95 anos da entrada de Ramón Aller no SEG

O científico lalinense leu o 5 de novembro de 1928 o seu traballo de admisión como socio numerario, sobre o Matemático de Bermés

Páxina manuscrita inédita do discurso pronunciado por Aller Ulloa.

Páxina manuscrita inédita do discurso pronunciado por Aller Ulloa. / CECILIA DOPORTO REGUEIRA / Antonio Vidal Neira

CECILIA DOPORTO REGUEIRA / Antonio Vidal Neira

Este ano celébrase o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, constituído por nove mozos universitarios baixo a presidencia de Armando Cotarelo Valledor. O SEG tiña por finalidade o estudo de todas as cuestións sociais e culturais que afectan á vida dos galegos e galegas, potenciando o esforzo de todos os investigadores nun labor común, deixando de lado o traballar de xeito individual e redactando a información en lingua galega.

Xa desde o comezo, ademais dos traballos individuais que presentaba cada socio, contemplaron a necesidade de facer estudos colectivos e mesmo interdisciplinarios. Os primeiros traballos colectivos estiveron centrados en elaborar unha bibliografía galega, e unha iconografía e un vocabulario castelán-galego. Despois virían as xeiras por diversas comarcas e pobos de Galicia.

Os socios, segundo as constitucións de 1923, tiñan que presentar un traballo orixinal e inédito sobre algún tema galego. Logo, un traballo anual obrigatorio, ademais das comunicacións que quixeran presentar e das colaboracións nos traballos do SEG que lles fosen demandadas. Había tres categorías: Asesores, propostos pola Sección Directora con residencia en Santiago de Compostela, e que dirixían todos os traballos. Numerarios, propostos por un socio, admitidos na xuntanza seguinte e que tiveran feito o seu traballo de ingreso. Correspondentes: os colaboradores do SEG que non poidan asistir ás xuntanzas e os numerarios que non teñan presentado o traballo de ingreso.

Nos novos estatutos do Seminario de Estudos Galegos, aprobados o día 16 de novembro de 1930, fixeron outra definición dos socios en dúas categorías. Socios eran aqueles que se dedicaban ao estudo de algunhas manifestacións da cultura galega. Podían ser socios activos (aqueles que colaboraban nos traballos do SEG e que foran admitidos pola comisión directora, logo de ser presentados por dous socios activos ou polo director da sección na que iría traballar), e socios protectores, que eran aqueles, activos ou non, que contribuían regularmente con aportacións económicas ao sostemento do Seminario.

Manuscrito inédito

Don Ramón María Aller Ulloa foi admitido como socio numerario o día 20 de outubro de 1928 e fixo o ingreso o 5 de novembro do mesmo ano, coa lectura dun traballo titulado Resumen Biográfico de Dº. José Rodríguez. O seu discurso sobre o Matemático de Bermés, de doce páxinas manuscritas, está ben gardado no arquivo do Padre Sarmiento e permanece inédito. Un ano máis tarde, en 1929, o padre Aller Ulloa publicaría a primeira biografía do matemático baixo o título de Don José Rodríguez González (O matemático de Bermés), Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III. Santiago de Compostela, 1929 (páxs. 25-96).

Publicaría outros tres traballos en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos; o segundo tamén no ano 1929, sobre o seu observatorio de Lalín, o primeiro de Galicia, para o que el mesmo fixera os planos e levara a dirección da obra: El Observatorio Astronómico de Lalín y sus coordenadas geográficas (Vol. III, pp. 7-26). No ano 1932 publicou outros dous artigos: Programa del Observatorio de Lalín (Vol IV, pp. 79-86) y Constantes de un instrumento paraláctico (Vol. IV. pp. 89-94).

Obras sen publicar

Aportou outra memoria titulada Observaciones de Estrellas Dobles (1932), que non chegou a ser publicado polo SEG, pero foi impresa na revista científica alemá Astronomiche Nachrechten de 1932 (BAND 245, NR. 5868, pp. 213-224). Tampouco puido ser publicado o libro de divulgación astronómica escrito en galego Astronomía a ollo ceibe, encargado polos membros do Seminario e que foi presentado á prensa en abril de 1936; a causa de quedar no prelo foi o levantamento militar do 1936. Sería publicado no ano 1948 polo CSIC, en castelán co título: Astronomía a simple vista.

Don Ramón foi socio numerario, activo e protector do SEG, cumpríndose o día 5 do presente mes 95 anos da lectura do traballo de ingreso como numerario: Resumen Biográfico de Dº. José Rodríguez. Queremos compartir a primeira páxina das doce que leu, manuscritas e inéditas que se gardan nos arquivos do Instituto Padre Sarmiento. Agradecemos ao director e arquiveira o permiso para poder publicalo e poñer en valor a figura do científico lalinense, fiel colaborador co Seminario e, en especial, coa Sección de Ciencias dirixida polo seu amigo Luis Iglesias Iglesias.