O mal tempo non puido coa festa da Pascua de Bermés

Unha notable igrexa para a que os veciños demandan unha restauración axeitada

Daniel González Alén

As festas da Pascua de Resurrección de Bermés, Cercio e Soutolongo eran dende tempo inmemorial as máis sonadas e concorridas das terras de Lalín, poñendo remate á Semana Santa dezá. Ás agardadas celebracións relixiosas seguían romarías nos campos da festa e xantares con parentes e amigos nas casas. Mais, como ven acontecendo en moitas parroquias do rural, a fe e os habitantes van a menos e as máis das celebracións tradicionais van esmorecendo e mesmo desaparecen, como xa acontece nas de Cercio e Soutolongo, nas que este ano non soou a música, mentres se mantén a de Bermés, que, malia o mal tempo destes primeiros días da primavera, celebraron os veciños o pasado domingo.

Houbo misa oficiada polo párroco José Ramón Pena, que agardou ata o último minuto para ver se amainaba a chuvia e sacar en procesión a imaxe do San Xosé co Neno, que xa estaba sobre as andas, e os devotos e a charanga Os Atrevidos, dispostos para levala ata o fermoso cruceiro procesional, pero foi en vano. Logo da liturxia, os festeiros foron aumentando na sesión vermú, que se resgardaron da chuvia baixo os toldos do campo da festa que agora preside o auténtico busto do Matemático Rodríguez, coma se participara da festa dos seus veciños e que, por desgraza, rematou no chan ao desmontar a carpa da festa. Aproveitando unha raiola de sol, os ramistas mandaron ao ceo ducias de bombas e cubas e a charanga ofreceu un concerto.

A igrexa parroquial

A igrexa parroquial / FDV

Xa véspera houbo unha animada verbena na que os festeiros desafiaron ao mal tempo bailando ao son da orquestra Capitol e do DJ. David Expósito.

Da Feira do Bento que xurdiu en Bermés hai séculos, especializada en gando cabalar que celebraba o xoves de Pascua e se tentou recuperar en tempos recentes, só queda o recordo, ao ser trasladada a Lalín, onde desaparecería nos anos setenta do pasado século, como xa temos publicado nalgunha ocasión.

Igrexa tellada de uralita

A igrexa parroquial de Bermés, de conservarse integramente, sería un dos exemplares máis sobranceiros da arte románica na comarca de Deza, pero a ampliación pola fronte e pola ábsida e as reformas que sufriu en distintas épocas, fixeron que perdera moitas das ben labradas pezas románicas que a adornaban dende o século XII e que agora se atopan en museos e casas particulares ou en paradoiro descoñecido, mentres outras foron reaproveitadas nos muros do propio templo, así coma nos valados que rodean a igrexa e a reitoral.

Levan anos os veciños de Bermés agardando unha axeitada restauración desta igrexa que, co senlleiro carballo, o cruceiro procesional e a casa reitoral –que puido ser centro social da parroquia e tamén precisa un bo arranxo–, forman un notable conxunto patrimonial. Lamentablemente, boa parte da igrexa está tellada de uralita e tella inglesa, que nin campa nin protexe da chuvia e humidades, filtrándose polos muros esconchados que ameazan con esbarrigarse e deterioran os artísticos retablos e imaxes que neles se veneran.

Pezas románicas

Xa temos contado que catro fermosos capiteis románicos desta igrexa, que admiraran os membros do Seminario de Estudos Galegos hai cen anos, gárdanse no Museo de Pontevedra, ao igual que as catro estelas funerarias romanas que se atoparon no adro vai para 50 anos. O Agnus Dei que coroaba a ábside do templo, logo de ser mutilada, facía de pía para as galiñas na eira dun veciño, e outras pezas da antiga igrexa románica reaproveitaronse na feitura da fachada actual, ficando medio ocultas no interior, así coma dous canzorros empregados para soster as vigas da tribuna. Unha antiga pía baustimal foi parar a unha casa señorial de Carragoso, en Lalín, onde tamén está a espadana da capela da Santa Cruz da Portela de Rodeiro.

Non sabemos que foi da fachada, da espadana, nin das pezas da ábsida da antiga igrexa, nin outras do templo prerrománico que disque a precedeu, pero o templo actual, refeito no estilo barroco imperante no século XVIII, conserva aínda fermosos canzorros románicos, métopas e rosetóns baixo o beirado. Fermosos son tamén os dous retablos barrocos das capelas laterais e aínda o máis novo, que fixo hai case cen anos Cumplido de Cadrón, nos que se mostran imaxes de certo mérito e antigüidade.

Suscríbete para seguir leyendo