Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas

Temos por diante unha situación moi perigosa e nada concordante coas normativas europeas, que van na dirección oposta

Follas de loureiro en 
Castromouzo (Cruces) e de de eucalipto e de carballo afectadas por oídio en Amosa (Ollares). Ano 2012.

Follas de loureiro en Castromouzo (Cruces) e de de eucalipto e de carballo afectadas por oídio en Amosa (Ollares). Ano 2012. / antonio presas

antonio presas

Durante o funcionamento das centrais térmicas de Meirama e As Pontes, a Comarca de Deza sofriu de forma máis ou menos silenciosa os efectos das temidas “chuvias ácidas”, que se distribuiron de forma desigual polas distintas partes da mesma. Esa afectación experimentou un aumento progresivo na medida en que os focos contaminantes, emisores de óxido de nitróxeno e óxido de xofre entraron na escena territorial dunha Galicia netamente exploliada polo capitalismo foráneo.

Follas de ameixeira, cerdeira, silva e hedra afectadas por chuvias ácidas.  Donramiro, primavera-verán do ano 2000.

Follas de ameixeira, cerdeira, silva e hedra afectadas por chuvias ácidas. Donramiro, primavera-verán do ano 2000. / antonio presas

Os habitantes de Agolada, Lalín, Rodeiro, Dozón, Silleda e Vila de Cruces, sen darse conta, asumiron aquela situación como algo anómalo, que estaba a suceder na atmósfera, pero que non sabían de onde viña. Temos escoitado moitas veces, en distintas localidades da comarca: “As verduras e as patacas secan antes de tempo por culpa das néboas frías, que se producen na época de calor”. “Veu unha néboa do lado Norte e deixou todo queimado”. “Antes non pasaban estas cousas e non tiñamos que botarlle sulfatos a todo pero, agora se queremos recoller froitos, hai que estar sulfatando sempre”. “Agora está todo cambiado e o tempo non é como o de antes, as néboas de antes non facían o dano que fan as de agora”. “Algo moi raro está pasando na atmosfera, é como si estivera envenenada”, etc. Isto era o que se escoitaba dicir cada vez que se orixinaban néboas nocturnas ou cando, simplemente, aparecía o maligno orballo matinal sobre as follas, as plantas ou as herbas porque, de inmediato, o oidio atacaba ás viñas, ás follas das patacas e ás follas novas das árbores caducifolias ou aparecían outras enfermidades criptogámicas nas hortalizas.

Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas

Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas / antonio presas

De todos os xeitos, a contaminación atmosférica sempre levaba a culpa, non só de todo isto, senón tamén do mal sabor que tiñan moitos dos productos obtidos nos nosos campos, como poden ser as castañas, as mazás e outros, ou do pouco tempo que se conservaban as foitas, que se podrecían case de inmediato unha vez sacadas das árbores. A percepción das nosas xentes era que no pasado isto non sucedía, que todo empezou desde que se consome petróleo e carbón.

Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas

Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas / antonio presas

Polo xeral, os danos que se observaban nas plantas e cultivos estaban vinculados a un estado atmosférico dominado polas néboas nocturnas, que tiñan lugar en calquera época do ano, pero dunha forma especial durante as estacións máis cálidas ao darse situacións anticiclónicas de carácter persistente. As “néboas de irradiación” orixínanse ao descender as temperaturas, durante a noite, por debaixo do “punto de rocío”. A humidade do aire condensa sobre a superficie das plantas, principalmente nas follas e, por iso, ás mañás aparece todo orballado (precipitacións horizontais). Este fenómeno sempre tivo lugar na nosa meteoroloxía, pero durante o funcionamento das centrais térmicas de As Pontes (1976) e Meirama (1980), así como do forno crematorio de lixo de Sogama en Cerceda (2000), a situación empeorou de forma significativa, porque apareceron as néboas desas características, popularmente denominadas “néboas negras”. A construción do encoro de Portodemouros, en 1967, elevou o nivel das “néboas de fondo de val” a cotas máis altas e iso afectou a espazos de maior extensión que cando o fondo de val quedaba encaixado.

Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas

Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas / antonio presas

Tanto as centrais térmicas, que queimaban lignito ou carbón, como a incineradora, na que se queiman miles de toneladas de lixo, emitiron á atmosfera enormes cantidades de gases que contiñan partículas de óxido de nitróxeno e óxido de xofre. Estas partículas, ao entrar en contacto co vapor de auga atmosférico, transfórmanse, respectivamente, en ácido nítrico e ácido sulfúrico que, suspendidos nas minúsculas gotiñas da auga, teñen o comportamento físico antes indicado (adherencia ás follas das árbores, hortalizas, etc). O seu nivel de acidez depende de diversas variables, pero sempre presenta un pH inferior a 5 e, en ocasións, pode resultar tan ácido como o zumo de limón.

Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas

Celulosa de Palas: a nova ameaza de chuvias ácidas / antonio presas

A formación de “néboas ácidas”, que foron frecuentes nesta zona interior de Galicia, afectou a todas as plantas ao condensar o vapor de auga ácida da atmósfera durante a noite e, pronto, empezáronse a notar os seus efectos nas follas das perennifolias: piñeiro, eucalipto, loureiro, sobreira, etc. Canto maior sexa o contacto da auga ácida coas follas, maiores serán os danos nas mesmas e isto depende do número de veces que se repitan as néboas, de que estas conteñan suficiente acidez e do tempo de permanencia das follas nas árbores (período de vida), que no caso do loureiro silvestre e dos piñeiros pode chegar a seis anos.

As follas das árbores caducifolas (carballo, castiñeiro, bidueiro, abelairas...) son de ciclo anual e teñen unha vida media de varios meses; por iso, os danos que ocasionan as néboas ácidas son menores e díficiles de detectar. Pero nótanse de forma indirecta os seus efectos porque debilitan as follas e fanas vulnerables ao ataque dos fungos. O exemplo máis evidente é o do oidio (Microsphaera alphitoides) que forma unha cuberta pulverulenta branca sobre os brotes novos: as follas múrchanse, empardecen e caen prematuramente. Esta enfermidade, segundo as primeiras investigacións realizadas en Galicia polo profesor Ramón Varela Díaz (Contaminación atmosférica en Galiza: Inventario de gases de efecto invernadoiro, gases acidificantes e dioxinas), comezou a extenderse polas carballeiras das terras de Rodeiro, na década dos anos 80 e pronto chegou a amplas zonas de Galicia, cubrindo as comarcas de Deza e Tabeirós.

No caso das caducifolias, propias do clima oceánico e da rexión florística eurosiberiana, teñen que ser moi agresivas as néboas ácidas para que cheguen a producir unha necrose directa e inmediata nas follas. Pero non sucede o mesmo nas árbores de folla perenne, asociadas ao clima mediterráneo e á rexión florística do mesmo nome, dado o tempo de exposición, por causa da súa longa permenencia na árbore. Deza está no límite destas dúas rexións florísticas distintas e cara o Norte, nas proximidades do río Ulla, no piso bioclimático eucolino, situado por debaixo dos 300 metros, localízanse abundantes elementos propios da flora mediterránea: piñeiros, sobreiras, loureiros, érbedos, madroños... que apareceron moi afectados polas néboas ácidas. A situación ambiental viuse afectada pola presenza de partículas ácidas prodedentes das centrais térmicas de Meirama, As Pontes e a incineradora de Cerceda e pola formación de néboas nocturnas, debidas á húmidade atmosférica orixinada no río Ulla cos seus encoros (Portodemouros, Insua, Ollares).

No mes de xuño do ano 2012, cando realizacei diversos recorridos por toda a comarca, foron localizadas dúas zonas moi afectadas polas néboas ácidas no concello de Vila de Cruces, bastante cercanos ao Ulla. Unha correspondía a un eucaliptal situado ao Sur de Amosa, parroquia de Ollares, a unha altura media de 450 metros sobre o nivel do mar e a unha distancia de 1,2 Km do río Ulla. A segunda zona correspondía ao entorno do castro de Castromouzo, entre Cira e Camanzo, a unha altura de 295 metros, moi cerca da confluencia do río Deza no Ulla, nun espazo no que abunda o loureiro silvestre. Estas dúas zonas distan uns 43 Km de Cerceda e 80 Km de As Pontes, que é onde se localizaban os principais focos emisores de óxido de nitróxeno e óxido de xofre, causantes das “néboas ácidas” que matan as follas destas árbores.

O estado dos eucaliptos de Amosa e loureiros de Castromouzo era moi preocupante, pero tamén se observaba a aparición de oidio nas follas novas dos carballos de Amosa. As duras follas dos eucaliptos mostraban un estado de necrose foliar semellante ao dos que se atopaban a carón do vertedeiro de lixo de Areosa (Cerceda), onde se ubicaban a planta de incineración de lixo de Sogama e a central térmica de Meirama.

Temos constancia dos efectos das “néboas ácidas” noutros puntos da nosa comarca, como é o caso da necrose de follas de diversas especies vexetais en Donramiro (Lalín) no ano 2000, das que se recolleron mostras e sacáronse diversas fotografías de follas de ameixeiras, cerdeiras, silvas e hedras. As “chuvias ácidas” ou, mellor dito, “deposicións ácidas”, non fixeron excepcións con ningunha planta.

Conclusión

Pois ben, a modo de conclusión, podemos dicir que en Deza coñecemos os perniciosos efectos das “deposicións ácidas” (chuvias ácidas) e cando, por esgotamento do lignito, deixaron de funcionar as dúas centrais térmicas de Meirama e As Pontes, estamos a punto de empezar de novo, por causa da incrible e nefasta implantación dunha fábrica de celulosa en Palas de Rei. Daquela, a nosa comarca foi moi afectada pola contaminación causada polas térmicas, pero, agora, esa situación ameaza con expandirse, de forma descontrolada, non só polas terras de Deza, senón tamén por toda A Ulloa, Terra de Melide e Arzúa.

Temos por diante unha situación moi perigosa e nada concordante coas normativas europeas, que van na dirección oposta á implantación de industrias sucias, contaminantes, destrutoras do medio natural e dun gran impacto social.