Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Deza
SALMA Sodki Kadri Premio da ESO ao esforzo e á superación persoal

“Todos imos atopar obstáculos na nosa vida, pero hai que saber cómo volver”

Tivo que abandonar os seus estudos aos 14 anos para coidar da súa avoa en Marrocos

Salma Sodki, na súa vivenda familiar en Silleda.

Salma Sodki Kadri, alumna do Instituto Pintor Colmeiro, é unha dos e das 20 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria aos que a Xunta concedeu os premios de ESO ao esforzo e á superación persoal. Son alumnos de cuarto curso que sacaron unha media de sobresaínte pese ás dificultades persoais,educativas ou do contorno familiar e sociocultural. Cada premio leva asignado 800 euros. Esta moza é a única galardoada dos centros educativos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

–Salma, ¿cal foi o problema ao que tivo que enfrontarse?

–Con 14 anos, tiven que abandonar o curso de terceiro de Secundaria e ir a Marrocos, a coidar da miña avoa. Tivo tres operacións seguidas, e logrou recuperarse. Pero á miña volta, eu xa perdera dous cursos.

–Non era ésta a primeira vez que vostede se enfrontaba a un traballo de integración, con novos compañeiros. Abonda con oila falar nun galego que xa quixeran dominar moitos...

–Levo vivindo en Galicia desde os 5 anos. Primeiro residín cos meus pais en Santiago, ata os 14 anos, e tras eses dous vivindo en Marrocos voltei, pero os meus pais mudáranse por sorpresa a Silleda, a onde cheguei con 16. Claro que ao comezo, cando era nena, tiña problemas de adaptación sobre todo polo idioma, pero dispoñía de clases extraescolares e acabei integrándome moi ben. Quizais foi máis difícil a integración en Silleda, porque tiña compañeiros novos, e o centro educativo tamén era novo.

–Pese a ter que empezar de cero outra vez, coma quen di, obtivo unha media de sobresaínte en cuarto. Agora cursa primeiro de Bacharelato pola rama social e, ademais, tamén traballa na hostalería. ¿Como se organiza?

–Adoito dedicarlle dúas horas e media ou tres horas diarias ao estudo, e intento sempre recapitular, por se me falta algún apunte. En canto remate o Bacharelato, quero facer o dobre grao de Dereito e Administración de Empresas.

–¿Que lles recomenda a compañeiros ou amigos que poidan estar pasando por unha dificultade que lles impida continuar co seu ritmo de estudos?

–Eu aconséllolles que, se teñen que deixar os estudos, que aproveiten ese tempo ao máximo. Eu non sabía qué facer na miña vida. Moita xente, cando tés 14 anos, pensa que só existen os adolescentes, osque teñen a súa mesma idade, pero temos que darnos conta de que en catro ou seis anos non vas volver ver esas persoas, e que o que realmente importa é atoparse a un mesmo, saber o que queres facer da túa vida. Eu, cada día, séntome e tento seguir cara adiante. Todos imos atopar obstáculos na nosa vida, pero hai que saber cómo volver.

–Leva vivindo dende nena en Galicia. ¿Ainda ten que soportar comentarios fóra de lugar por ser árabe e muller?

–Non, pouco a pouco vanse perdendo eses tópicos, no fondo son unha tontería.

Compartir el artículo

stats