada un desnivel do 45% en 7 m de lomba.

Nas inmediacións da Cerrada da Mámoa discorre de sur a norte unha congostra flanqueada por vargos de tamaños e feituras desemellantes –uns achumbados, outros vencidos; algúns, de curiosa traza antropomorfa– e valos de cachote, tapizado todo de carriza e liques. Agás un pequeno mato de eucaliptos, a contorna é amena manifestación do bosque atlántico.

A descuberta da Cerrada da Mámoa eleva a sete o número de mámoas inventariadas na parroquia de Folgoso. A Cerrada da Mámoa súmase á prominente mámoa de Covas (“As Mámoas”), á mámoa das Chairas e aos catro túmulos catalogados por Patrimonio co nome de “Mámoas do Couto” (GA36011023-24-25 e 71).Os túmulos prehistóricos acadan en Cerdedo a cifra de 56 elementos; 11 desas mámoas foron descubertas polo colectivo Capitán Gosende. O colectivo descubriu e deu a coñecer 13 mámoas inéditas na comarca de Terra de Montes. Fóra chove, ou fan coma quen oe chover. Nós ao noso, chova que vente!