Entre centrais e cruceiros

Ponte acolle a reedición da andaina á fábrica da luz de Pereiro e o colexio Villar Paramá realiza unha ruta pola contorna de Vea

Arriba, participantes na camiñata de onte en Ponte. Abaixo, alumnado de Oca.

Arriba, participantes na camiñata de onte en Ponte. Abaixo, alumnado de Oca. / Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Camiñar é o mellor xeito de coñecer o entorno que nos rodea ao tempo que se practica un dos deportes máis sanos. Por iso, cada vez son máis os colectivos, entidades ou persoas a título individual que promoven este tipo de actividades. Onte, por exemplo, houbo unha camiñata na parroquia silledense de Ponte e outra na estradense de Couso. Amais, o colexio de Vea organizou recentemente unha ruta polos cruceiros da súa contorna.

Entre centrais e cruceiros

Entre centrais e cruceiros / Xan Salgueiro

Algo máis de trinta persoas participaron na reedición da Andaina da Central de Pereiro, unha ruta circular de cinco quilómetros entre o campo da festa de Ponte e a antiga fábrica da luz. Guiados por Diego Frade e Damián Santomé, os camiñantes pasaron polas Canteiras de Rosende, o campo de tiro do Picoto e, por suposto, a central e o estanque no río da Torre, en Rosende. Mesmo unha das participantes, veciña da parroquia, rememorou a súa crianza na propia instalación hidroeléctrica, pois o seu pai era o encargado do mantemento.

No caso do CEIP Villar Paramá, realizaron recentemente unha ruta de cruceiros pola contorna do centro. Partiron dun libro editado pola Asociación Cultural Vagalumes e elaborado por antigo alumnado do propio centro, baixo a dirección do seu profesor daquela, Olimpio Arca. Agora, a comunidade educativa creou o seu propio libriño de actividades, centrándose só nos cruceiros máis próximos ao colexio: o de Cora, o da Gándara e o de Santa Cristina. Á súa vez, “quixemos resaltar tamén o noso pratrimonio máis enxebre, tanto material como inmaterial, polo que nos propuxemos fotografar todo o que iamos atopando polo camiño e consideramos que nos é propio, vernáculo e que nos representa como pobo”, apunta a xefa de estudos, Susana López Fernández.