A invasión que non devece: Seaga retira 1.843 niños nas comarcas no último ano

Son 450 máis que en 2022, e só Agolada e Dozón conseguen reducir as súas cifras

Os bombeiros retiran un niño de velutina nunha vivenda da rúa Xeral da Bandeira. |   // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Os bombeiros retiran un niño de velutina nunha vivenda da rúa Xeral da Bandeira. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Salomé SouteloS.Soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

En novembro rematou a campaña apícola, cuns resultados malos por terceiro ano consecutivo e debidos a tres cuestións: a varroa, as olas de calor e, sobre todo no norte da Península, os ataques da Vespa velutina. Nalgunhas colmeas, a producción caeu máis dun 50%.

Galicia adoita ser a comunidade autónoma onde se detectan máis danos da velutina. Nos datos por municipios facilitados pola Consellería de Presidencia, en Deza e Tabeirós retiráronse durante o ano pasado 1.843 niños desta especie invasora, que son 450 máis dos eliminados durante o 2022. A cifra aumenta porque, dos nove municipios, tamén sobe en sete deles. Na Estrada detectáronse 529 colmeas, polo que este concello segue liderando a lista de avisos, pero en 2022 tiña 354. Por detrás do municipio estradense colócase Silleda, con 283 niños, un cento máis dos 180 que foran eliminados en 2022. Lalín tamén incrementa as súas cifras e pasa de 193 a 264 colmeas de velutina retiradas.

Sen saír de Deza, en Vila de Cruces deuse aviso de 191 niños, mentres que en 2022 foran 174, e en Agolada avistáronse 156. Este é o único municipio, xunto a Dozón, que consigue reducir o número de colmeas eliminadas, pois en 2022 notificara 176. Dozón pasa de 24 a 12. Que descenda a cifra de niños desta especie pode indicar que hai menor incidencia, ou que a poboación deu menos avisos á empresa xestora. Pola súa banda, Rodeiro, que en 2022 certificara só 28 niños retirados, pecha o ano seguinte con case tres veces máis, 82. Forcarei tamén sobe, e pasa de 94 a 113.Por último, Cerdedo-Cotobade, que en 2022 dera alerta de 170 colmeas, sobe ás 213.

Convenio dende 2020

En 2023 a Xunta renovou coa empresa pública Seaga a colaboración para executar o programa galego de vixianza e control co que minimizar o impacto da avespa asiática, que se puxera en marcha en 2020 entre o goberno autonómico e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Este plan centralizado permite traballar de forma coordinada cos concellos nos labores de retirada e extinción das colmeas. Na actualidade, están adheridos a esta iniciativa case todos os concellos galegos, 311 en concreto, tralas incorporacións durante o 2023 de Monterrei, Ortigueira, Ponte Caldelas, Vilalba e Ribeira.

Nestes municipios , entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro Seaga desprazou efectivos en máis de 48.100 ocasións. Desta cifra, 29.229 casos correspóndese con niños retirados da seguinte maneira: 12.131 na provincia da Coruña, 4.547 na de Lugo, 3.706 na de Ourense e 8.845 na de Pontevedra. Vemos que non todos os desprazamentos implican retirada de niños: algúns son avisos duplicados, outros niños inactivos ou, tamén, de especies distintas á avespa velutina.

Chatbot para contactar co 012

Os máis de 48.100 avisos que atendeu o teléfono 012 por niños de Vespa velutina son un 60% máis que en 2022. Durante os meses de verán e coincidindo coa proliferación desta especie invasora, a Xunta puxo en marcha un chatbot complementario ás chamadas de teléfono. É un programa informático que permite ter unha conversa por mensaxes de texto ou de voz.en calquer momento da xornada, en en calquer día. Tamén se estreou un axente virtual integrado na ferramenta da xestión de avisos. Nesta liña, a Xunta mantén un servizo de comunicación de resolución de avisos mediante SMS coas personas que deron a notificación.

Ademais, está en marcha a aplicación Controlvelutina, que empregan os efectivos de Seaga para introducir en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías da colmea, as observacións de cada caso e o resultado final. Á marxe da eliminación de niños, é fundamental o emprego de trampas, sobre todo en primavera e outono. A Vespa velutina chegou a Europa en 2004, procedente do sudeste asiático, en Galicia comezou a detectarse hai máis de dez anos, en 2013.

"Agora esta especie copia os hábitos do avispón"

David Liñares, á dereita, nunha charla sobre apicultura na Aula da UNED de Lalín.

David Liñares, á dereita, nunha charla sobre apicultura na Aula da UNED de Lalín. / BERNABE/JAVIER LALIN

David Liñares tén colmeas no Sobreiral do Arnego e na Serra do Candán. Sobre a temporada que acaba de rematar, non dubida en calificala como “o peor ano que recordo”.

–¿Que ocorreu para que a colleita de 2023 fose tan mala?

–Por un lado, o habitual era que as xeadas de abril e maio freasen a cría de velutina, pero ao non producirse estas xeadas viuse favorecida a cría. Ademais, había niños por todas partes, porque agora a avespa asiática copia os hábitos da Vespa crabro, o avispón europeo, de maneira que xa fai as colmeas debaixo da terra ou nas silveiras. Na zona do Carballiño, por exemplo, tamén constrúen os niños no tellado das casas, métense debaixo da tella plana.

–Cunha campaña tan mala, era de esperar que subise o prezo do mel, pero isto non foi así.

–Non subiu, o prezo segue á baixa pese a que hai pouco, e iso ocorre porque hai moito mel de fóra producido a baixo custo. O mercado maiorista leva dous anos baixando o prezo e isto aféctanos aos productores con Denominación de Orixe, porque a nós si nos subiron os custos da madeira, da cera ou da corrente eléctrica. De feito, vendendo o mel hai dez anos á metade do prezo actual, eu gañaba máis diñeiro entón que agora. E temos que pensar que, no meu caso, esta é a miña profesión e na época complicada da temporada, dende febreiro e ata finais de outubro, adícolle xormadas de máis de 12 horas. E outro dato: a tasa de profesionalidade da apicultura é moi baixa, do 10%.

–Con esa porcentaxe, está claro que fan falta medidas para osm productores nacionais. Fala do mel de fóra, que moitas veces está adulterado ou non pasa os controis que si se lles esixe ao mel europeo. ¿Cómpre un labor de concienciación do consumidor?

–Eu sempre recomendo mercar un mel amparado por unha denominación de orixe. Ao fin e ao cabo, a diferenza de prezo entre un mel cunha DO e un mel de fóra non é dun 20%. O que ocorre é que non hai esa educación de mercar mel de calidade. Véndese mel, si, pero as grandes superficies venden por exemplo mel chino porque hai demanda. O que tería que incidirse é que ese mel chino, por exemplo, siga as pautas de etiquetado que se nos esixen a nós. Necesitamos formar ao consumidor nestas cousas, porque os productos de fóra, como a froita ou a carne, non só o mel, non seguen o mesmos patróns que os producidos na UE. Outro exemplo é que Ucraína durante a guerra con Rusia duplicou a súa producción de mel. ¿Como se explica isto? Pois porque China empregou a Ucraína para ‘blanquear’ a súa producción, por iso é necesario, por exemplo, que no etiquetado se indica a porcentaxe de mel de cada país.

–Vostede foi o mentor da feira Alvariza, que forma parte da programación do Cocido e que vai celebrar a súa terceira edición o 27 e o 28 deste mes. ¿Pode adiantarnos algúns contidos?

–Temos o cartel de actividades xa ao 95% e en breve vai ser presentado. Como nas outras dúas convocatorias, será unha feira para todos os públicos, con sesións orientadas a técnicos e outros eventos para o público en xeral. Tamén contemplamos obradoiros para os nenos, e de maneira previa temos pensadas charlas nos CEIP da zona para acercalos ao mundo da apicultura.

Suscríbete para seguir leyendo