O Museo Etnográfico Casa do Patrón continúa a desenvolver o seu amplo programa de actividades de verán e outono. Onte organizou a charla Mouros galegos: o feito diferencial, a cargo do historiador Buenaventura Aparicio Casado, no salón de actos do IES Laxeiro, coa presenza de setenta alumnos. As seguintes citas terán lugar a fin de semana que se aveciña.

O centro etnográfico de Codeseda, na parroquia lalinense de Doade, acollerá o vindeiro sábado, 8 de outubro, a XIV Recreación do Proceso do Liño. As actividades arrancarán ás catro da tarde e, amais da explicación e demostración en vivo de cómo se facía tradicionalmente este proceso, haberá exposición de roupas de liño e de lá. O pintor Carlos Santos, colombiano afincado en Lalín, dirixirá un obradoiro de pintura. E a xornada rematará coa Foliada da Fía, na que tomarán parte Pandereteiras A Xariza de Parada e o grupo de gaitas Os Trasnos de Doade. O evento está organizado pola Asociación de Amigos da Casa do Patrón, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín.

Ao día seguinte, domingo 9, terá lugar un Obradoiro de pegadas, rastros e sinais no Camiño, a cargo de Ventos-Simbiose. Desenvolverase a partir das dez da mañá no tramo da Vía da Prata comprendido entre o Pazo de Liñares e a igrexa de Taboada, xa en Silleda. Esta actividade forma parte do programa O Camiño dos sentidos e dos saberes, impulsado no marco do Xacobeo 21-22.