Síguenos en redes sociales:

Cerdedo na modernidade e na contemporaneidade

Dende a relixión e o misticismo, ata os primeiros vehículos en circular pola vila: así se compón a segunda entrega desta exposición imaxinada

Cerdedo na modernidade e na contemporaneidade

Nesta segunda entrega, referimos as pezas que se seleccionaron na exposición imaxinada –en 2036 polo bicentenario municipal– para ilustrar o devir de Cerdedo na Idade Moderna e na Idade Contemporánea.

Campaiña litúrxica de Cavenca

En senllos pedestais ortoédricos, erguíanse as tallas orixinais do Ecce Homo de Cerdedo e do San Miguel de Arén contendo o demo; ambas as dúas saídas do obradoiro compostelán de Gambino cara o ano 1776. Entremedias, un debuxo a escala da portada da igrexa parroquial de Cerdedo, salientando a inscrición que alude á data de ampliación do edificio (1779-81) e máis o nome do seu promotor, o crego Román Moas e Barreiro. Antecedendo o debuxo, a bo recado, as campaíñas litúrxicas de Cavenca (Cerdedo) e O Serrapio (Pedre), datadas no século XVI.

El Ecce Homo de Cerdedo

Vinilo retroiluminado de gran tamaño dunha fotografía da casa matriz do pazo das Raposeiras (Meilide-Cerdedo), obtida no ano 2002, pouco antes do seu abatemento. No pazo das Raposeiras, fundado no século XVI polo primeiro capitán Gosende, veu ao mundo o padre Sarmiento en 1695. Acompañando a fotografía, os debuxos que do pazo fixo Agostiño Portela Paz. Antecedendo o panel, tres pedestais ortoédricos desemellantes, exhibían a pedra armeira dos Gosende (cedida polo Museo de Pontevedra), a espada do capitán Alonso de Gosende –azoute de Drake–, e o busto en mármore de Sarmiento, labrado por Filipe de Castro (cedido pola Real Academia de la Historia, Madrid). Ao pé do busto do beneditino –tataraneto do capitán Gosende–, ao abeiro dunha vitrina, gardábanse o texto orixinal do opúsculo dedicado á carqueixa do Seixo (1759) –cedido pola Biblioteca del Real Jardín Botánico, Madrid– e un espécime seco e prensado de Genista tridentata.

Igrexa de San Xoán Bautista

Nun mostrador vitrina gardábase o diario persoal do crego Martiño García Ovelleiro, relatando a desfeita e carniza causada polos franceses en Quireza no ano 1809. O manuscrito acompañábase do libro O canón de pau (1909) do crego cotobadés Salustiano Portela Pazos; da carranca do Turco da Pilara, o can que escorrentou os gavachos da parroquia de Cerdedo; e da plana de Faro de Vigo-Montes (4-9-2022) contendo o artigo intitulado Xacobe Miguez, abade de Tomonde e vencedor de dragóns.

A doela brasonada dos Gosende

Recreación en resina, a tamaño natural, da coñecida Pedra do Francés, chantada á beira dereita do camiño Bugarín-Castro, sitio onde os milicianos cerdedeses emboscaron con éxito os gavachos.

Canon de pau

No chan, unha fidel reprodución dun canón de pau, arma intimidatoria empregada polas alarmas de Montes; e unha reprodución en resina da tumba do soldado francés descoñecido –a sinalada cun interrogante–, localizada no cemiterio de Quireza.

A man de San Bernabé

Uns cumpridos estandartes de lona, lastrados e dependurados do teito, amosaban debuxos dos irmáns Picallo, reproducindo alzados e detalles do cruceiro das Procesións (Os Castros-Quireza), do cruceiro do Pego (Parada), do peto de ánimas de Vichocuntín (Pedre), do canastro do Coto Nabal (O Outeiro-Quireza) e do reloxo de sol do Requeté (A Vilalén-Tomonde).

A cruz de Santo André (anverso)

Baixo o bosque de estandartes e por entre eles, unha plataforma de madeira chapada en branco contiña un mostrario de ferramentas (escuriaxe) propias do gremio dos canteiros (cedidas polo CETMO), e mais as cruces orixinais dos cruceiros do Pego (Parada) e do cruceiro de Santo Antonio (Cerdedo), após seren obxecto de coidadosa restauración. Tamén, o cartel da “Festa do Canteiro” de 1976, da autoría de Xulio Maside (cedido pola Biblioteca M. González Garcés).

Escuriaxe de arghina

Pousados entre a ferramenta, os libros Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez (1982) de Rodríguez Fraiz e O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (2011).

Cartel da Festa do Canteiro

Por tras da plataforma, unha recreación en resina –a tamaño real– do milladoiro nomeado Moreón das Pedras (monte do Seixo), a onde os canteiros (arghinas) da comarca acudían para deixar un exvoto de pedra antes de partiren cara a Castela na tempada cadaneira.

San Miguel de Arén

Anexo, un mostrario das ferramentas do carpinteiro e do ferreiro, útiles de fiar e tecer o liño e a la, e diversos apeiros de labranza. Tamén, o carro do país, cargando cun xugo e cun arado de pau. Arredor do carro, tres manequíns: dous sexuados, vestindo a indumentaria tradicional, e un terceiro, neutro, portando coroza e carapucho (pezas cedidas polo Museo das Raposeiras). Unha vaca e un porco elaborados en resina a tamaño natural e feitío realista.

O cocodrilo de Parada

Nun estandarte de pé, líanse fragmentos do artigo de Xesús Muruais sobre as poubanas (Almanaque humorístico de Galicia para 1878).

O cruceiro de Quirenza

De fondo, un vinilo de gran formato reproducía uns debuxos de A. Santiso verbo da lenda das sete chaves que prenden o Demo no alxube da capela do San Miguel de Arén. Tamén do Cancodrilo, o dragón do pozo Negro (río Lérez), cuxo costeleiro dependurou xacando da portada da ermida do pego (Parada); e da Pedra da Paciencia ou Pedra Chinada, coñecida dende 2012 polo Xacente do Coto das Insuas (O Serrapio-Pedre).

Reloxo de sol do Requeté

Diante do panel, dúas vitrinas separadas por un mesado. A vitrina da esquerda estaba ocupada por unha colección de estampas dos oito padroeiros/as cerdedeses e outros santos/as avogosos. Amais, exvotos de cera anatómicos e pecuarios, engadíndose o debuxo enmarcado ofrecido á Saleta (Bugarín) pola veciña Rosa García en 1833, tras sandar dunha doenza que se cría incurábel; a plana de Faro de Vigo (14-11-2021), contendo o artigo Os globos de San Xosé: de cando Cerdedo rivalizaba con Betanzos; e o libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2009).

Alicorno de Cavenca

No mesado pousaban o peto das esmolas do Socorro (Abelaíndo), a santa de andar polas portas (Meilide) o san Bernabé de man (San Bernabé), o chocallo do porco de Santo Antón (Cerdedo), a man de San Bernabé (gravado pétreo aparecido en 2023) e a imaxe do san Serrapio (O Serrapio).

La Preferida

Na vitrina da dereita exhibíase unha colección de amuletos, talismáns e outros obxectos de poder, entre eles, o alicorno (Cavenca), a cruz de santo André (Abelaíndo), o dente de santa Pelonia (Fondós-Quireza) a lingua de san Bernabé (San Bernabé), a pedra da pezoña de Barro e a copa da quina (A Revolta) (cedidos polo Museo das Raposeiras).

Elías Bugallo

Nesta estación erguíase un pau do alumeamento público co seu aplique de tulipa esmaltada, contemporáneo á Fábrica da Luz, enxeño promovido na ribeira do Lérez polo empresario e político Secundino Bugallo Sieiro (1912); unha roda dunha das carrilanas da empresa de transportes La Cerdedense, servizo explotado dende comezos do século XX polo propio Secundino Bugallo; e unha “calandra” coroada coa cegoña voante dun ómnibus Hispano-Suiza de La Folgosana, do empresario e político Francisco Cachafeiro (1914). De fondo, grandes fotografías dos autobuses das empresas La Trucha (Troitiño), El Zeppelín (Barros) e A Pendanga (Nieto).

O ómnibus Hispano-Suíza de 1915

A seguir, tres debuxos holísticos a escala da autoría de Ramiro Barros: un, do muíño do Batán de Abelaíndo (Cerdedo); outro, do muíño, serradoiro e forxa de Campos (A Cavadosa-Cerdedo) e o terceiro, do curtidoiro da Outra Aldea (Lourido-Cerdedo).

Gaseosas D. Márquez de Cerdedo

Botellas, caixas, maquinaria, material publicitario e documentos fotográficos das fábricas de bebidas carbonatadas de Cerdedo, verbi gratia: Gaseosas La Preferida, de Barros (Bugarín-Castro), Gaseosas Elías Bugallo (Cerdedo) e Gaseosas D. Márquez (Cerdedo).

A Carrilana de Secundino

Pulsa para ver más contenido para ti