Entrevista | Alba Rozas Arceo Escritora e creadora de Boadicea Editora

“Buscamos achegar a literatura galega á tradición máis europea ou anglosaxona”

A lalinense Alba Rozas creou o ano pasado Boadicea Editora, unha editorial de libros de fantasía e ciencia ficción en galego

Marcos López, Alba Rozas e José Manuel Dopazo, creadores de Boadicea Editora.

Marcos López, Alba Rozas e José Manuel Dopazo, creadores de Boadicea Editora. / JOSÉ GORIS

Anxo Bentrón

A finais do ano pasado a escritora lalinense Alba Rozas creou xunto a dous socios, José Manuel Dopazo e Marcos López, Boadicea Editora, “unha editorial de libros en galego de fantasía, ciencia ficción e terror”. O sábado 16 de setembro van presentar o proxecto en Lalín, no museo municipal, para “explicar que é, como naceu, que catálogo de obras temos e demais”.

–Como nace a idea de crear Boadicea Editora?

–Nace ao abeiro dun podcast, que se chama Baleiro Perfecto, que é un podcast en galego de fantasía e ciencia ficción. Os ouvíntes dese podcast empezaron a reclamar que non había oferta suficiente deses xéneros en galego. Urco Editora e Contos Extraños eran as que se encargaban diso pero agora están paradas. Entón a raíz diso, como eu colaborei coas dúas, preguntaronme os compañeiros do podcast porque non montaba eu algo e aí foi cando me xuntei con Marcos López e José Manuel Dopazo e decidimos montar Boadicea.

–Por que escollichedes o nome de Boadicea?

–O do nome a verdade foi un drama. En principio era para poñerlle o nome dun animal porque os meus compañeiros do podcast mandabanme un montón de editoriais que tiñan nome de animal. Pero era algo que non nos convencía. Despois tampouco lle quería poñer o nome dunha criatura mitolóxica porque me parecía unha obviedade. Ao final atopei a historia de Boadicea que é unha raíña celta que se enfrontou ao imperio romano. Primeiro pareceume un xogo de palabras como bo dicir e despois tamén me pareceu unha historia moi rechamante a dela e decidimos deixar ese nome.

–Que tipo de obras se poden atopar en Boadicea Editora?

–Temos obras para as distintas franxas de idade. Por un lado temos unha colección infantil, de álbums infantís, que teñen ademais un marcado carácter didáctico. De momento van publicados só dous volumes porque levamos aínda pouco tempo andado. É unha colección que está moi ben xa que é de alta calidade tanto polo nivel das ilustracións como porque é trilingüe, está en galego, portugués e inglés. Logo está a seguinte franxa de idade que é a xuvenil e temos unha colección que se chama ‘A miña primeira novela de...”. Son novelas de distintos xéneros como ciencia ficción, terror, fantasía ou aventuras, que recrean os tópicos e están pensadas para os primeiros cursos da Eso porque moitas veces non hai lecturas axeitadas para estes cursos. Normalmente o autor escribe e buscase encaixar esa lectura nun determinado curso, pero neste caso o proceso é ao revés. Escollese un autor que ten que recrear eses tópicos do xénero e facer o libro pensando nesa franxa de idade, de 12 a 15 anos. E xa por último para adultos facemos tanto obras de creación como traducións. Aquí por exemplo é onde entra ‘Ubik’ de Philp K. Dick, que é un dos autores máis recoñecidos de ciencia ficción e a súa obra traducida está no catálogo da editorial.

–Estas traducións son exclusivas das obras para os adultos?

–Si, ata o momento si. Ao final estas traducións son moi complexas porque estamos traducindo obras que non están libres de dereitos e hai que conseguir eses dereitos, algo que moitas veces é bastante complicado, sobre todo ao ser un proxecto recente porque pidenche referencias e obras e ao principio non é sinxelo. E despois nós somos unha asociación sen ánimo de lucro. Nós non cobramos nada, todo o diñeiro que se gana revirte no propio proxecto. As traducións están externalizadas e é o que máis caro acaba sendo para nós.

–As lendas e a mitoloxía teñen unha gran importancia na tradición oral galega. Por que cre que non pasa o mesmo na literatura onde non é quizais tan frecuente?

–Eu é algo que por exemplo na miña obra si que trato de aproveitar e tiro moito de mitoloxía galega, pero para facer fantasía noutra liña. Eu creo que o que se explorou aquí noutro momento foi moito o realismo máxico e aí si que se tirou un pouco máis de tradición, aínda que na miña opinión escasamente. Nós agora intentanmos fuxir dese realisamo máxico e facemos como unha reformulación das lendas porque queremos facer fantasía noutra liña. Buscamos achegar a literatura galega á tradición máis europea, asiática ou anglosaxona de facer ciencia ficción ou fantasía.

–Cales son as expectativas cara ao futuro da editorial?

–De momento é moi importante resisitir os tres primeiros anos porque son determinantes para decidir si o proxecto pode ter continuidade ou non. O proxecto tense que que soster por si mesmo, non podemos estar invertindo permanentemente nel. Despois a partir de aí podemos facer unhas apostas máis ou menos atrevidas. Nós lóxicamente queremos que vaia ben e estamos facendo todo o posible. Ao final o óptimo sería establecerse como un proxecto sotible, viable e de referencia.

–En canto á súa obra en sí, a finais deste ano vai publicar a súa segunda novela. Que pode adiantar acerca dela?

–Moito non se pode contar aínda. Vai ser unha mestura de fantasía e ciencia ficción. É unha novela de superguerreiras e vai ser unha obra na que se explora o transhumanismo, que basicamente defende o uso da tecnoloxía para resolver os problemas humanos. Entón na novela explorase o que pode ir ben e o que pode ir mal co transhumanismo. Pero hasta ahí podo adiantar, ata que sala non se pode dicir nada máis.

–Con que xénero se sinte máis a gusto escribindo?

–Coa fantasía sen dúbida. E sobre todo coa fantasía épica.

Suscríbete para seguir leyendo