O centenario “Monumento” mantén a tradición en Abades

Pola Semana Santa, os veciños instalan no célebre santuario un retablo desmontable con pinturas da paixón de Cristo

Oficios o Xoves Santo 
a cargo do sacerdote 
José Pérez e presididos 
polo Monumento. 
No recadro, 
detalle da Última Cea.  | // D.G.A.

Oficios o Xoves Santo a cargo do sacerdote José Pérez e presididos polo Monumento. No recadro, detalle da Última Cea. | // D.G.A. / Daniel González Alén

Daniel González Alén

A Semana Santa en Deza mantén, malia os novos rumbos do mundo, algunhas celebracións senlleiras no rural, fóra das vilas cabeceira dos concellos, onde son máis uniformes e concorridas ao concentrarse nelas unha maior poboación e recursos. De entre as que se celebran nas parroquias dos seis concellos dezás, destacan o Desencravo de Oirós (Vila de Cruces), no que participan decenas de veciños, o mesmo ca no Vía Crucis de Losón (Lalín), que transcorre entre o santuario do Corpiño e a capela de Montouto, e a do santuario de Abades, en terras de Silleda, onde os veciños instalan un fermoso retablo desmontable, denominado o Monumento da Semana Santa, que preside os actos litúrxicos nestas xornadas de conmemoración da paixón de Cristo.

O grandioso santuario de Abades 
en terras de Trasdeza.   | // D.G.A.

O grandioso santuario de Abades en terras de Trasdeza. | // D.G.A. / Daniel González Alén

No grandioso templo dedicado a santuario da Virxe dos Desamparados de Abades, gárdase un retablo desmontable, construído nun obradoiro especializado de Santiago de Compostela a principios do século XX, con fermosas pinturas ao óleo, representando escenas da paixón de Cristo, que os veciños designan coma o Monumento e instalan en lugar preferente na celebración anual da Semana Santa. O retablo, de madeira ben tallada e lenzo duns 6 por 5 metros e con remate de cruz e pináculos, instalase na actualidade nun lateral do cruceiro, diante do altar de san Xoaquín, pero ata hai poucos anos, colocábase diante do principal do santuario dedicado a Virxe dos Desamparados. Consérvase en bo estado ocupando a parte central un sagrario coroado por unha ben labrada e grande pomba eucarística, e outras tres de menor tamaño por diante; rodeado de vistosas pinturas, que mostran na parte superior a Cristo coa Virxe e varios anxos logo do desencravo da cruz, e os catro evanxelistas en cada unha das esquinas. Na parte inferior, unha fermosa Última Cea de Xesús cos doce apóstolos.

O centenario “Monumento” mantén a tradición en Abades

O centenario “Monumento” mantén a tradición en Abades / Daniel González Alén

Conta un dos nosos informantes na parroquia, que lembra ter ollado na parte posterior a data de 1901 en que foi construído e o prezo que custaba daquela, detalle que agora non fomos quen de atopar. Rexía entón o santuario, Manuel Bibián Quinteiro, que estivo a fronte das parroquia de Abades 36 anos, entre 1897 a 1933. Poida que non haxa na comarca outro retablo tan fermoso e valioso coma el de entre os que por estas datas se instalan nalgunhas das igrexas das vilas e meirandes parroquias do rural, razón pola que coidamos merece esta reportaxe, ao tempo que damos conta desta celebración da Semana Santa de Abades, que vai a menos na mesma medida que o censo veciñal.

Este ano os oficios da Semana Santa, celebráronse o xoves nunha única xornada, cunha misa a cargo do párroco de Silleda, José Pérez, coa axuda do eficiente sancristán Antonio Rodríguez, que, con varios veciños, se encargou de montar e desmontar o Monumento.

Romaría da Rosquilla

Hoxe, domingo de Pascua, celébrase a XXXVI Festa da Rosquilla de Abades, que inclúe no programa unha misa solemne as 11:30 no Santuario, cantada pola Coral de Ponteledesma e o grupo de baile e música tradional Xirándola, que tamén ofrecerá unha actuación. Despois haberá a tradicional poxa das rosquillas, xantar baixo carpa, servido por Pulpería Crisóstimo e amenizado polo grupo Punto Cero. Boa ocasión tamén para dar unha volta por estas fermosas paisaxes das ribeiras do Deza, repletas de monumentos, que os pouco máis dun cento de veciños da parroquia conservan e mostran con orgullo aos escasos visitantes que se achegan a este afastado lugar.

Suscríbete para seguir leyendo