Un enigmático petróglifo no Camiño Mozárabe pola Xesta

Estivo oculto nun vello valado ao pé do Camiño da Calzada polo que decorre a ruta a Compostela | A lousa de xisto presenta unha combinación circular nunha cara e coviñas na outra

As dúas caras da laxe, con círculos concéntricos nunha e coviñas na outra.   | // FOTOS: DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

As dúas caras da laxe, con círculos concéntricos nunha e coviñas na outra. | // FOTOS: DANIEL GONZÁLEZ ALÉN / Daniel González Alén

Daniel González Alén

O municipio de Lalín incrementa o seu catálogo de petróglifos cun ben curioso e ata enigmático que localizamos coa axuda dos veciños e colaboradores no lugar da Xesta do Fondo, agochado nun valado ao pé do coñecido como Camiño da Calzada e tamén por Camiño Real, por decorrer por aquí unha antiga vía pola que se trazou, en tempos recentes, o Camiño Mozárabe de peregrinación a Compostela.

Fica enriba dun valado ao pé do vía xacobea. |   // D.G.A.

Fica enriba dun valado ao pé do vía xacobea. | // D.G.A. / Daniel González Alén

O petróglifo, gravado nas dúas caras dunha lousa de xisto case redonda duns 50 centímetros de diámetro, que en tempos debeu ser partida doutra de maior tamaño, estivo soterrado e oculto ata hai pouco nun valado á beira do referido camiño. Logo de ser refeito o valado, a lousa colocouse enriba ben á vista, amarrada cunha grosa capa de cemento. A laxe presenta nunha das caras unha combinación circular de 44 centímetros de diámetro con sete círculos concéntricos, atravesados por catro radios que converxen nunha cazoleta ou burato central de 5 centímetros de diámetro. Pola outra cara, poden ollarse unha ducia de coviñas de ata 6 centímetros de diámetro e varias profundidades, e algunha máis que oculta a capa de cemento que suxeita a lousa ao valado.

A Xesta, encrucillada no Mapa de Fontán. |   // MAPAS XUNTA

A Xesta, encrucillada no Mapa de Fontán. | // MAPAS XUNTA / Daniel González Alén

Cando o atoparon os veciños coidaron que podía tratarse dun antigo muíño, un marco ou un menhir que marcaría o antigo camiño e, polo curioso dos gravados, pensaron que ben merecía ficar á vista de todos, incluídos os peregrinos que a coitío pasan por esta ruta de peregrinación a Santiago que atravesa a parroquia da Xesta, na que entra atravesando o río Asneiro pola Pontenoufe, para continuar cara a Botos e Donsión, rumbo á encrucillada da Laxe.

O Coto do Castrelo, enclave arrasado polo TAV. |   // D.G.A.

O Coto do Castrelo, enclave arrasado polo TAV. | // D.G.A. / Daniel González Alén

Inédito e enigmático

Un enigmático petróglifo no Camiño Mozárabe pola Xesta

Un enigmático petróglifo no Camiño Mozárabe pola Xesta / Daniel González Alén

Deste curioso petróglifo prehistórico, que deberá ser estudado e catalogado por Patrimonio, dounos razón vai para ano e medio o veciño Fernando da Xesta, adiando a visita ao lugar por unhas e outras razóns máis tempo do que temos por costume, ata que o noso amigo e colaborador Fernando Alvarellos, que percorre este e outros camiños dezaos para adestrar nas diferentes probas atléticas en que participa, reparou na pedra e mandounos unha foto e a situación da mesma, coidando que era un petróglifo merecente de estudo e difusión.

Con estes colaboradores e cos veciños da Xesta do Fondo, que se mostraron moi interesados no achado, estivemos ollando o petróglifo e recollendo as súas testemuñas, ao tempo que lles expuxemos as nosas teorías sobre esta interesante peza arqueolóxica da nosa prehistoria, que tamén ofrecemos aquí. Coma tantos outros petróglifos da nosa comarca e de Galicia, nada se sabe con certeza da utilidade, significado e razón dos gravados rupestres e, neste caso, tamén é un enigma a súa procedencia orixinal.

Teorías sobre a orixe

Puido formar parte dun menhir que sinalara este antigo camiño que foi calzada en tempos remotos, da que conserva treitos e denominación, e mesmo os veciños sinalan que preto do lugar houbo un marco de xisto de case dous metros de altura a pé do camiño, que puidera ter gravados e que hai décadas foi destruído por mor dun ensanche.

Outra teoría que se nos ocorre é que puidera ser o esteo dunha mámoa, xa que na parroquia se teñen catalogado algúns destes enterramentos no Coto de San Fiz, e nós mesmos ollamos dous túmulos nunha carballeira onda unha encrucillada deste vello camiño, dos que habemos dar razón cando fagamos as oportunas comprobacións.

E unha tercera hipótese, baseada na tradición oral, sinala a posible procedencia da laxe do chamado Coto do Castrelo, a uns 500 metros ao sur do achado, un xacemento medio arrasado hai poucos anos polo trazado do TAV que atravesa a parroquia. En tempos din os veciños que se carrexou moita pedra daquel enclave prehistórico para todo tipo de construcións na Xesta, ao igual que do castro da veciña parroquia de Vilanova.

Na comarca, o caso que máis se asemella a este da Xesta é o de Fonte Tourón en Goiás: unha grande lousa duns 2 metros de altura, que puido ser un menhir reaproveitado, que servía de esteo de cabeceira dunha mámoa destruída naquel lugar, na que se poden ver varios gravados serpentiformes nunha das caras e cazoletas na outra.