Damián Salvador Payo Cangado, ‘Paío’ | Animador sociocultural de Lalín recén xubilado

“Agora Lalín dispón de programa cultural estable mes a mes, incluso no verán”

“Paréceme moi boa idea que a Algarabía implicase á hostelería nas exposicións”

Damián Paío amosa, diante do Museo, a estampiña que lle regalou aos compañeiros.   | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

Damián Paío amosa, diante do Museo, a estampiña que lle regalou aos compañeiros. | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO / Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Onte Damián Payo, Paío, xubilábase despois de 34 anos traballando como animador sociocultural de Lalín. Para celebrar a entrada nesta nova etapa “na que seguirei traballando polo mundo da arte”, repartiu entre os seus compañeiros e compañeiras de traballo unha estampiña, como aquelas que se regalaban, a modo de recordo, cando un facía a Primeira Comuñón. Na estampa aparece este artista sentado, con ás de anxo e un nimbo sobre a cabeza. Na parte inferior figura a plegaria ao xubilado, que reza así: “Líbrame hoxe de ser aghobiad@, líbrame de meterme en ninghún freghado e que me dean un bo salario. Amén”. Non falta a ironía, porque nun extremo da postal aparece Paío paseando e co cartel “O primo listo da familia”. Ao ser preguntado por esta iniciativa, respóndenos que “hai que facer postales de xubilado, igual que hai cromos de futbolistas”.

–Xa que me fala de deportes, cónteme cómo foi este partido que durou máis de 30 anos no mundo cultural de Lalín.

–En 1989 eu estaba dando clase como canteiro na Casa de Oficios da Fundación Semana Verde de Galicia, e chamoume Carmen Santos para traballar en Lalín como animador sociocultural. Daquelas, a programación máis potente que se facía era a da Algarabía. Quero dicir que si había propostas culturais, pero non se podía ofertar, por exemplo, teatro ou unha programación estable. Despois virían estas cousas, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, ou tamén o Titirideza e o Titerentroido, xa da man do Museo Galego da Marioneta. Cando eu comecei, ademais, estaban abrindo os teleclubs. Encargámonos de meterlle mesas e cadeiras, é ao mesmo tempo fóronse creando asociacións no rural. Co tempo, nacerían os Circuitos culturais no rural, que contribuiron a apoiar os colectivos teatrais e musicais e que, dalgunha maneira, axudaron a poñer en marcha esa oferta cultural nas parroquias. De todas estas propostas temos na actualidade cousas potentes, como o festival Noceda Rock, ou actividades xa moi asentadas dos colectivos veciñais de Vilatuxe, de Cercio ou de Botos, por mencionar só algúns. E no casco urbano, agora hai unha programación cultural estable mes a mes, incluso no verán, mentres que a finais dos anos 80 apenas había actividades culturales durante os meses do estío.

–Menciona a Algarabía, da que vostede foi confundador en 1984. ¿Como ve a súa adaptación aos tempos, xa que está a piques de cumprir 40 anos? É inevitable que unha cita cultural vaia mudando de contido conforme vai gañando edicións e se incorporan novas xeracións.

–Non vou ser crítico coa Algarabía: antes, o primeiro día ás nove da mañá colgábamos as creacións onda a estatua de Loriga e aló quedaban os cadros varias xornadas, e se chovía gardábamolos no cnetro social dos maiores próximo. Case daba medo desmontar cando comezaba a chover. Tiñamos concertos en distintos enclaves como Praza da Igrexa, ou no salón de actos do instituto Laxeiro. Agora é distinto, porque se dispón do Museo Ramón Aller para acoller as exposicións, e tamén me parece moi boa idea que se implique á hostelería para albergar as distintas mostras artísticas. A Algarabía vai evolucionando e ten moi boa programación, pero o problema é que non hai diñeiro de abondo.

“A rapazada ten cultura de ir aos museos”

–Os que non nacemos aquí tendemos a pensar que vostede sempre desenvolveu o traballo no Museo Ramón Aller, pero non foi así.

–Non. Cando comecei, en 1989, estiven en Servizos Sociais e despois xa pasei ao que eu chamo o búnker, os sótanos. Anos despois, xa subín para o Museo Ramón Aller, para establecer turnos coa miña compañeira, Cecilia Doporto, para abrilo.

–¿Nestes máis de 30 anos traballando como animador sociocultural de Lalín ve que a xente foi collendo o costume de ir aos museos?

–Por suposto, en Lalín si hai o costume de visitar exposicións, e sobre todo a rapazada, que ten xa cultura de ir aos museos. E iso debémosllo aos e ás docentes. En moitas das visitas que temos no Museo Ramón Aller, ao final da mini clase na que se explica o significado dos cadros ou das esculturas que están expostas, o estudantado ten que facer un debuxo non do cadro que máis teña destacado o profesor, senón daquel que máis lle gostase.

–O seu labor cultural non se cingue a Lalín,pois hai tempo que exerce de vocal da Fundación A Solaina Paco Lareo, de Piloño. A ninguén se lle escapa que o traballo desta entidade, como o da Fundación Neira Vilas, é vital para a programación cultural de Cruces.

–Lembro que coñecín a Paco Lareo precisamente nunha Algarabía, presentounos o finado Luis Areán no daquelas Matelo Vello. Foi coñecernos e xa non me soltou máis (risas). Estou convencido de que Paco Lareo abriu o rural para o mundo, pero antes veu do mundo para o rural, e explícome: Lareo estivera emigrado en Venezuela e noutros países, e cando regresou a Piloño invertiu moito diñeiro para poñer en marcha esos inmobles da fundación. Pode ocorrer que ás veces falte ese espírito de Paco nas Xuntanzas Internacionais, pero vanse facendo as cousas ben.

Suscríbete para seguir leyendo