Recuperan 200 documentos do militar, escritor e político Luís Otero Pimentel

Son testamentos, foros, partillas ou compravendas do século XVII ao XX | Tamén hai un exemplar do Regulamento do Casino Español de La Habana de 1870, do que foi directivo

María Aurora e Félix Otero Vaamonde, parentes de Otero Pimentel, cos documentos cedidos ao Seminario de Estudos de Deza. |   // D.G.A.

María Aurora e Félix Otero Vaamonde, parentes de Otero Pimentel, cos documentos cedidos ao Seminario de Estudos de Deza. | // D.G.A. / X.S.S.

X.S.S.

En xullo deste ano, Daniel González Alén foi convidado a intervir na homenaxe que A Solaina de Piloño dedicou ao escritor, político e militar Luís Otero Pimentel (Portodemouros, Vila de Cruces, 1834-Cádiz, 1920), xunto aos investigadores Gonzalo Navaza Blanco e Ana María Mato Sesto, participando nunha mesa redonda acerca da súa vida e obra. “Nesa xornada e xa anteriores, tivemos ocasión de localizar e contactar cos seus parentes que, residentes en varios puntos de España, se atopaban na casa familiar de Portodemouros, pasando uns días de vacacións”, relata o cronista nun informe elaborado para o Padroado Cultural de Lalín.

Detalle das carpetas cos documentos entregados. |   // D.G.A.

Detalle das carpetas cos documentos entregados. | // D.G.A. / X.S.S.

“Logo de varias visitas e conversas acerca do homenaxeado, mostráronnos o interior da súa casa natal e a documentación familiar de certo interese que nela se garda, que ao poñerse en venda o inmoble corría perigo de desaparecer”, prosegue González Alén. Pedíronlle, entón, ue que lles fora doada para buscarlle un lugar axeitado de depósito no Concello de Lalín, pois “podía interesar para que fora gardada e estudada polo Seminario de Estudos de Deza, dependente deste Padroado Cultural, ao que accederon de bo grao”.

Casa natal en Outeiro de Portodemouros. |   // D.G.A.

Casa natal en Outeiro de Portodemouros. | // D.G.A. / X.S.S.

En días posteriores, pasaron polo lugar de Outeiro para recoller os documentos que gardaban nunha hucha os sobriños bisnetos de Otero Pimentel e que eles mesmos colocaron en tres carpetas que lles foron entregadas para buscarlles “un lugar axeitado e seguro para o seu depósito, quedando a disposición dos investigadores que os precisen”. Trátase duns douscentos documentos orixinais en desigual estado de conservación, que abranguen do século XVII ao XX: testamentos, foros, partillas ou compravendas, entre outros. Tamén hai un exemplar do Regulamento do Casino Español de La Habana de 1870, do que Otero Pimentel foi directivo.

Portada de dúas obras de Luís Otero Pimentel.

Portada de dúas obras de Luís Otero Pimentel. / X.S.S.

“Bótanse en falta documentos referidos directamente ao personaxe, que deberon estar gardados nunha carpeta verde que, co anagrama de Imprenta Alvarellos de Lalín, se atopa entre os vellos documentos –relata González Alén–. Vese que foron levados a finais do século XX polo sacerdote lalinense Nicolás Alvarellos López, daquela párroco de Vila de Cruces e outras parroquias, para fotocopiar na imprenta da súa familia en Lalín, e ser devoltos segundo se desprende do escrito asinado polo propio crego na portada da devandita carpeta, onde reza ‘Un saúdo e gracias por todo’”.

Recuperan 200 documentos do militar, escritor e político Luís Otero Pimentel

Recuperan 200 documentos do militar, escritor e político Luís Otero Pimentel / X.S.S.

A esas fotocopias tivo acceso recentemente o historiador lalinense Antonio Vidal Neira, polo que, continúa o cronista, “sabemos que un dos documentos era unha carta manuscrita e asinada por Luís Otero Pimentel dirixida a súa nai, que Vidal ten publicado en diversos medios”. Alén solicitoulle a Ana María Mato Sesto unha copia dixitalizada daquela documentación á que tivo acceso hai unha década, por xentileza dos referidos parentes de Otero Pimentel. Con data 6 de setembro de 2023, mandoulle por correo electrónico os seguintes documentos, que logo de ser fotocopiados, incorporamos ás tres carpetas traídas de Outeiro: Certificado de nacemento de Luís Otero Pimentel (1844); tarxeta de Luísa Otero, filla de Luís Otero Pimentel (1870); permiso para publicación de Luís O. P. (1876); carta a súa nai, dúas páxinas (1878); Ramón Fernández axuda a Luís O.P., tres páxinas (1879); Ignacio Diéguez, primo de L.O.P. La Habana, tres páxinas (1880); María Otero y Ferrer, filla de L.O.P. (1880); Foto de Consuelo Otero y Torres, filla de L.O.P. (1902); Carta de Consuelo Otero y Torres, dúas páxinas (1902); Consuelo Otero y Torres (1902); e Luís Otero Pimentel, dirección en Cuba (s/d).

González Alén propón ao Concello de Lalín que as copias destes documentos, xunto cos orixinais traídos de Outeiro, sexan gardados na sala que o Seminario de Estudos de Deza ten no Pazo de Liñares ou noutro lugar axeitado que se estime conveniente.