Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

CHARO GOLMAR SAAVEDRA | Autora de ‘No bico do vento’

“Este libro quere tender pontes entre varias xeracións, porque trata temas universais”

“Non teño por oficio escribir, a poesía é como unha conversa comigo mesma,pois flúe soa”

Charo Golmar presentou o seu segundo poemario no consistorio de Lalín, acompañada de docentes e estudantes. | // BERNABÉ

O consistorio de Lalín acolleu onte a presentación de No bico do vento, o segundo libro de poemas que publica a profesora Charo Golmar. No acto estivo arroupada por outros escritores como Armando Requeixo, Xosé Luna, Xosé Manuel Lobato ou Rosalía Morlán. Tampouco faltaron estudantes do CEIP Xesús Golmar, o centro que leva o nome do seu pai e onde ela impartiu clases durante 17 anos. Os nenos recitaron algúns dos seus poemas, nun acto no que tamén houbo palabra musicada da man de Manoele de Felisa e Begoña Lorenzo.

–¿A que se debe o título deste poemario?

–Por unha banda, este libro quere ser unha homenaxe a grandes poetas como Curros Enríquez ou Rosalía de Castro , pois o primeiro adicoulle á segunda aqueles versos de Na frente unha estrela, no bico un cantar,pero tamén a Cunqueiro, (que falaba do vento en Poemas do si e do non). Temos que pensar que o vento é portador de vida, dende que nacemos ata que damos o noso último suspiro. Por iso, este libro tamén quere ser portador de vida, de sentires, e de aí que trate temas universais como a vida, o amor ás persoas e á natureza ou os xogos. Penso que é un libro para ler en familia, porque quere tender pontes entre varias xeracións para, por exemplo, recuperar palabras en desuso que xa non se empregan.

–Sobra dicir que seguramente a inspiración lle veu da súa infancia, e quizais tamén da infancia dos nenos aos que lles ten dado clase. No fondo, todos temos lembranzas similares dos nosos primeiros anos.

–Así é, inspireime na miña infancia e nas lembranzas persoais que tiña. O volume está adicado á miña nai, que faleceu en agosto con case 100 anos. Recordabamos as súas vivencias e as miñas e buscabamos temas en común, como o o paso do tempo, os xogos ou a fugacidade da vida. E o colexio honroume meses atrás coa plantación dunha camelia, así que No bico do vento tamén fala da amizade, do respecto ou do medio natural, ese que o meu pai animaba a coidar, pois consideraba que as árbores eran sagradas.

Un grupo de estudantes do CEIP Xesús Golmar recitou algúns dos poemas de 'No bico do vento'. Bernabe

–Nesta presentación en Lalín, o acto estivo conducido polas directora e exdirectora do centro, Chus López e Susana Godoy. Acudiron, como diciamos, numerosos docentes e tamén Valentín García como representante da Xunta pero que tamén ten experiencia como profesor. ¿Coidan que os nenos, na actualidade, prefiren ler en dispositivos electrónicos antes que en formato papel?

–Eu teño a experiencia de que os nenos e nenas aman os libros. Penso que os libros en papel non quedan desbancados polas novas tecnoloxías. Os libros son moi atractivos, porque podes tocalos, acariñalos e, no caso deste No bico do vento, temos un volume de gran formato que chama a atención polas ilustracións de Olaya Naveira. Coas súas imaxes quixo poñer luz e cor na miña palabra. Lembro que cando presentamos este libro en Santiago, viñeron moitos nenos cun exemplar para que llo adicase.

–¿Como foi o proceso para deseñar as ilustracións do libro?

–Eu quería coñecer a Olaya e pedín falar con ela. Lembro que foi unha conversa moi especial, ela lera o poemario e díxome que lle gostara moito. Despois fomos aportándonos datos das nosas experiencias vitais. Olaya puxo neste libro cousas moi valiosas da miña vida, o certo e que o fixo con moito corazón e tenrura.

"Os recitais prestan moito, porque a poesía ten que saír á rúa"

decoration

–¿Sérvelle este libro como terapia para sobrelevar o loito polo pasamento da súa nai?

–Estame axudando agora. O libro estaba rematado en xullo e mamá faleceu en agosto, pero o volume despoius someteuse a varias correcións. Levaba como dous anos traballando nel.

–En 2020 publicou a súa ópera prima, Nobelo de luz, tamén de poesía infantil. ¿Podemos pensar xa nun novo volume de poesía ou doutro xénero?

–Non teño por oficio escribir para publicar. A poesía é como unha conversa comigo mesma, fúe soa. Vai fluindo, non a provoco. Este ano si publicarei, pero no Descubrindo Deza.

–Nos últimos anos é moi frecuente que os e as poetas dean recitais das súas propias creacións. Aí temos a María Lado acompañada de Lucía Aldao, a Elvira Sastre ou a Nuria Vilán. ¿Imos ter recitais de Charo Golmar? Porque para os lectores énos moi reconfortante escoitar a palabra escrita da voz de quen a creou.

–Pois si que contemplamos recitais. De feito, este sábado en Muxía acompañounos Manoele de Felisa, que musicou algúns dos poemas dos dous libros, así como de Rosalía Morlán ou de Xosé Luna. A verdade é que os recitais prestan moito, porque a poesía ten que saír á rúa. Abonda con pensar que as cancións son poesía, e que cando se acompañan a palabra e a música, sobe a maxia,

Compartir el artículo

stats