O home das mil e unha caras

O actor estradense Gonzalo Valcárcel celebra en Vilagarcía máis de 40 anos de teatro

Valcárcel no seu templo, o Teatro Principal de A Estrada.

Valcárcel no seu templo, o Teatro Principal de A Estrada. / // BERNABÉ

Din que na vida, en maior ou menor medida, todos somos actores e que o mundo é un gran escenario de teatro. Porén, máis alá de interpretarnos a nós mesmos dentro dos papeis que desenvolvemos diariamente no traballo, coa familia, cos amigos.... poucos sabes verdadeiramente o que é enfrontarse a unha audiencia. Centos de ollos fixados nunha persoa, examinando os seus movementos, as súas expresións e escoitando os matices da súa voz ao pronunciar as palabras, sen dúbida pode causar nerviosismo e resultar abafador. En definitiva, a actuación non é para todo o mundo. Porén, os que se dedican a ela fano cunha vocación que se podería dicir innata, e este é o caso do estrandese Gonzalo Valcárcel Nogueiras, que leva máis de 40 subíndose ás táboas de teatros e enfrontándose ao público coa mesma ilusión do primeiro día.

Este actor local cambia agora de década, aínda que non confesa que prefire deixar os díxitos da súa idade á imaxinación do lector, e para celebralo volve a un pobo que, como el mesmo di, “me deu moito”, a representar unha obra na que el será o único intérprete. Trátase de “Sobre o mal que fai o tabaco”, unha adaptación do conto de Antón Chéjov realizada por Santiago Cortegoso e na que Valcárcel estará acompañado no escenario polos músicos do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, Juan Núñez, Pablo Bernárdez e Manuel Castelo. E a localidade en cuestión é Vilagarcía de Arousa, onde o estrandese viviu durante vinte anos, dende a década dos 80 ata o 2000, data na que decidiu volver coa súa familia ao seu pobo natal, A Estrada.

Así, a función terá lugar este venres 19 ás 20.30 horas no Salón García, con entrada de balde ata completar capacidade.

“Con Vilagarcía teño unha relación moi estreita dende a xuventude, cando estudaba Económicas en Santiago e fixen moitos amigos de alí. Máis tarde tocoume mudarme e alí comecei a formar miña familia. De feito, as miñas dúas fillas pequenas naceron alí e a maior aínda reside nesta vila” conta Valcárcel, que engade: “Foi aí tamén onde comecei a actuar, por iso tiña especial significado para min, agora que cambio de década, actuar neste lugar que tanto me deu e onde aínda agora colaboro con diferentes asociacións de teatro”.

O estradense presentará, como se mencionaba anteriormente, unha adaptación do texto literario “Sobre o mal que fai o tabaco” de Antón Chéjov, un relato que sen adiantar moito, o actor describe do seguinte xeito: “Trata sobre un home que vai dar unha conferencia sobre o nocivo do tabaquismo, mais a medida que pasa o tempo e se afai ao atril, vai desvelando aos asistentes datos de si mesmo, da súa vida e dos seus pensamentos, digamos que se vai espindo ante o espectador”.

A escolla desta obra, cuxa adaptación xa se realizou durante a pandemia e que o estrandese xa representou anteriormente nalgún escenario, non é casualidade. “Para min era un reto, non só polo rol absolutamente protagónico, xa que son eu a única personaxe, senón pola complexidade do papel en si, pois o heroe cambia constantemente de emoción e de punto de vista” declara o actor.

Malia que Gonzalo Valcárcel será o único en interpretar o guión, el fai fincapé en que non está só e que detrás desta peza teatral está o traballo de once persoas: “Dende os músicos, ao director e escritor de guión, Santiago Cortegoso ou a axudante de dirección, Chus Sánchez, entre outros moitos”.

O traballo en equipo é algo moi importante para el, que o leva practicando dende os seus inicios sobre os escenarios. Neste sentido, Valcárcel sinal que se ben desempeña igual de feliz papeis ante o patio de butacas que ante a cámara, para el o xénero dramático sempre será o olliño dereito. “O teatro é case unha loita corpo a corpo, estás directamente enfrontado ao espectador e podes sentir a enerxía do público mentres actúas, o que fai que eles, aínda que non sexan conscientes, tamén participen da obra” explica o actor, que continúa: “Nese sentido tamén me gusta que cada representación dunha mesma peza é sempre distinta, nunca sae igual”.

Reducir unha traxectoria de case medio século nunha páxina é practicamente imposible, por iso dende a humildade, este texto non pretende facelo. Pola contra, resulta máis doado invitar ao lector a que comprobe por si mesmo as habilidades dun home que malia cambiar de cara, de nome e de historia constantemente, sempre mantivo a súa esencia. Para iso compre lembrar a cita deste sábado 19 en Vilagarcía, mais a axenda de Valcárcel está ben cuberta, e o sábado 20 de abril ás 20.30 horas neste mesmo concello actuará na obra Dúas vellas e un segredo de Clámide Taller de Teatro, que se representará no salón de actos da parroquia Santa Eulalia.

Suscríbete para seguir leyendo