A contaminación atmosférica da celulosa de Palas de Rei

A factoría de Altri ocasionará unha seria afectación a unha vasta extensión dun territorio que, ata o de agora, non coñeceu este tipo de situacións, causando estragos na vida e saúde dunha poboación envellecida

O Farelo encapotado en situación de norte.

O Farelo encapotado en situación de norte. / CEDIDA

Antonio Presas

O propósito de instalar unha fábrica mixta de celulosa-lyocell en Palas de Rei, na conca alta do Ulla, vai a ocasionar unha seria afectación por contaminación atmosférica a unha vasta extensión dun territorio que, ata o de agora, non coñeceu este tipo de situacións, causando estragos na vida e saúde dunha poboación envellecida. A esta poboación envellecida non se lle pode facer un dano peor.

A falta dun traballo específico sobre as condicións atmosféricas da zona afectada pola factoría proxectada de Altri , non se poden sacar unhas conclusións definitivas acerca do impacto que vai causar a nivel da calidade do aire, distribución de contaminantes e zonas máis afectadas.

Para realizar un traballo desas características deberían empregarse os datos meteorolóxicos (dirección do vento, velocidade, humidade relativa, situacións anticlónicas) que proporcionan as estacións meteorolóxicas de Meteogalicia e de Aemet existentes na zona afectada (Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Rodeiro, Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Santiso e Arzúa). En concreto, Meteogalicia conta cunha importante rede de estacions nesta zona: Arzúa, Melide, Serra da Vacaloura, Olveda (Antas de Ulla), Alto do Faro (Chantada), Alto do Faro (Rodeiro), Vilarmaior (Rodeiro), O Sisto (Dozón), Lalín, Mouriscade, Forcarei e Camanzo (Vila de Cruces).

Polo de pronto, tendo en conta as condicións orográficas do territorio (relevo), podemos afirmar que haberá que diferenciar dúas zonas direitamente afectadas: zona de influencia directa e zona de influencia debida á propagación por ventos.

Zona de influencia directa

A zona de influencia directa abarca un radio duns 10 km e unha superficie superior aos 300 km2. Dentro desta zona están direitamente afectadas as vilas de Melide, Palas de Rei e Agro do Chao (Santiso) pero tamén se atopan moi cerca desta distancia Agolada, Antas de Ulla e Monterroso, polo que poden considerarse como direitamente afectadas.

Nesta zona de influenza directa e, tendo en conta que a celulosa se intalará a unha altura media duns 430 metros e as emisións de fumes elevaranse, por medio de chimenea ata os 500 metros (chimenea de 75 metros de altura), a contaminación e malos olores serán de carácter acusado, especialmente durante as situacións anticiclónicas de verán (anticiclón de Azores) e inverno (anticiclón centroeuropeo), nas que a circulación do aire é mínima, polo que se dan condicións de estanqueidade atmosférica.

O fume vaise acumulando sobre a zona polas continuas emisións de gases e forma unha capa que non sobrepasará as alturas das serras circundantes, as serras que forman parte da Gran Dorsal Galega: Careón, Bocelo. Vacaloura, Pico Longo, Farelo, Faro, etc.

Esa capa de fume, diluido na atmósfera, dependendo dos días que duren as situacións anticiclónicas, tenderá a ser cada vez máis intenso (concentrado) e poderá orixinar situacións nas que domine unha perigosa “calima”. As persoas afectadas por enfermidades de caracter respiratorio (asmáticos...), especialmente as de maior idade, serán as máis propensas a sofrir os efectos de contaminacións de caracter tóxico.

Zona de influencia debida á propagación dos ventos

A zona de influencia debida á propagación por ventos, que depende das das condicións orográficas, verase afectada pola dispersión de gases, en función da dirección na que sopren os ventos, que serán determinantes para delimitar a área afectada.

Tendo en conta que a fábrica de celulosa se vai a instalar ao pé da Gran Dorsal Galega (conxunto de serras que percorren Galicia de Norte a Sur, pola parte central do noso territorio, ao longo duns 220 Km, dividindo a Galicia en Galicia-Costa e Galicia-Interior), debemos pensar que esta alineación montañosa vai a ser determinante na propagación dos gases.

Nesta alineación montañosa atopamos bastantes elevacións por encima dos 900 metros e estas elevacións funcionarán como unha muralla de delimitación en dirección N-S, a máis afectada polos ventos de compoñente Norte, polo que en dirección Sur atopamos un espazo aberto de gran extensión, que vai desde os Montes da Vacaloura, Farelo, Cabeza, Faro, Penas Grandes e, en Pena Bico (límite das tres provincias) cambia a dirección L-O e continúa pola Pena da Gándara, Pena de Francia, Monte de San Martiño, Coto Xacente, Pena Albura ata a Rabeixa (á altura de Zobra), onde recupera de novo a dirección N-S nos Montes do Testeiro (Uceiro, Pena Pixín, Couto das Antas). Nesta última localidade empeza a Serra do Candán, que toma unha dirección Norte (Alto de Paimogo, Altos de Rofete, Coto Tabeiro, San Benito, Penadoiro, Chamor...).

Todo ese conxunto de serras describe un gran arco en forma de “U”, un auténtico “fondo de saco”, que encerrará os gases contaminantes dispersados en direción Sur, desde a celulosa, cunha superficie superior aos 890 km2 e no que se localizan innumerables aldeas e as vilas de Antas de Ulla, Monterroso, Agolada, Rodeiro, Lalín e Castro de Dozón. Así que os ventos de compoñente Norte, que segundo datos da propia empresa (datos da estación meteorolóxica de Melide) representan o 45% dos ventos medios anuais, levarán a contaminación da celulosa a distancias considerables: Montes Vacaloura (18,6 km), Castro de Cantelle (19 km), Pena Bico (32,6), Pena Albura (37,4), Pena Pixín (43) e alto de San Benito (38).

As imaxes de satélite en “situacións de Norte” (cando os ventos sopran atravesando o mar Cantábrico en dirección Sur) que se dan especialmente no verán amosan a formación de néboas nos montes que sobrepasan os 850-900 metros de altura: Farelo, Cantelle, Cabeza, Faro, Penas Gandes, Pena Albura, Testeiro, e Serra do Candán. Estas néboas de montaña serán o teito máximo que poden acadar os gases contaminantes e a súa condensación ou precipitación (de carácter horizontal, cando condensa nas plantas, ou vertical, cando cae en forma de chuvia débil, tipo orballeira) ocasionará a entrada de augas contaminadas nas plantas e nos solos.

Suscríbete para seguir leyendo