Juan Andrés Fernández Castro | escritor

“Contos para Elliot’ é un conxunto de trinta relatos dedicados ao meu neto”

“Trátase da adaptación e a ficcionalización de vivencias que temos en conxunto”

Fernández Castro posa cun exemplar de “Contos para Elliot” no salón da súa casa.

Fernández Castro posa cun exemplar de “Contos para Elliot” no salón da súa casa. / / BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Os avós adoitan ser para os seus netos esa figura que ensina e consinte. Da súa man os cativos pasean, coñecen o mundo e viven novas historias, aínda que poucas delas acaban formando parte dos libros. Porén, as de Elliot, o neto do escritor e historiador estradense, Juan Andrés Fernández Castro, si o van facer, grazas a que seu avó tivo a ben facer unha colección de 30 contos baseados nelas. Esta nova publicación, que se presenta o mércores 21 na Sala Abanca ás 20.00 horas, ten por título “Contos para Elliot” e pretende ser un agasallo non só para o neno que lle da nome, senón para todas as familias que desfrutan de ler ou narrar historias antes de durmir.

–De que trata “Contos para Elliot”?

–O libro titúlase “Contos para Elliot” porque son contos e van dedicados a Elliot. Está escrito para que todos os nenos e nenas, pais e nais e avós e avoas, tanto para ler como para ser lido. Consiste nunha colección de trinta contos de trescentas palabras cada un. Seguiuse esta medida porque, partindo da base de que son contos independentes, busca axustarse ao tempo que tarda en vir Pedro Chosco unha vez os cativos xa están na camiña co pixama posto. En concreto, polo que estiven estimando, a lectura en alto destas historias que narra en primeira persoa o protagonista, Guimar, leva uns doce minutos, dependendo da velocidade á que vaia cada un.

–Son entón contos para ser lidos por adultos, ou tamén é unha lectura asequible para os cativos?

–Pois o certo é que está pensado para todos os públicos. De feito, os cinco primeiros contos están escritos en letras maiúsculas, que son coas que se inician na lectura os meniños, de tamaño grande e tipo candara, sinxela, lineal e independente. Con isto o que se pretende é que os máis pequenos lean ben e non se equivoquen. Outra cousa que fai deste libro un título especialmente adaptado ao lector infantil é que cada texto vai acompañado dunha ilustración, de maneira que o relato sexa percibido tanto polo seu contido como pola imaxe.

–Comentaba que como o título ben indica, as historias deste libro van dedicadas a Elliot. Pero quen é Elliot?

–Pois é o meu primeiro e único neto, de momento. Ten tres anos e medio e é un rapaz moi intelixente, imaxinativo e encántalle xogar. Outra das cousas que máis lle gustan é precisamente escoitar, sempre presta especial atención cando lle está explicando algo ou cando lle contan contos. Por iso pensei que unhacolección de contos que puidese ler ou escoitar sería un bo agasallo para el.

– E estes relatos son novos para el, ou trátase dunha recopilación dos que xa lle contaba vostede?

–Son todos novos, e de feito trátase de adaptacións e ficionalizacións de vivencias que temos en conxunto, cousas que nos pasaron a el e a min. Dende que saíu xa lle lin algúns e entre os seus preferidos están un sobre unha toupa que nos visitou un día no xardín, outro sobre os paxariños que aniñan na nas casas que deixamos colgadas para eles, ou o que escribín sobre os seus avós ingleses. Porque outra cousa que ten Elliot é que é completamente bilingüe en inglés– pola parte paterna– e en español, pola parte de súa nai. Por suposto, esperamos que pronto sume o galego a esa lista e se convirta en trilingüe.

“Para publicar é importante o patrocinio”

–Esta é a primeira vez que escribe literatura infantil. Como foi a experiencia?

–Efectivamente, é a primeira vez que escribo para nenos porque é a primeira vez que teño un neto (risas). O certo é que me resultou doado, escribín os 30 contos bastante rápido. Ao fin e ao cabo, son recordos e anécdotas que pasamos xuntos ou cousas que sei que lle interesan a el. Con todo, eu xa estaba acostumado a escribir relatos breves de ficción, ademais dos textos de corte académico relacionados coa historia.

–Entón, ten pensado pensar unha segunda colección no futuro?

–De momento non entra nos meus plans, estou centrado en escribir outro conxunto de relatos breves, aínda que polo de agora non hai intención de publicar ningún deles. Non ata que haxa material suficiente, pois moitos dos que se empezan acaban no lixo (risas). Outra cousa moi importante á hora de publicar é o patrocinio, tanto oficial como privado, pois sen el non sería posible que moitos dos títulos visen a luz, xa que por desgracia o hábito da lectura en papel está decrecendo. No caso de Contos para Elliot, quixera agradecer á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e ao departamento de Cultura da Estrada, que apoiaron este proxecto.

–En canto á presentación o próximo mércores 21, que me pode contar dela?

–Terá lugar na Sala Abanca e comezará ás oito da tarde. Acompañaranme o escritor e crítico literario Armando Requeixo, así como o ilustrador do libro, Gabriel Iglesias Sanmartín, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o alcalde, José López. Ademais, Gonzalo Valcárcel lerá algún dos contos.