Paula Carballeira visita hoxe o Teatro Principal

A Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 protagonizará un parladoiro sobre “As alumnas”

Redacción

O Teatro Princial de A Estrada acolle hoxe, xoves 7 de marzo, un parladoiro coa gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática de 2023, a fenesa Paula Carballeira.

A actividade enmárcase, pois, dentro dos actos programados polo Día Internacional da Muller, que se conmemora mañá, venres 8 de marzo, xornada na que tamén haberá diferentes eventos relacionados con esta temática e organizados polo Concello, como é a entrega do Premio Honorífico á Labor das Mulleres á hosteleira de Matalobos Aurora Loureiro.

Nesta cita, a autora falará sobre o seu libro As alumnas, polo que recibíu o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, e ao remate do encontro os asistentes poderán achegarse cos exemplares para que a escritora os asine. O evento terá lugar ás 20:30 horas, con entrada libre e gratuita ata completar a capacidade da sala.

As alumnas constrúe o seu relato arredor da educación para o desenvolvemento e a liberdade das persoas, especialmente das mulleres. As dúas protagonistas femininas da obra representan a dúas mozas no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que contan a súa historia a través das transformacións sociais do momento.