Carboeiro recibe máis de 4.000 visitantes entre os meses de xuño e xullo

A entrada ao cenobio será de balde este xoves pola festividade de San Lourenzo

REDACCIÓN

O Mosteiro de Carboeiro segue reafirmándose coma o buque insignia do turismo na comarca de Deza, cun progresivo aumento das visitas, en continuo ascenso cada mes. Así, segundo os datos recabados polos guías que atenden o mosteiro, no pasado mes de xullo achegáronse ata este enclave patrimonial un total de 2.173 persoas en comparación coas 1.575 en xullo do ano pasado. En xuño foron 1.992 visitas; en maio, 1.156; e en abril, 1.522. Estas cifras demostran, indica o goberno local, a tendencia alcista de Carboeiro, sendo un dos lugares máis visitados da comarca.

Cabe recordar tamén que a entrada ao mosteiro volverá a ser gratuíta na xornada deste xoves día 10, festividade de San Lourenzo, patrón do cenobio. Así o recolle a ordenanza que regula o acceso ao mosteiro, xunto coas xornadas do 18 de maio (Día Internacional dos Museos) e o 25 de xullo (Día de Galicia). O horario de verán (meses de xullo e agosto) é de luns a domingo de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.