Merza, no almanaque de O Sorriso de Daniel

O colectivo románico edita un calendario con templos afectados por proxectos eólicos

Ábside da igrexa de Santa María de Merza.   | // SOLE FELLOZA

Ábside da igrexa de Santa María de Merza. | // SOLE FELLOZA / S.soutelo

S.soutelo

Neste ano a piques de rematar as igrexas dezás de San Pedro de Vilanova (Dozón); Santo André de Órrea (Agolada) e San Pedro de Ansemil (Silleda) foron 3 dos 14 templos que conformaron o Calendario románico das desterradas 2022, que edita o colectivo O Sorriso de Daniel. A entidade promove o coñececemento e a protección da arquitectura románica, e acaba de publicar que xan ten listo o almanaque de 2023. E éste conta tamén con presencia da comarca: o templo de Santa María de Merza, de Vila de Cruces. Se en 2022 a participación dezá era obrigada porque foron tres mosteiros que quedaron case sen uso ao pasar a depender de San Paio de Antealtares, en 2023 a igrexa de Merza forma parte dun almanaque con outras 13 galegas que terán que sufrir o impacto de proxectos eólicos.

Baixo o título de Románico aos catro ventos, O Sorriso de Daniel deixa claro que está a favor das enerxías renovables, pero non daqueles parques que converterán a contorna destas igrexas en centrais enerxéticas. “O patrimonio precisa contornas de protección coidadas e non todo o territorio pode estar a dispór das empresas enerxéticas”, asevera.

Soledad Felloza, que unha vez máis retratou os templos deste almanaque, recolle unha imaxe exterior do ábside do de Merza, no que se poden contemplar os canecillos, que son os elementos decorados que sobresaen do muro e á vez sosteñen a cornisa. O almanaque cita os lugares de Merza e que, de non mudar a tramitación de parques eolicos, verán mudada a súa paisaxe. Son as aldeas de Breixa; Carrás; Espil; A Moa; O Outeiro; Reboredo; Silvares; Reboredo; Sulago e Balboa.

O calendario pode mercarse en varias librerías de Vigo, Santiago ou Bertamiráns. Tamén pode solicitarse por correo electrónico ao enderezo almanaque.romanico.sorriso@gmail.com, cos datos que indica o colectivo no seu perfil de Facebook.