Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O misterio de Valbundín

Cotarro de Os Lameiros, lado oeste de Valbundín.

Nesta paraxe de enigmático nome existiu un manantial, Fonte Lantana, que abrollaba nunha pequena lagoa

O nome de lugar ou topónimo de Valbundín (Val Bundín, Val Gundín ou Val Guntín) resulta bastante chamativo, sobre todo, se temos en conta, que debe proceder do xermánico “gunthi”, que significa “batalla”. Mais o misterio de Valbundín non está na orixe da súa palabra, por enigmático que sexa, senón na existencia dun manantial que houbo na propia depresión do terreo, debida a unha falla de 3,65 quilómetros de lonxitude, de trazado NNL-SSO, localizada entre o Castro Montaz (Leste) e a paraxe coñecida como Os Lameiros (Oeste). Ese manantial, no pasado, recibiu o nome de Fonte Lantana, pero a consecuencia do trazado dunha pista na década dos anos 90, foi destrozada polos veciños de Cortegada, no municipio de Silleda, coa intención de levar a auga cara a súa parroquia, que, de feito xa marchaba cara a mesma por estar no val do rego de Cortegada.

Detalle da falla de 3,65 km de lonxitude que atravesa o terreo. A. P.

En realidade, Fonte Lantana era un manantial no que a auga abrollaba no terreo formando unha pequena lagoa circular de orixe, seguramente, antrópico e utilizada ao logo da historia como bebedoiro para o gando que ía ao monte (vacas, rebaños de cabras e ovellas), pero é moi posible que este manantial empezara a ser utilizado de forma habitual polos habitantes do primitivo poboado de Castro Montaz. A distancia entre o castro e o manantial de Fonte Lantana é duns 180 metros e o desnivel, a diferencia de altura entre ambos, duns 45 metros. Era o manantial máis cercano que tiña o asentamento castrexo e súa perdurabilidade no tempo chegaba, segundo información facilitada polos veciños que o ceñecían antes da súa destrucción, ata o mes de agosto.

É moi posible que a auga fora utilizada polos habitantes do poboado castrexo

Deste manantial hai que destacar dúas interesantes cuestións: por unha banda, a súa utilización por parte dos habitantes do castro e, por outra, a existencia dunha fermosa lenda que lle da o nome, actualmente perdido. Respecto da primeira cuestión, resulta moi lóxico e razonable que os habitantes de Castro Montaz utilizaran o manantial de Fonte Lantana, pero o problema é contar, a día de hoxe, con probas fiables que poidan avalar esa hipotese. Pois ben, no ano 2014, nun daqueles recorridos arqueolóxicos que organizaran os veciños da parroquia de Cortegada para dar a coñecer a importancia patrimonial dos seus montes, algúns dos participantes puidemos observar a existencia de anacos de cerámicas, de clara adscrición castrexa, mesturados coa terra revolta pola paleadora que abriu o camiño, na década de 1990, no sitio onde estivera a Fonte Lantana. Este importante achádego ven a demostrarnos que os antigos habitantes do gran castro recollían auga no manantial, empregando cacharros de barro e, de cando en vez, algún deles rompía durante o aprovisionamento. Os anacos de cerámica que ali atopamos, alí quedaron, unicamente lle fixemos algunha foto.

Anaco de cerámica de clara adscrición castrexa encontrado no ano 2014 no sitio onde estivera a Fonte Lantana. A. P.

En canto á fermosa lenda de Fonte Lantana, tan ben estudiada polo antropólogo Xoán Carlos García Porral (As Tres Mouras de Fonte Lantana, 2019), convén aclarar que se trata dun excelente relato no que se compaxina o misterio, co esoterismo e coa quimera de atopar tesouros escondidos nos máis recónditos lugares, pero, a fin de contas, lugares que teñen un transfondo mitolóxico.

Compartir el artículo

stats