Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O agónico caudal do río Arnego no verán do 2022

O Arnego abaixo da Pena da Frisca, afectado polo encoro de Portodemouros. P.L.C.

Na actualidade, o gran río Arnego atópase, como todos os ríos galegos, nunha situación moi complicada por causa da escaseza de auga, un grave problema para esta época do ano, porque aínda non chegamos á metade do verán (a metade do verán coincide, aproximadamente, co 5 de agosto, día da “anticandelaria”).

A conca do Arnego foi escollida, durante a época do “desarrollismo franquista” (na época histórica do Seat-600) para albergar un dos maiores encoros do val do río Ulla, o encoro de Fornelos, un auténtico monstro fluvial. Daquela colocarase unha estación de aforos en Ponte Toiriz, para medir o seu caudal e nesa estación recolleuse unha gran cantidade de datos entre os anos 1957-1970 (un rexistro duns 13 anos, o máis importante de todos cantos temos).

Nos anos seguintes, ata 2009, deixaron de recollerse datos de caudal e, a partires desa data, foi a propia Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente) a que se encargou de montar unha nova estación de aforos e recoller, de forma máis ou menos continua, tal información. Así pois contamos cunha nova serie de datos, que abarca, ata a actualidade, uns 12 anos (2009-2022).

A conca completa mide uns 380 Km2 e o espazo aforado (superficie de conca ata a estación de medición de Ponte Toiriz) uns 328 Km2, é decir, o 86,3% da súa superficie total. Na actualidade hai que ter en conta, que por culpa do encoro de Portodemouros, Ponte Toiriz é case o único punto no que se pode instalar unha estación de aforos que abarque a maior superficie posible desta conca fluvial, inscrita na vertente da Serra do Faro-Farelo.

O caudal medio, que en hidroloxía denominamos “módulo”, é duns 8,58 metros cúbicos por segundo (cos datos de medición entre 2009-2022). No ano 2018 o caudal medio de 8,6 metros cúbicos por segundo, que coincide, practicamente, co seu caudal modular e, por esa razón, empregamos este ano como referencia comparativa respecto do presente ano 2022.

Hidrogramas do río Arnego doa anos 2018 e 2022

A problemática

O ano actual caracterizase por ser un ano de precipitacións moi baixas e iso repercute de forma directa no caudal medio do río, que tamén é moi baixo. A finais de ano poderemos facer un balance anual pero, a día de hoxe ese balance é altamente negativo.

Se comparamos o ano actual co acontecido en 2018, un ano no que o caudal do Arnego era equivalente ao módulo (caudal medio avaliado dos últimos 12 anos), segundo se aprecia no gráfico (hidrograma que recolle o rexistro medio de caudal diario) pronto nos decatamos das grandes diferencias que existen. Así, por exemplo, o día 17 de xullo de 2018 o caudal do Arnego era 2,2 metros cúbicos por segundo e ese mesmo día (17 de xullo) deste ano 2022 é de tan só 0,6 metros cúbicos por segundo. Noutras palabras, a mediados de xullo deste ano, o caudal do Arnego equivale a tan só o 27% do seu caudal de hai catro anos (ano 2018). Un auténtico drama.

O río en Pena da Frisca, baixo da estación de aforos de Ponte Toiriz. A.P.

O hidrograma actual do Arnego (ano 2022) indicanos algo moi claro, que o caudal do río depende case exclusivamente dos aportes dos mananciais, de aí a súa gran importancia á hora da súa conservación e mantemento. O hidrograma é de perfil moi baixo pero bastante regular, porque todos os “picos” están relacionados con precipitacións que chegaron á rede fluvial. Aquí estamos ante o que en Hidroloxía se denomina “fluxo basal” e iso contrasta claramente co hidrograma de 2018. Niso é onde está a gran diferencia do que son “anos chuviosos” de “anos secos”.

O río, ao seu paso a carón da Ínsula da Ponte dos Cabalos. A.P.

Medidas a tomar

Ao meu entender este é un problema de gran transcendencia e deberían ser os propios alcaldes quen se mobilizaran e lle pediran á poboación, que depende das súas xestións, que procuren consumir tan só a auga imprescindible para cubrir as necesidades básicas e, sobre todo, evitar calquera clase de vertido contaminante aos ríos, arroios, regueiros, regueiras, regas, regatos, regos e barrioncas. En resumo, manter as augas limpas. Contra a escaseza de auga, o mellor remedio é a limpeza, a non contaminación de fontes, mamanciais, etc.

Compartir el artículo

stats