165 frisoas de seis autonomías competirán en Cimag-GandAgro

Hai 25 vacas da provincia, todas de Rodeiro e Lalín | Chegarán tamén de Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela-León e Cataluña

Concurso morfolóxico de raza frisona en Cimag-GandAgro 2019. |  // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Concurso morfolóxico de raza frisona en Cimag-GandAgro 2019. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Un total de 165 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de seis comunidades autónomas están inscritos nos concursos morfolóxicos desta raza na IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería (Abanca Cimag-GandAgro 2023). Celebrarase do 2 ao 4 de marzo na Feira Internacional de Galicia Abanca. Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, estes concursos terán lugar o último día do certame, o sábado 4.

O XXXI Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga’23, patrocinado por Xenética Fontao, contará coas vacas máis destacadas de Galicia. Competirán 109 reses, das cales 43 proceden da provincia de Lugo, 41 da Coruña e 25 de Pontevedra. En canto a esta última provincia, 16 proceden de explotacións de Rodeiro e nove de Lalín.

Pola súa banda, o XXXVI Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro’23 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Conta coa inscrición, ademais dos 109 exemplares galegos do concurso autonómico, doutros vinte procedentes de Cantabria,catorce de Asturias, oito do País Vasco, trece de Cataluña e un de Castela-León. Deste xeito, suman 165 animais rexistrados.

As vacas participantes competirán polos títulos de campioa de Galicia e campioa internacional –en función do concurso– nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta, e polo de gran campioa tamén nos ámbitos galego e global nas de xovenca e vaca. De igual modo, recoñecerase ao mellor criador autonómico e ao mellor criador internacional, tanto absoluto como de xovencas, ademais dun recoñecemento á mellor gandería de nova participación.

En canto aos galardóns, os de xovenca e vaca gran campioa de Galicia, así como o de mellor criador absoluto e de xovencas da comunidade, serán patrocinados por Xenética Fontao. Pola súa banda, o premio á vaca gran campioa internacional será cortesía de Abanca, mentres que o de xovenca gran campioa internacional serao de Ucoga. O título de mellor criador absoluto do certame contará co patrocinio de Ferplan.

Manexadores e preparadores

Ademais destas prestixiosas competicións, en Abanca Cimag-GandAgro 2023 celebrarase, tamén centrado na raza frisoa e da man da súa federación, o XXXVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores Memorial Luís Louzao. Na véspera das competicións morfolóxicas, o venres 3 de marzo, os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Mapfre patrocinará esta competición.

Por outra banda, ese mesmo día, engadirase o XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro’23, patrocinado por Ferplan, no que os participantes medirán a súa destreza preparando aos animais para logo presentalos na pista.