A maleta contra a violencia de xénero viaxa ata Lalín

O Concello brinda aos colectivos esta iniciativa literaria feminista da Subdelegación do Goberno

REDACCIÓN

O Concello de Lalín activa a “maleta viaxeira contra a violencia de xénero”, unha iniciativa da Subdelegación do Goberno en Pontevedra en colaboración coa Oficina de Igualdade, que pretende achegar á veciñanza materiais de formación sobre feminismo e contra a violencia machista. Consta de 68 libros diversos en canto a temática e idade, que se prestarán durante dous meses aos colectivos que os soliciten.

Os libros da “maleta viaxeira” poderán ser prestados ás persoas que formen parte da asociación solicitante ou seren empregados en espazos como clubes de lectura. O persoal da Oficina de Igualdade poderá participar como persoas expertas facilitadoras, segundo a dispoñibilidade e baixo demanda da asociación. A maleta solicitarase mediante documento oficial no Rexistro Xeral do Concello de Lalín e, unha vez obtida a autorización, os materiais deberán recollelos e entregalos na Oficina de Igualdade.