JOSÉ LUIS CAMIÑAS VÁZQUEZ | Alcalde de Rodeiro

“Non cheguei á Alcaldía para arrasar con todo o pasado”

“As administracións teñen unha débeda histórica con Rodeiro, pois carece de centro de día, de polígono industrial e de depuradora”

José Luis Camiñas, no seu despacho da Alcaldía de Rodeiro.

José Luis Camiñas, no seu despacho da Alcaldía de Rodeiro. / BERNABE/JAVIER LALIN

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Dos seis concellos de Deza, Rodeiro foi o único que mudou de rexedor tralo pleno de investidura do pasado sábado. O socialista José Luis Camiñas, que xa ten a experiencia política de formar parte do primeiro goberno de coalición do municipio, entre 2007 e 2011, comezaba onte, na práctica, o seu traballo como alcalde.

–¿Como foi esta primeira xornada? Vostede xa foi edil, e parte dos seus concelleiros tamén, así que xa eran coñecidos dos traballadores.

–O primeiro que fixen foi falar cos operarios de fóra e coas brigadas, e dar ordes de pegarse á piscina, porque está nunha situación complicada para dar aberto o día 1 de xullo. Hai que vaciala, limpala e pintala. Tamén temos aí as festas do San Xoán, así que preguntei polos desbroces das aldeas e das estradas, porque o que queremos é deixar as parroquias do San Xoán limpas. Do anterior goberno algunha aldea xa estaba desbrozada.

–Vai ser difícil que a piscina esté aberta en xullo. ¿Contemplan ampliala neste mandato?

–Nós no programa electoral levábamos a sua reubicación. A piscina tén máis de 40 anos e o seu mantemento é alto, porque lle entra auga pola parte de atrás e salta a pintura. Imos buscar axudas para esa reubicación. Agora está por riba do parque, onda o centro médico, e creo que hai zonas ao pé do río, río arriba, idóneas. E na súa ubicación actual poderíamos facer unha cúpula para eventos en Reis e en Entroido, a Festa da Terceira Idade ou para xogos infantís. Aforraríamos así ter que alugar carpas.

–Agora que vostede menciona o río, ¿en qué fase está a instalación da depuradora?

–Hai máis de dous anos que a Xunta encargou un proxecto. Nós imos pedir unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para desatascar este proxecto tan necesario para o casco urbano. Sei que o proxecto estaba encargado e adxudicado a unha empresa, pero non se soubo máis nada.

–¿Houbo algún tipo de contacto co anterior goberno para ver en qué estado queda o concello? Pregúntollo porque o venres se nos remitiu aos medios unha información sobre 275.000 euros pendentes de trámites administrativos, para invertir en iluminación, fontes, lavadoiros e a cuberta do pavillón.

–Pois de momento non houbo ningunha chamada e o certo é que sí a botei en falta neste primeiro día. Supoño que a haberá nas próximas xornadas, ou chamarei eu para algunha cuestión. Algunha empresa xa se dirixiu a min para preguntarme si seguía ou non traballando nesa obra. Claro que hai traballos que deben facerse, eu non chego para arrasar con todo o pasado, xa o dixen no pleno de investidura, pero de momento non temos datos sobre facturas. Sobre eses 275.000 euros, proxectos que teñan axudas van ser revisados ou modificados, poño por exemplo a da Rúa B, que vai dentro do programa Depo 2030 e coa que non queremos que pase o caos circulatorio que houbo na Avenida Gumersindo Areán.Tamén quero mencionar nestas revisións o edificio polivalente, que ten unha xustificación pendente e no que non se consumou aquel ‘venres negro’ no que o anterior goberno tentou unha adxudicación antes das eleccións. Hai que modificar ese proxecto, miralo a fondo, porque a idea orixinal contempla unha aula de informática, un salón de actos, unha ludoteca e as oficinas de servizos sociais, como precisamente nolo desvelou FARO, e non podemos gastar millón e medio de euros nesas cousas. Aí, nese edificio, tén que ir un centro de día, que é unha prioridade porque temos máis de 1.000 persoas con más de 65 anos, e fai falta un programa de conciliación para a atención a persoas maiores, evitando así que teñan que ser ingresados nunha residencia.

Camiñas, nun instante da entrevista.

Camiñas, nun instante da entrevista. / BERNABE/JAVIER LALIN

–¿Pode haber a medio prazo unha residencia? Xa hai un servizo, de carácter privado.

–Non descartamos nada, hai que mirar qué tipo de axudas e convenios pode haber, porque as administracións teñen unha débeda histórica con este concello, e agardo que se cancele esa débeda neste mandato ou no seguinte: aquí non temos unha residencia, pero tampouco un polígono industrial, unha depuradora ou un centro de día, que son cousas básicas e que terían que estar funcionando non xa no 2023, senón no 2000.

–¿Son cousas que poderían terse tramitado no tripartido ao que pertenceu vostede? Pode ser un argumento do PP, agora na oposición.

–O goberno de coalición durou catro anos, e o PP gobernou toda a vida. En 30 anos a poboación baixou a metade, o PXOM quedou aprobado no 2009 e quedou nun caixón, coa única modificación da igrexa, que non se construiu. Hai dous plans parciais, un para vivendas unifamiliares e outro para bloques de vivendas, e quedaron no caixón. Se isto se desenvolvese, habería terreos par apoñer a disposición da administración autonómica con vistas a facer vivenda pública. E tamén se puido botar man das vivendas dos mestres e desafectalas porque, sinceramente, son un asco.

–O PSOE xa mantivo conversas con Zona Franca para o desenvolvemento dun polígono.

–Si, é nunha finca privada, na que queda por facer un convenio entre o particular e Zona Franca, se esta non cambia de cor política. Se houbera dito cambio, entón habería que petar noutra porta, como a Xunta, en Xestur ou na propia Deputación, que xa ten xestionado algún polígono industrial, como o de Barro. Aquí o problema non é que marchen empresas, senón que moitas firmas doutras ubicacións perden de asentarse aquí por non ten chan. É como se o día da festa non contas con ningún festeiro, pero chega un e non tés a cadeira para sentalo.

–¿Axudaría ter un viveiro de empresas, como ocorreu en Dozón?

–Para algo está o público. Está claro que hai que cohesionar o territorio.

“Se entra Unidade, será un goberno cohesionado, non dous”

–Por Rodeiro pasa o Camiño de Inverno, que vai collendo pulo. ¿É interesante ter un albergue público neste municipio?

–Eu vexo peregrinos todos os días. Hai un albergue privado e convén falar cos xestores, para saber se dan cuberto ou non a demanda.

–Na campaña outro tema de calado foi o SAF ¿Qué vai facer o novo goberno?

–Hai xente en lista de agarda polo servizo, e polo visto a financiación non chega. As competencias son da Xunta. Algún alcalde xa me transmitiu que hai que presionala a través da Fegamp. No caso de Rodeiro precísase máis persoal e, probablemente, organizalo.

–O venres pola noite houbo un novo encontro con Unidade. ¿Hai moitas posibilidades dun bipartito?

–O programa de Unidade por Rodeiro e o noso é moi similar en cuestións de carácter social, como o centro de día do que falábamos antes. Si que é verdade que hai achegamentos de posturas, e temos que entendernos porque, insisto, a esquerda tén o 57% dos votos, e sei que nos imos entender moi ben nestes catro anos. Obviamente, de momento non temos ningún reparto de áreas entre os edís, pero nestes primeiros días estáme axudando Manuel García Deza para comezar a organizar en cuestións como renovar o pin do carné dixital e activar todo tipo de firmas.

José Luis Camiñas, noutro momento da entrevista.

Camiñas xa foi concelleiro durante o tripartito. / BERNABE/JAVIER LALIN

–E agora, a pregunta obrigada despois dos plenos de investidura. ¿Vai seguir Rodeiro na mancomunidade Terras de Deza? É unha entidade criticada a miúdo pola escasez de servizos.

–É certo que lle hai que dar unha volta á Mancomunidade, hai que ampliala con máis maquinaria, non pode funcionar con maquinaria vella que está con frecuencia nos talleres.. E tamén sería fundamental ofrecerlles un equipo debacheo ós concellos que non dispoñemos del. Hai que valorar o que pagas co que recibes. Insisto en que temos que revisar cuestións,para manter o que está ben, como o Rodeiro de Tapas, que necesita unha potenciación.

–Cando eu comecei a traballar en Deza, hai 17 anos, había en Rodeiro outras citas lúdicas como o canicross ou a Festa da Caza. ¿Poderían recuperarse?

–Hai que negocialo cos socios de Unidade, se entran, porque entón será un goberno cohesionado, non vai haber dous gobernos. Dubido do éxito da Festa da Caza, que acabou esmorecendo. Pero si é verdade que precisamos unha festa gastronómica.

Suscríbete para seguir leyendo