Fernando Castro Paredes, de Tapia de Casariego, gaña o Premio García Barros

O xurado escolle por maioría a súa novela, “Entomoloxía para misioneiros”, de entre as 22 obras presentadas na presente edición

Juan Constenla e algúns dos integrantes do xurado, na reunión de onte.

Juan Constenla e algúns dos integrantes do xurado, na reunión de onte. / aNA cELA

Ana Cela

Ana Cela

A Estrada ten xa un nome e un título para asinar unha nova páxina na historia do Premio de Novela Manuel García Barros. A obra Entomoloxía para misioneiros, do tapiego Fernando Castro Paredes foi escollida na xornada de onte polo xurado encargado de fallar este prestixioso galardón, un dos de máis tradición e peso nas letras galegas contemporáneas co que se honra a memoria do célebre Ken Keirades.

O xurado estivo integrado por Iria Collazo López, Patricia Arias Chachero –presente a través de videconferencia–, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez. Todos eles reuníronse onte na sala de xuntas do Concello da Estrada para deliberar sobre cal sería a peza vencedora na trixésimo quinta edición do certame.

Unha vez valoradas as 22 obras presentadas, a decisión do tribunal foi concederlle o premio por maioría á novela de Castro Paredes, da cal destacaron “a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de Occidente e Oriente”.

Tamén se puxo en valor a súa arquitectura “moi elaborada que inclúe epístolas, informes e outras modulacións do discurso”. “Entomoloxía para misioneiros ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a problemática da identidade ou a realidade da (in)comunicación entre outros asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz”, destacou o xurado.

O edil de Cultura, Juan Constenla, aproveitou a ocasión para remarcar “a calidade de todas as propostas presentadas na presente edición” e puxo en valor a realización dun certame que supón –dixo– “un fantástico escaparate para moitos escritores e escritoras ao mesmo tempo que mantén vixente a figura dun dos grandes literatos estradenses como é Manuel García Barros”.

Fernando Castro Paredes naceu en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. Exerce coma profesor de ensino secundario. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro, do IES Fernando Blanco de Cee, e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. Cultiva todos os xéneros literarios, especialmente o teatro. Como dramaturgo, formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e recibiu recoñecementos como o Premio Rafael Dieste, o Premio Álvaro Cunqueiro e o Premio Roberto Vidal Bolaño, entre outros.