As contas de cada casa e as da feira

PP e de Compromiso aproveitan o mercado lalinense para falar cos veciños | López di que con Crespo “volveu o gran Lalín” | Cuíña propón un bono-taxi para maiores e máis conexións de bus

Crespo, con edís e candidatos, coincideu con Cuíña, acompañado dos seus.

Crespo, con edís e candidatos, coincideu con Cuíña, acompañado dos seus. / BERNABE/JAVIER LALIN

As feiras de Lalín son unha oportunidade que teñen os políticos para sair dos despachos a falar cos veciños e escoitar as súas demandas. Esta estratexia é tan vella como os propios mercados, pero os representantes públicos tamén se expoñen a volver á casa cunha ducia de recados dos que logo van ter que dar conta. Se nesta primeira do mes xa puidemos ver bastantes políticos desfilando pola rúa Rosalía de Castro e o Campo da Feira Vello, na do 18 o espazo vai quedar pequeno pola proximidade ao día das eleccións. Onte, membros de PP e Compromiso coincidiron no paseo pola feira.

O alcalde e candidato do PP, José Crespo, estivo acompañado por varios concelleiros e polo xefe provincial do partido, Luis López. O rodeirense destacou que Crespo gañou todas as convocatorias electorais ás que se presentou desde 1991 e por iso é un valor fundamental para todo o partido en Galicia. Dixo que nestes catro anos “volveu o gran Lalín, un concello con rumbo, con investimentos e con unidade de traballo”. Incidiu na “capacidade” de José Crespo para atraer grandes investimentos de todo tipo de administracións e felicitouno pola candidatura que elaborou para o 28-M. Ademais falou de que os lalinenses deben confiar na estabilidade e na xestión fronte a unha alternativa que xa fracasou no anterior mandato. Para López Compromiso xa ten “pasado político” e carece de proxecto, do BNG dixo que son “os do non” ao PSOE reprendeuno por non ser capaz, no cuadripartito, de traer invertimentos para Lalín de administracións nas que gobernaban.

López defendeu con rotundidade o proxecto de Crespo.

López defendeu con rotundidade o proxecto de Crespo. / BERNABE/JAVIER LALIN

Crespo, xa o decano dos alcaldes da provincia, dixo –en clara alusión a Compromiso e ao seu candidato, Rafael Cuíña, que “a feira non se fai nun día” senón que é preciso estar pendente das necesidades dos veciños en todas as aldeas e os barrios do concello. “O resto é folclore que tanto gusta a algúns”. Logo de agradecer o apoio de Luis López, manifestou a súa satisfación polo resultado deste mandato, catro anos nos que se acadaron grandes investimentos e infraestruturas, e “dinamizouse o pobo con eventos case cada semana”. “Volvemos poñer a Lalín de moda”, destacou. Restou importancia ao nivel de débeda municipal e, para rematar, asegurou que co feito nestes catro anos vai quedar consolidado o seu proxecto para o seguinte mandato, cunha oposición, pola contra, “que se dedicou a criticar o noso programa e o que propuxeron eles cóntase cos dedos dunha man”.

Cuíña aproveitou esta xornada para anunciar medidas para facilitar a mobilidade da xente que vive no rural. “Un dos grandes problemas aos que se enfronta a xente das nosas parroquias cada día é a carencia de alternativas para desprazarse ao casco urbano sen ter que depender dos seus propios medios”. Así, promete un bono-taxi para que a xente maior do rural poida realizar viaxes neste medio de transporte bonificadas polo Concello. “Cunha bonificación da viaxe na metade, por exemplo, o desprazamento sería máis asequible e a mobilidade co casco urbano moito máis accesible e doada”, defende. Tamén incide na necesidade de dotar ao rural lalinense dun servizo de transporte público regular e con garantías que permitan conectar as nosas parroquias con lugares como o CIS ou o polígono industrial.

Debates a catro

Por outro lado, as forzas políticas lalinenses celebrarán dous debates electorais. O acordo establece que o día 16 (11.00 horas no Salón Teatro) haberá un debate entre os números 2 de PP, Compromiso, PSOE e BNG, que será retransmitido por Internet e poderá acudir público. O día 23 haberá outro nas mesmas condicións, horarios e lugar, no que intervirán os cabezas de lista.

Suscríbete para seguir leyendo