Un Presente que medra comezará a botar raíces en Silleda este sábado, día 2 de abril, coa plantación colectiva de todas as árbores e plantas que, grazas á contribución dos clientes de Mamasunción a través da compra de agasallos, se foron xuntando desde o Nadal. A tenda de consumo sustentable que rexentan Estefanía Fernández e Xosé Filloy conta coa “colaboración inestimable” do Concello de Silleda e da Feira Internacional de Galicia.

A parella de emprendedores puxo en marcha Un Presente que medra a imaxe e semellanza de Trees That Count, proxecto de recuperación forestal de máis dun millón de árbores autóctonas levado a cabo polo goberno de Nova Zelandia, onde Fani e Xosé viviron durante sete anos, antes de retornaren ao país e abrir Mamasunción. “Poñer en valor a biodiversidade de Deza e, por extensión, de Galicia” é –en verbas dos seus promotores– o obxectivo desta “iniciativa aberta á sociedade”, que se materializará, finalmente, na plantación con especies autóctonas deste sábado. Na acción, que se desenvolverá a partir das 11:00, están convidados a participar todos aqueles que ou ben mercaron ou ben recibiron un dos agasallos do proxecto.

A través deste proxecto, Mamasunción promove un uso social dun espazo verde nun entorno urbano e recreativo, involucrando dun xeito lúdico a familias, maiores e nenos, que aprenden a través dunha experiencia directa e de sensibilización ambiental acerca do patrimonio natural da comarca do Deza. A superficie habilitada polo Concello de Silleda, de 0,37 hectáreas, ubícase no núcleo urbano da capital trasdezá, entre a parcela da Residencia de Maiores e o recinto da Feira Internacional de Galicia. Para os seus promotores, trátase dunha “oportunidade única para poñer en valor un espazo urbano no que poderán pasear os usuarios da residencia e familiares, os propios veciños de Silleda, os membros da comunidade educativa, etc.”.

O proxecto, elaborado e coordinado na súa parte técnica pola consultora medioambiental e enxeñeira de montes Cristina Gende Seco, non se limita unicamente á plantación deste sábado. Nel tamén se inclúen todas as medidas de apoio e seguridade necesarias, tanto no día da plantación coma nos meses vindeiros, que garantan o correcto crecemento e a resistencia de todos os carballos, abeleiras, bidueiros, pradairos e romeu que encherán de vida ese pequeño recuncho de Silleda.

Desde Mamasunción animan a todos os veciños de Silleda, da contorna e mesmo do resto do país a “seren partícipes e crearen novos e, se cadra, máis grandes proxectos deste cariz que poidan axudar a poñer en valor os nosos espazos naturais”. Pola súa banda, Fani e Xosé aseguran que, no que a eles respecta, “isto non fixo máis que empezar”.

Cerdeiras no xardín da residencia

O CEIP Plurilingüe de Silleda e a Residencia de Maiores celebraron onte a chegada da primavera e o Día da Árbore cunha entrañable xornada de convivencia no xardín do xeriátrico, amais de poñer o seu gran de area na loita contra o cambio climático. Os tres grupos de 6º de Primaria plantaron varias cerdeiras no xardín da residencia, deixando na beira das árbores poemas –a maioría creados polos propios alumnos– en pequenas pizarras. Foi unha xornada de convivencia entre nenos e anciáns, na que colaboraron tamén a Consellería do Medio Rural –aportou as árbores– e o Concello de Silleda, co equipo municipal de xardinería botando unha man. O acto rematou coa lectura conxunta do alumnado dun poema de Florencio Delgado Gurriarán, a quen se adica este ano o Día das Letras Galegas. Asistiu a concelleira de Educación e Benestar, Ángela Troitiño, que agradeceu a colaboración dos dous centros e destacou os beneficios da iniciativa.