O alumnado de primeiro e segundo da ESO do instituto de Vila de Cruces participou onte nunha prantación de árbores autóctonas promovida pola Asociación Peneirando o Monte. A actividade desenvolveuse durante algo máis de tres horas nunha finca que o colectivo impulsado por Irene Portas, Anxela Louzao, Alejandro González e Xoán Devesa ten en custodia no lugar do Camballón. É a segunda que realizan co centro dentro do proxecto O bosque do Camballón.

Alumnado levou plantas en macetas. | // JOSÉ RAMÓN MOIRE

A de onte foi a primeira prantación con 35 árbores de sete especies diferentes. “A idea é que este sexa un espazo que os nenos e nenas do instituto axuden a construir e que sirva como canle de concienciación sobre a importancia de conservar e valorar a flora autóctona”, explica Xoán Devesa. Outro dos obxectivos que persegue a asociación é que se converta nun espazo educativo utilizado polo profesorado do Marco do Camballón para realizar actividades ao aire libre, ademais dun espazo recreativo para o disfrute do alumnado e as súas familias.

Colaboracións

O Concello de Vila de Cruces axudou nos labores de acondicionamiento do chan para a prantación, coa limpeza de matoxos e a apertura dos buratos para dar cabida ás arbores. Estas foron doadas polo Areeiro, mentres que os elementos de protección foron aportados por Viveiros Agra, e José Ramón Moire fotografiou a xornada, ambos de forma desinteresada. Non faltaron a música e as regueifas do IES Marco do Camballón.