Campás de Codeseda

Repaso polas campás dos diferentes templos que hay na parroquia estradense, moitas delas feitas por artesáns da zona, aínda que en diferentes épocas

Imaxe das campás da igrexa parroquial de Codeseda. |

Imaxe das campás da igrexa parroquial de Codeseda. | / Luis Ferro/Xosé Troiano

Luis Ferro/Xosé Troiano

Neste artigo vamos utilizar nomes pouco comúns dos puntos cardinais. Velaquí que os nomeamos deste xeito. Norte, chamámoslle, Setentrional ou Boreal; Sur, Meridional, Austral ou Mediodía; Este, Oriente, Levante ou Nacente; Oeste, Occidente, Poñente ou Ocaso.

Os templos romanos e igrexas cristiáns antigas érguense cun eixo que vai de Levante a Poñente. A ábsida orientada a Oriente, mentres que a porta principal ou pórtigo mira cara a Occidente. Moitos dos templos católicos rematan con espadanas ou campanarios sobre o pórtico.

Codeseda ten unha igrexa parroquial, que no baixo medievo era mosteiro de monxas da orde de San Bieito. Hoxe deste mosteiro só queda a ábsida. Este templo remata en dúas torres dándolle unha apariencia de grandiosidade. Entre o pórtico e as torres atópase o campanario con catro campás. A que está baixo a torre Meridional, ten a inscrición. Melchor Ocampo me hizo en Arcos de la Condesa, año 1911. As dúas campás que se atopan cubilladas baixo a torre Boreal, dinos; Palacio y Liste en Orazo año 1864. E a outra, María y José estas se hicieron siendo cura párroco D. Agustín Salgado Bouzas. Melchor Ocampo me hizo en Arcos de la Condesa, año 1902. No centro do campanario érguese a torre de fundición, onde pendura unha gran campá do reloxo, dinos a súa inscrición; Esta campana fue donada por don Juan Rodríguez Bergueiro y Señora. Un selo pon; Fabricada por Ocampo en Arcos de la Condesa ano 1932.

No lugar de A Grela, nesta parroquia érguese o gran santuario en honra da Virxe de Guadalupe. Este templo está orientado ó revés das construcións católicas antigas, e dicir o presbiterio está mirando o Poñente, mentres o pórtico está orientado o Levante. Ten unha sola torre, baixo ela está o campanario con tres campás, a máis grande que mira a Oriente, fundida no ano 1849 por Antonio Blanco Paz en Arcos da Condesa. A mediana que esta no Boreal, é do ano 1808 fundida por Juan Manuel de la Vega en Orazo, e a campá pequena que mira a Poñente, fundida polos Ocampo en Arcos da Condesa no ano 1952.

Sobre a campá do ano 1849, apúntanos o Libro de Fábrica do Santuario da Virxe de Guadalupe. Nas contas do ano 1850 infórmanos dos gastos que conleva a instalación da campá, dinos o Vicario; O campaneiro don Antonio Blanco pola campá maior do santuario 1.638 reales, o ferreiro Francisco Morgade pola fundición do badalo e composición dos ferraxes do cepo 50 reales. A persoa que foi buscar e levar unha cabalería para subir a campá 20 reales, polo ferro para a composición do badalo 24 reales e 28 maravedies, o carpinteiro que asentou todas as ferraxes no cepo da campá 6 reales.

Xa que estamos a falar do Santuario da Virxe de Guadalupe, recordamos os leitores, que o próximo sábado día 2 de setembro celébrase a festa na súa honra. Ás 18 horas sae a procesión cos santos desde Codeseda a través do monte acompañados da Banda de Gaitas de Forcarei. Mentres, a Virxe de Guadalupe sairá do Santuario ás 18,30 horas para celebrar sobre as 19 horas o encontro na Cruz da Grela, onde o resto das imaxes lle fan a reverencia. Para seguidamente marchar todas as imaxes en procesión ata o Santuario acompañadas da Banda de Gaitas de Forcarei, onde se celebrará ás 20 horas a misa cantada.

A capela de San Antón de Padua do lugar de Monteagudo ten unha pequena campá fundida polos Ocampo en Arcos da Condesa no ano 1944.

Temos outra campá, a da capela de San Roque do lugar das Quintas (hoxe desaparecida), formando parte da extinguida arquitectura relixiosa. Esta campá esta na casa dunha veciña do lugar. Foi fundida por Juan Liste en Orazo no ano 1890.

Como ollamos, as campás foron elaboradas polos mestres fundidores de Orazo A Estrada, Juan Manuel de la Vega e polos Liste da mesma parroquia pero de distinta época. As que non foron fundidas en Orazo foron fundidas moi preto, concretamente en Arcos da Condesa, Caldas de Reis. Mestres fundidores como Antonio Blanco Paz, Melchor Ocampo Baliñas ou Juan Ocampo Barreiro, este último asinaba co seu nome ou ben coa marca xenérica de Fabricado por Ocampo en Arcos da Condesa.

Suscríbete para seguir leyendo