A Empanada pon aos cativos a cociñar

A festa incluirá este ano un concurso no que os pequenos poderán demostrar a súa habilidade na elaboración deste prato

Nenos do CEIP Ramón de Valenzuela anunciaron onte a festa na Semana Verde.

Nenos do CEIP Ramón de Valenzuela anunciaron onte a festa na Semana Verde. / alfonso loño

A Asociación Cultural Amigos da Empanada aproveitou o arranque da Semana Verde de Galicia para reunir á rapazada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira co obxectivo de aprender a elaborar empanadas. O obradoiro, organizado polo GDR Terras de Pontevedra Norte, contou coa presenza do alumnado de terceiro e cuarto de primaria e con representantes da asociación, que aproveitaron a ocasión para anunciar que a nova edición da Festa da Empanada contará cunha categoría de crianzas que sumaría ás de afeccionados e profesionais. Os cativos tiveron ocasión de amasar, cociñar o recheo e comer as súas propias empanadas. Ademais, recibiron un agasallo moi especial, unhas galletas coa figura do Empanadín, a mascota oficial da festa, realizadas pola Pastelería Arco da Vella de A Bandeira.

Dende 1975, A Bandeira elixe a mellor empanada do país entre as decenas de creacións que se presentan en cada edición. Tras o veredicto dun xurado composto por un variado equipo de profesionais do mundo da gastronomía, as empanadas gañadoras pasan a subastarse entre o público asistente, chegando a alcanzarse os 2.400 euros por unha peza. A directiva sinala que esta acción “busca promover o produto gastronómico entre a rapazada para que nunca perda unha tradición tan arrigada na vila da Bandeira como é a Festa da Empanada”.

Esta novidade súmase á modificación dos horarios xa que este ano o concurso, poxa e pregón terán lugar ao mediodía, xusto antes dunha gran comida de peñas na carballeira que dará paso a unha variada animación musical durante toda a tarde e que finalizará coa tradicional cea de peñas e verbena.

“As mesas costarán o mesmo, pero a xente que o desexe poderá comer e cear no seu espazo reservado, ampliando así as horas de festa”, informan desde Amigos da Empanada.