Xente ao monte

A Estrada estende a alfombra vermella para asistir á estrea da longametraxe documental de Alejandro Enríquez centrada na Rapa das Bestas de Sabucedo

O director, Alejandro Enríquez, 
cun dos veciños
 que saen na cinta.   | // BERNABÉ/LUCÍA 
ABELEDO

O director, Alejandro Enríquez, cun dos veciños que saen na cinta. | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO / Ana CEla

Ana Cela

Ana Cela

Hai moitos xeitos de contar a mesma historia. Narrar a da Rapa das Bestas de Sabucedo é unha empresa tan difícil como captar a forza desta tradición nunha imaxe. O difícil non é o que se di; o verdadeiramente complexo é que o que se di chegue. A capacidade de emocionar é o que marca a diferenza e, ao cabo, o que distingue a arte daquilo que non o é. A historia que conta Alejandro Enríquez en Rapa. Xente ao monte, a longametraxe documental que chega ás salas de cine e que onte se presentou nos Minicines Central da Estrada, apunta directamente ao corazón, sinxelamente porque é un filme ateigado de sensacións onde ata os silencios falan. É a historia da Rapa das Bestas de Sabucedo –Festa de Interese Turístico Internacional– enfocada dende un pobo e cunha linguaxe universal: a dos sentimentos.

O filme é unha visión da Rapa en 365 grados. Un por cada día do ano. Vai moito máis aló das xornadas de curro, nas que Sabucedo se enche de xente chegada de múltiples recunchos. Vai moito máis aló desta aldea estradense. Chega alí onde están as persoas que levan a Rapa no ADN e que senten, que precisan, a chamada da tradición; pero tamén fica silandeira nun rural que se baleira, que mira cara o monte sabendo que tamén polas bestas chove, que tamén as bestas tremen coa xeada do inverno, namentres toca agardar polo regreso á casa dos que están fóra.

O director, guionista e produtor xa o viña avanzando: esta é unha película coral. Abofé que si, e que grande acerto non quedarse nunha figura protagonista para contar esta historia. O propio Alejandro Enríquez explicouno á perfección ao remate do pase de onte: “non hai ninguén que por si só represente a Rapa”. Cada unha das persoas escollidas pola cámara para fiar esta narración amosa unha das moitas caras desta tradición secular, dende Paulo Vicente no papel de presidente da Asociación Rapa das Bestas, ata Henrique Bazal ou Javier Quintillán, que saben das dores de cabeza que xera ese cargo de xestión e que agora son fieis escudeiros; dende Gelo como a voz incuestionable no traballo do monte ata o aloitador Roi Vicente, afastado de Sabucedo pero coa Rapa omnipresente; dende os que aloitan por vez primeira aos que aínda conservan marcado a lume o recordo desa experiencia... Todos están cosidos polo mesmo fío, ben amarrados á terra e a uns cabalos aos que teñen consagrada parte importante da súa vida. Dependen deles, curiosamente o mesmo que lle sucede a unhas bestas que representan a última raza de cabalo salvaxe en Europa que aínda goza da súa liberdade.

A proxección encheu na mañá de onte as dúas salas de Minicines Central.   | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

A proxección encheu na mañá de onte as dúas salas de Minicines Central. | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO / Ana CEla

Tres son os eixos de Rapa. Xente ao monte: o sentir e a necesidade de pertenza, de formar parte dalgo tan grande como a Rapa das Bestas; a idea de que o ben común está por riba do interese individual e a relación coa natureza, coa vida salvaxe. A partires de aí, as temáticas que aborda a peza medran. A cinta deixa patente múltiples problemáticas comúns a xentes e bestas en Sabucedo. Dunha banda está a diminución da cabana do Santo, acosada polos cuatreros, os lobos e, máis recentemente, polas multinacionais que buscan aproveitar a enerxía do vento nos montes que habitan estas bestas dende hai séculos. E despois está o amor. O apego á terra, aos animais, á tradición. Un fondo sentimento de comunidade e de identidade que anima a loitar, aínda que todo semelle pelexar en contra. E deste amor xorde o medo, que tamén se fai patente na película. Temor a que todo esvaeza. Sen bestas non hai Rapa. De aí vén ese mal soño recorrente que moitos dos veciños comparten e que Roi expresa na cinta: verse no curro do Campo do Medio e que non entren bestas. “Que chulada”, di Henrique mentres os animais recuperan a liberdade despois do curro. “Chulada era se foran 800 como cando eramos pequenos”, observa Gelo. Velaí o medo cuantificado. “É unha pelexa contra o tempo, pero niso estamos”, confían.

Nas catro estacións

Xente ao monte é un berro de ánimo e tamén unha chamada ao traballo en Sabucedo. Pero nesta película o seu significado medra. Pasa a ser tamén un toque de atención, case un SOS. A tradición precisa de mans dispostas a traballar todo ao ano, no monte e fóra del; dende Sabucedo e dende as administracións públicas, se se quere conservar algo tan poderoso como para crear comunidade e identidade.

A película fai un percorrido polos 365 de Rapa seguindo as catro estacións do ano. En todas elas hai traballo en Sabucedo, diferente segundo se vai achegando o momento de baixar as bestas á aldea, como marca a tradición. Diferente, tamén, o escenario que hai que aloitar. Está a irrupción dos animais nas fincas e o conflito que se xera cos seus propietarios, ademais do traballo para a retirada e devolución aos montes de orixe. Están os traballos de marcaxe e desparasitación; a merma que ocasiona un lobo que tamén forma parte da cadea natural e a ameaza –artificial pero real– de xigantes con brazos que rabuñan o ceo. E xa enriba da festa, está todo o esforzo de reunión de cabalos para asegurar que o curro se poida celebrar aínda que na “Baixa” non haxa bestas abondo; o traballo de montaxe das gradas, de coordinación das distintas facetas da festa. .. ata que chega o momento do traballo no curro, ese polo que tanto esperan estes veciños e que lle recarga as baterías para que, xusto nese fermoso momento de ver como as bestas recuperan a liberdade, o contador se poña a cero e o ciclo comece de novo.

Despois da mañá de alfombra vermella de onte, Rapa. Xente ao monte queda estes días na carteleira de Minicines Central na Estrada. Hoxe haberá funcións ás 19.00 e 21.15 horas e mañá luns será protagonista do ciclo Cine Encontros, ás 19.00 horas, acompañado dun coloquio no que intervirán o aloitador –e pai de aloitador– José Francisco Parada e Iván Sanmartín Eirín. Con eles falarase da tradición da Rapa das Bestas, da súa organización e da problemática eólica que agora afecta á cabana de San Lourenzo de Sabucedo.

Xente ao monte. É o que Sabucedo e Rapa das Bestas necesitan. A primeira fin de semana de xullo e tamén o resto do ano. A historia que conta este documental é universal, porque moitos dos temas que aborda tamén o son. Os seus silencios, a música, os detalles e a querenza polos planos longos axudan a artellar e transmitir emocións. Chegar ao corazón non é algo sinxelo, pero está conseguido.