Cultura realiza unha escavación arqueolóxica en Outeiro Grande

Os primeiros resultados revelan estruturas antrópicas en pedra e/ou terra e materiais cerámicos e líticos | Podería tratarse dun ‘henge’

Sondaxe na zona leste, onde parece que a estrutura está mellor conservada.

Sondaxe na zona leste, onde parece que a estrutura está mellor conservada. / Bernabé/Javier Lalín

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

É Outeiro Grande un henge? É o que pretende determinar a escavación arqueolóxica que desenvolve a Consellería de Cultura neste xacemento do Carrio. Ata dúas construcións deste tipo pode agochar este monte lalinense –Coto Grande sería a outra–, segundo un artigo científico elaborado hai uns anos por Pilar Prieto Martínez, Luis Cordeiro Maañón e Pablo Vázquez Liz. Un henge é unha estrutura arquitectónica prehistórica de forma circular ou ovalada que consiste nunha escavación limitada por unha zanxa e un terraplén. A miúdo confúndense con castros.

A actuación, que está previsto rematar esta semana, céntrase nunha elevación do terreo de planta circular e gran envergadura no que se identificou no ano 2018, mediante tecnoloxía lídar, un círculo lítico de probable adscrición prehistórica. Tendo en conta os posibles valores histórico-arqueolóxicos que pode ter o lugar, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural considerou necesario levar a cabo unha serie serie de traballos de investigación e rexistro do sitio para “avaliar a súa potencialidade arqueolóxica e obter información sobre a tipoloxía, cronoloxía e posible función desta estrutura”.

Excavación realizada na zona noroeste do xacemento, ao pé dun camiño de acceso ao monte.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Excavación realizada na zona noroeste do xacemento, ao pé dun camiño de acceso ao monte. / Bernabé/Javier Lalín

O obxecto da contratación, que conta cun investimento de 8.000 euros, foi a realización de traballos arqueolóxicos de investigación e rexistro do xacemento de Outeiro Grande. En concreto, os traballos consisten na realización de dúas sondaxes manuais con metodoloxía arqueolóxica dunha superficie de 25 metros cadrados, aproximadamente. Unha prospección, de 6x2 metros, acométese na zona noroeste do xacemento, mentres que a outra, de 9x1,5 metros, afecta ao leste, onde a estrutura circular parece mellor conservada.

Detalle dunha das zanxas abertas.

Detalle dunha das zanxas abertas.

Os labores en marcha tamén contemplan documentación fotográfica e planimétrica da área de actuación, incluída a realización de fotografía aérea (oblicua e vertical) con tomas xerais do xacemento e de detalle; toma de mostras e realización de analíticas para datación; e diagnose do estado de conservación. Asimesmo, procederase á divulgación entre a comunidade local dos traballos que se leven a cabo e sobre os valores propios do xacemento arqueolóxico. Neste sentido, realizarase unha visita guiada, prevista para o sábado 30 de outubro. O último paso será a elaboración dunha memoria técnica sobre os traballos realizados.

Vista aérea da sondaxe principal.

Vista cenital da sondaxe principal.

A intervención que se está a realizar estes días xa deu os seus primeiros resultados, confirmándose “a existencia de diversas estruturas antrópicas e de materiais cerámicos e líticos”, indican desde Cultura. “Ata o momento, atopáronse estruturas construídas en pedra, ou pedra e terra, nas dúas sondaxes que se están a escavar –explican–. Estas estruturas conforman un recinto circular, que discorre pechando un espazo bastante chan, e aproveitando os distintos outeiros naturais como fitos para axudar a construír o xacemento”.

Restos encontrados

Na zona escavada que se corresponde co espazo interior localizáronse tanto restos de cerámica como de seixo tallado. As evidencias parecen confirmar o carácter prehistórico da construción, se ben está prevista a recollida de distintas mostras de terra e carbón que permitirán datar con maior precisión o momento de construción e uso de Outeiro Grande.

O xacemento agocha moitos segredos pola súa singularidade, xa que podería tratarse dun sitio arqueolóxico tipo henge, admite Cultura. Este tipo de construcións a penas se teñen documentado en Galicia, se ben son habituais nas Illas Británicas ou en Portugal. En calquera caso, é preciso concluír os traballos para coñecer o seu proceso de construción e datar o seu momento ou momentos de uso, así como a súa función exacta.

Suscríbete para seguir leyendo