As últimas agresións ao patrimonio arqueolóxico dezano

Roturacións, creación de praderías, talas, plantacións, incendios ou accións desafortunadas da administración son as causas principais

Mámoa Monte Costado que foi rebaixada e reducida polos dous lados Oeste e Leste.

Mámoa Monte Costado que foi rebaixada e reducida polos dous lados Oeste e Leste.

Antonio Presas

Antonio Presas

A fraxilidade da conservación do patrimonio arqueolóxico choca con múltiples factores e situacións. Nestes últimos seis anos as causas principais de agresións a estes elementos na comarca de Deza foron: roturacións no monte, plantacións de eucaliptos, tala de árbores, transformación de montes en praderías, paso de maquinaria pesada por encima dos túmulos, incendios forestais, intervencións desafortunadas da administración, etc. A continuación, detallamos algúns dos casos máis significativos.

Monte Costado

Transformación de monte en praderías no Monte Costado (Goiás) causando danos a tres mámoas, por acercamento excesivo aos túmulos. As máquinas chegaron a realizar algúns rebaixes, afectando ao perímetro das mámoas, en plena área de protección integral.

Túmulo do Monte Cabeza roturado ata sobrepasar o seu perímetro.

Túmulo do Monte Cabeza roturado ata sobrepasar o seu perímetro.

Monte Cabeza

Aradura de parcelas no monte Cabeza, na Serra do Faro, onde non tiveron en conta os paneis indicativos da existencia de tres mámoas catalogadas e recollidas no PXOM de Rodeiro. A aradura do monte significou meterse dentro do perímetro das mámoas e levantar algunhas pedras das súas respectivas coirazas. O Concello de Rodeiro, coma sempre, nin quixo enterarse, nin facer nada (“política de mans lavadas”).

Plantación de árbores dentro dalgún túmulo nas Brañas de Abonxo (Serra do Carrio).

Plantación de árbores dentro dalgún túmulo nas Brañas de Abonxo (Serra do Carrio).

Brañas de Abonxo

Prantación de árbores nas Brañas de Abonxo, afectando direitamente a algún dos nove túmulos que se atopan concentrados neste lugar, formando unha das necrópoles máis importantes do concello de Lalín. De feito foi unha reprantación, porque se tratou de repoñer ás árbores que secaran.

Plantación de eucaliptos no henge ou ronda de Outeiro Grande (Abonxo).

Plantación de eucaliptos no henge ou ronda de Outeiro Grande (Abonxo).

Outeiro Grande

Prantación de eucaliptos no henge ou roda de Outeiro Grande, na metade nordeste. A Comunidade de Montes de Abonxo foi a responsable desta desafortunada actuación, que, non só se efectuou con árbores nocivas para o medio ambiente e en período de prohibición imposto pola Xunta de Galicia, senón, tamén, dentro dunha estructura prehistórica de gran valor, aínda que polo de agora, non suficientemente estudiada. O xacemento lalinense de Outeiro Grande é, hoxendía, un dos restos prehistóricos de máis relevancia para chegar a un coñecemento aproximativo do que foron estas estructuras enigmáticas no noso pasado.

Camiño aberto no castro de Piñeiro transversal á muralla.

Camiño aberto no castro de Piñeiro transversal á muralla.

Castro de Piñeiro

Logo de realizada a tala de varios piñeiros de tamaño considerable que había dentro da croa do castro de Piñeiro (Silleda), rodeada por un muro perimetral de pedra, para sacar a madeira fóra do recinto, non se fixo outra cousa máis que arrasar uns catro metros de muralla para baixar coas árbores taladas. Esta actuación contribuiu a erosionar o terreo (terraplén castrexo), no que apareceron unhas profundas rodeiras ao longo da ilegal apertura realizada, porque esta actuación estivo á marxe de calquera permiso de saca autorizado, desa forma anormal, por Patrimonio.

Lugar onde se localizaba a mámoa de Maceira, Coto da Manuela.

Lugar onde se localizaba a mámoa de Maceira, Coto da Manuela.

Mámoa de Maceira

En Maceira xa se tiña arrasado impunemente un castro na década de 1980 e agora voltouse a facer o mesmo coa importante mámoa de Coto da Mamuela. Este xacemento atopábase en pleno monte, no que había piñeiros de varias décadas e, logo de ampliar ou construir novas explotacións gandeiras, procedeuse á súa roturación e á eliminación da referida mámoa, feito do que Patrimomio non ten constancia, nin o Concello de Lalín, que se entera moi pouco do que sucede co noso patrimonio.

Mámoa da Cima de Arcela.

Mámoa da Cima de Arcela.

Cima da Arcela

Actuación recente que pon en entredito a valoración hipócrita que moitos lle dan ao patrimonio, que consideran como un estorbo para realizar prantacións de moi dubidosa efectividade e viabilidade. Coma sempre, o caso é que chovan subvencións, porque as culpas xa se lle botarán a outros.

Petroglifos de Cadrón.

Petroglifos de Cadrón.

Petróglifos de Cadrón

Suponse que, de forma inconsciente, os traballadores que realizaron prantacións de eucaliptos no monte de O Castelo acenderon, durante un día frío de inverno, unha fogueira sobre un dos petróglifos máis evidentes dos que hai no concello de Lalín. A estas alturas esperabamos algo máis de sensibilidade por parte de moitos traballadores –con estudios, desde EXB ou FP ata Bacharelato–, pero a realidade do que sucede día a día fainos pensar que a cultura é un valor completamente secundario, por non dicir un estorbo, para moitas persoas.

Castro de Barcia.

Castro de Barcia.

Castro de Barcia

Neste caso toda a responsabilidade recae sobre o concello de Lalín. Resulta case incomprensible que cometera este erro unha administración que ten predicado case sempre co exemplo na defensa do patrimonio arqueolóxico: Castriño de Bendoiro, publicación de libros sobre os castros de Lalín e a Comarca de Deza, participación total no Proxecto DepoDeza (Museo Virtual Arqueóloxico de Lalín, Centro de Xestión do Coñecemento Arqueóloxico do Pazo de Liñares), paralización de obras intrusivas de Gamesa en Outeiro Grande, intervención policial en tala árbores no castro de Gresande, etc.

O que fixo o Concello de Lalín, recentemente, no xacemento de Barcia foi desfacer a fronte do terraplén do antecastro, expoñendo a estructura castrexa a, posiblemente, derrubamentos e erosión. Unha actuación que non encaixa coa súa traxectoria histórica no eido cultural.

Estranos bancos colocados no castro de Toiriz seguindo estéticas case esotéricas.

Estranos bancos colocados no castro de Toiriz seguindo estéticas case esotéricas.

Castro de Toiriz

Por paradóxico que pareza, a discutible actuación de valorización do castro de Toiriz, en Silleda, desfacendo o que previamente fora construido por unha asociación de amigos, que actuara con acertados criterios arqueolóxicos, foi unha intervención penosa, executada con criterios alleos á nosa propia realidade. Non se pode tranformar un castro no paraíso utópico das delicias, porque non ten nada que ver con iso.

Estas foron algunhas das actuacións realizadas, ultimamente, no noso patrimonio arqueolóxico que, lonxe de contribuir á súa mellora, foron, en todos os casos, negativas e perturbadoras. Podemos entender que os particulares interveñan no patrimonio de forma agresiva e incluso malintencionada, pero iso non se entende cando se trata de intervencións da propia administración, sexa local, provincial ou autonómica.