Xoán Castro | Enxeñeiro agrónomo

“O nitróxeno da planta de Palas equivalería ó dos excrementos diarios de 28.000 porcos”

“O goberno luso tivo que adaptarse ós límites de Altri no Texo”

Xoán Castro, flanqueado por Xaquín Rubido, Ramón Barreiro, Mónica Cea e Xurxo Mouriño, durante a charla que os cinco impartiron onte no Círculo de Recreo de Lalín.

Xoán Castro, flanqueado por Xaquín Rubido, Ramón Barreiro, Mónica Cea e Xurxo Mouriño, durante a charla que os cinco impartiron onte no Círculo de Recreo de Lalín. / BERNABE/JAVIER LALIN

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

O enxeñeiro agrónomo Xoán Castro participou onte na charla Que nos trae Altri?, xunto a Xaquín Rubido, Mónica Cea, Ramón Barreiro e Xurxo Mouriño, no Casino de Lalín. Hoxe este investigador, que foi ademais asesor do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa nas dúas últimas versións, volverá abordar hoxe na Agolada (ás 17.00 horas no auditorio) os efectos da planta de celulosa soluble e de lyocell no Ulla.

–Que impactos pode ter esta factoría, ainda que cumpla os parámetros que marca a normativa e que manexe uns valores, segundo asegura, consensuados coa Organización Mundial da Saúde?

–Se hai unha industria dañina para o medio ambiente é unha celulosa. Fai non moitos anos houbo o debate sobre se a papeleira de Ence, en Pontevedra, podería ubicarse noutro sitio, e a conclusión foi que ningún caudal de ningún río en Galicia, ou como moito o Miño, era suficiente para diluir os efectos dos vertidos para que non supuxeran un dano ambiental, pero no Miño non sería fácil conseguir os permisos ó ser augas internacionais, e só estando ao lado do mar poderían diluirse eses impactos. A de Palas é unha macroindustria que quere verter a un río cunhas condicións de caudal moi determinadas e que están moi influidas cada vez máis pola falta de auga no verán, e estes periodos de seca van ser máis habituais. Altri emprega datos medios, pero non bota man da tendencia quinquenal, ou de cada catro anos, de que os caudais baixan de xeito alarmante no verán. Así, o volume que ten o río para diluir eses contaminantes é o que hai, por moito que se poña no papel, por iso non se puido cambiar a ubicación de Ence. Altri tería que coller a porcentaxe de anos en que agosto e setembro non vai ser suficiente o caudal, e eu non vin que vaia parar a actividade no verán. Nestes últimos anos, en agosto e setembro o caudal do Ulla xa é menor do que teñen eles deseñado.

" Altri tería que coller a porcentaxe de anos en que agosto e setembro non vai ser suficiente o caudal, e eu non vin que vaia parar a actividade no verán"

–Eu teño visto o pantano no inverno de 2017 moito máis baixo que nalgún verán.

–Penso que este proxecto non pode recibir fondos europeos porque impacta sobre varios obxectivos da UE en canto a non causar dano signiticativo ó medio ambiente nin á auga. Portodemouros está no punto de mira da Comisión Europea pola eutrofización dos nitratos, librouse nesta última denuncia do Tribunal de Xustiza Europeo porque a Xunta dixo que estaba facendo uns estudios para averiguar de ónde procedía a contaminación da presa, e que verán tras verán obriga a deixar de bañarse pola proliferación de algas. E a Xunta debería publicar xa eses datos, que están encargados dende fai ano e medio, e dar a coñecer as súas conclusións. Tomáronse mostras neste encoro e noutros, como o de Cecebre, para saber se esa eutrofización é de orixe agraria ou por falta de saneamento, por exemplo. A Directiva Marco das augas indica que cando hai unha masa de agua en mal estado, como a de Portodemouros, hai que tomar medidas para recuperar a boa calidade das augas de aquí a 2027, e iso xa dá de bruces co que significa esta macrocelulosa, porque o nitróxeno vertido por esta planta, 164 toneladas anuais, equivalería ó nitróxeno escretado por 28.000 porcos. ¿Deixaría a Xunta poñer unha granxa enriba do Ulla, cos porcos escretando feces e orina todos os días? É tal a contaminación ó aire, por exemplo, que sería a mesma que de 180.000 coches.

–Serían distintos os impactos nalgunha das outras seis ubicacións que manexou a empresa?

–Remítome ós argumentos de Ence. Así que ó mellor alguén mentiu, porque daquela díxose unha cousa e agora dise a contraria, e igual Ence puido ter vido ó Umia.

"A Directiva Marco das augas indica que cando hai unha masa de agua en mal estado, como a de Portodemouros, hai que tomar medidas para recuperar a boa calidade das augas de aquí a 2027"

–No estudo de impacto ambiental, Altri contempla trasladar tepes das especies protexidas de flora que poidan verse afectadas pola construcción, e recolocalos para que poidan crecer. Isto funciona?

–Iso é unha tontada. A empresa non fixo o estudio de cómo lle vai afectar a estas especies protexidas a deposición de nitróxeno (que vai mudar as propiedades de fertilidade do solo) e de choiva aceda. Quero mencionar a crise de Holanda, que está pechando granxas porque se estaba emitindo nitróxeno a través da aplicación do xurro e afectaba a plantas protexidas. Houbo unha denuncia de ecoloxistas, e déronlles a razón porque se estaban perdendo musgos e outras plantas moi sensibles, ata o punto de morreren árbores en parques naturais. Altri non avaliou a carga crítica, que é a cantidade máxima de nitróxeno que pode recibir un hábitat dende a atmósfera. Cando empecen a desaparecer estas especies, ¿de quen vai ser a culpa dos gandeiros, ou de Altri? A empresa xa dixo que o pantano estaba contaminado por actividades agrogandeiras, antes de saber os resultados dese estudo da Xunta. O máis fácil sempre é botarlle a culpa á gandería, cando moitas veces é culpa da falta de saneamento. Ese nitróxeno que se vai enviar á atmósfera equivalería ó purín de 55.000 vacas de leite sen plato de choque e sen mangueiras de inxección.

–Altri argumenta que verte augas rriba do pantano porque nese punto a calidade é mellor cá da propia presa, e así terá que someterse a parámetros máis altos.

–O único parámetro que está peor do que vai a verter despois é o tema das algas. No Plan Hidrolóxico e na Directiva Marco fálase de estado químico e de estado ecolóxico. No estado escolóxico, os filtros eliminarán as algas, pero no esstado químico a auga do pantano vai estar mellor cá do vertido. E vai multiplicar por oito a contaminación de nitróxeno amoniacal do Ulla no punto de vertido. Levan os niveis de contaminación, como de fósforo, só unhas centésimas do máximo que permite Augas de Galicia.

–Sería necesario que a normativa fose máis estricta, que rebaixe eses límites?

–É que xa non vai cumplir a norma que hai agora. O que tivo que facer o goberno luso foi adaptarse ós límites que tiña Altri no Texo porque non cumplía sistemáticamente os límites de calidade. Agora mesmo non cumple, salvo que se collan parámetros aillados.

–O proxecto contempla un cinto verde, para aminorar o impacto visual e acústico e colocar a cheminea na cota máis baixa da finca.

–A cheminea, con 75 metros, permite que esa contaminación se vaia pola choiva e a néboa. Vai haber unha deposición seca e outra húmida. E esas especies non van crecer nunca tanto como a cheminea, e se a colocan máis baixa, vai contaminar máis. A cheminea ten que ir moi alta para diluir na atmósfera, pero isto non significa que se vaia eliminar máis nitróxeno nin partículas.

–Agora mesmo é posible unha industria de celulosa textil que contamine cero?

–Agora mesmo non, pero mellorouse moito porque antes a fabricación de celulosa implicaba o uso de cloro, que agora está eliminado.

Suscríbete para seguir leyendo