O “thriller” dun lenzo en branco e o negro marfil

Manuel Fragoso presenta na Casa das Letras unha exposición de sete cadros dentro do programa do Festival Panic de cine de terror

Fragoso posa cunha das súas creacións máis recentes.

Fragoso posa cunha das súas creacións máis recentes. / nerea couceiro

A pintura, como calquera outro tipo de arte, ten a capacidade de conmovernos e producir en nós toda clase de sentimentos. Dende tristeza ou nostalxia, a admiración ou confusión. Moitos cadros son incluso capaces de producir en nós tensión, misterio, como se dun thriller se tratase, ou unha película de terror. Precisamente isto é o que sucede cunha serie de sete cadros que o artista plástico estradense Manuel Fragoso expón na Casa das Letras a partir de mañá dentro do programa do festival de cine de terror Panic. Trátase dunha mostra cun fío condutor que se atopa no material que foi empregado para confeccionar cada unha das pezas que a conforman: o negro marfil. “Esta pintura ten unha tonalidade negra, mais ao mesturala con auga adquire un color azul case celeste”. Eses diferentes matices son os que conforman a estas creacións dunha profundidade cromática que incide aínda máis na mensaxe predominante de cada unha delas¬ o misterio.

Segundo conta Fragoso, o seu creador, a idea de que as súas pinturas formasen parte desta cita anual co terror en A Estrada chegou por casualidade. “Son moi amigo de Pedro Pérez e de Xosé Lueiro, a miudo falamos de literatura e de cine. Cando lle ensinei esta colección a Lueiro foi el quen me ofreceu realizar unha exposición dentro do programa do Panic e eu accedín, máis por amizade que porque considerase que existe unha relación evidente entre as miñas pezas e este xénero da sétima arte”, relata o estradense.

Porén, a unión entre a temática deste programa cinematográfico e a mostra de sete cadros que expoñerá Fragoso na Casa das Letras non é tampouco desatinada. “Son pezas abstractas e misteriosas, xeran certa tensión e incertidume en quen as observa”, declara o seu autor, que engade: “Dende logo, non era a miña intención que fosen así, mais cando traballo cando traballo cun material que me gusta, se ademais me atopo nun estado de ánimo concreto, déixome levar”. Para Fragoso estes cadros non son terroríficos, nin moito menos, mais representan un estado de ánimo que ben pode concordar coa estética e a gama cromática dalgún dos títulos que conforman o listado de visionado do maratón de medo nos Minicines Central da calle Iryda.

O estradense Manuel Fragoso, como todo artista, atopa inspiración no seu entorno para logo plasmar as súas ideas no lenzo. Unha das cousas que máis desperta o seu lado creativo é a literatura, aínda que nesta ocasión non son autores, novelas nin poemas os que atopan o seu refrexo nas sete láminas expostas na biblioteca municipal, senón o autor mesmo, a liberdade creativa, a potencialidade do pincel e a tinta. Por este motivo se incrementa o misterio, facendo do seu un código difícil de descifrar, mesmo para quen o enxeñou. Así pois, todos aqueles que queiran deleitarse coa pintura deste artista local e deixarse levar ás profundidades o abstracto, teñen unha cita inaludible este xoves na Casa das Letras a partir das 20.00 horas, onde tamén se levará a caba a lecura de microrrelatos de terror.

Suscríbete para seguir leyendo